Os décimos, convertidos en fontes documentais, representan cada unha das dez partes nas que se divide un billete ou número de lotaría. Estes documentos, ademais de cumprir cunha función práctica no contexto dos xogos de azar, tamén poden ser considerados fontes de información valiosas, tanto polo seu contido, como polo seu deseño. Ao longo do tempo, as súas características físicas foron evolucionando, aínda que, xeralmente, mantiveron unha serie de elementos comúns que permiten identificalos facilmente.

A maior parte da información relevante contida nun décimo atópase no seu anverso, ou parte frontal. Alí, inclúense os datos esenciais que identifican o sorteo específico e validan a participación do seu propietario. Por outra banda, no reverso, ou parte posterior, repítense moitos destos datos, como o tipo de sorteo, data de celebración ou un resumo dos premios que se poden obter. Amais, inclúe un conxunto de instrucións a seguir sobre este xogo.

Elementos que compoñen un décimo

1.- O número: a cifra coa que se participa no sorteo, que representa o número asignado ao décimo dentro do conxunto total de combinacións posibles.
2.- O título, ubicado na zona central do décimo, que especifica o tipo de sorteo ao que corresponde, como pode ser o Sorteo Extraordinario de Nadal, do Neno, entre outros.
3.- A data, sinala o día exacto no que se levará a cabo o sorteo.
4.- A sinatura, corresponde ao presidente de Loterías y Apuestas del Estado, e se sitúa xusto debaixo do título do sorteo.
5.- O número do sorteo, aparece na esquina superior dereita do décimo. Indica tanto o número de orde do sorteo como dentro do ano en sí, permitindo ubicar cronoloxicamente ese sorteo.
6.- A serie: refírese a cada unha das sucesións de billetes de Lotaría Nacional que participa nun sorteo.
7.- A fracción, identifica a cada un dos décimos que compoñen un billete completo, diferenciándoos entre sí, dentro dunha mesma serie.
8.- O prezo, que aparece indicado na parte inferior dereita, que se corresponde co valor monetario que debe pagarse para adquirilo, expresado en euros.
9.- O código de barras, incorporado en datas máis recentes coa dixitalización, situado debaixo de todo, permite verificar, despois do sorteo, si está premiado.
10.- A numeración final: ubícase debaixo do código de barras e cumpre cunha función de seguridade, axudando a evitar falsificacións. 
11.- A infografía ou ilustración: situada no lateral esquerdo, consiste nunha imaxe que aporta valor estético ou incluso cultural a este anaco de papel.

 

Cada un destes décimos, amais de servir como documentos de xogo, ofrece información significativa sobre o contexto cultural e artístico. De feito, os seus deseños non son aleatorios, senón que se planifican e elaboran na Fábrica Nacional de Moneda y Timbre (FNMT), que se encarga tanto da súa creación gráfica como da súa impresión. 

Nos primeiros sorteos de lotaría, os décimos caracterizábanse pola sinxeleza, sobriedade e por ser puramente funcionais; non se lles outorgaba especial relevancia aos seus elementos decorativos. Con todo, co paso do tempo, esta situación foi cambiando. A medida que se consolidaba o uso masivo da lotaría, comezaron a incorporarse ilustracións de calidade, en moitos casos inspiradas polas correntes artísticas predominantes en cada época.

Durante o século XIX, os primeiros adornos que se introduciron nos décimos foron principalmente motivos ornamentais presentados cunha gran variedade de estilos, e, co tempo, fóronse engadindo outros elementos como escudos oficiais e selos, que aportaban un carácter institucional ao documento.

Con todo, o cambio máis significativo en canto ao deseño dos décimos non se produciría ata o ano 1960, xa en pleno século XX. Foi nese momento cando se introduciu un motivo gráfico único para cada sorteo, o que supuxo un antes e un despois na apariencia e no simbolismo destes documentos. Desde entón, cada sorteo comezou a contar cunha imaxe específica, o que deu lugar ao desenvolvemento de series temáticas, xeralmente de carácter anual.

Mascarón de proa

Porta de San Vicente de Ávila

Hórreos en Pontevedra

Fonte das Burgas de Ourense

Estas series non só aportaban un valor estético e cultural ao décimo, senón que foron aproveitados polos gobernos, rexímenes e reinados como un xeito efectivo de propaganda estatal. Ao incluír nos décimos motivos relacionados con efemérides patrióticas, monumentos, figuras históricas ou eventos culturais ou deportivos, utilizábase este medio de circulación masiva para reforzar valores, ideoloxías ou a identidade nacional. A lotaría, que xa contaba cunha grande implantación social, convértese así nunha plataforma de comunicación promovida por quen detenta o poder político e cultural en cada etapa histórica. 

< Previous page Next page >