
A historia dos xogos de azar, e, en particular, da lotaría, remóntase a tempos moi antigos. A primeira evidencia documentada que se conserva procede da China, concretamente durante o período da Dinastía Han, entre os anos 205 e 187 a. C. Nesta época, utilizaban uns billetes, coñecidos como keno, unha forma de lotaría primitiva que se mantén na actualidade nos casinos chineses.
En España, a lotaría ten a súa orixe no século XVIII, durante o reinado de Carlos III (1759-1788). Foi un dos seus ministros, Leopoldo de Gregorio, Marqués de Esquilache, quen impulsou a implantación deste sistema coa finalidade de mellorar a economía do Estado, inspirado polo modelo que o propio monarca coñecera en Nápoles durante o seu goberno alí. Así, en 1763, estableceuse, mediante Real Decreto, a chamada Lotaría Real, unha especie de Lotaría Primitiva cuxos beneficios destinábanse a financiar hospitais, hospicios e outras obras benéficas e de interese público.
Con todo, non foi ata tempo despois, o 4 de marzo de 1812, cando tivo lugar o primeiro sorteo da Lotaría Nacional, data que sinala, oficialmente, o seu comezo, convivindo, ámbolos dous xogos, ata 1862, cando este sorteo primitivo desaparece.
Un dos fitos máis importantes na evolución desta tradición foi a celebración do primeiro Sorteo Extraordinario de Nadal, no ano 1818, aínda que non foi ata 1839 cando comezou a realizarse de xeito anual. Na década de 1880, engadiuse outro sorteo significativo: o do Día do Neno, que tamén pasou a ser un costume social co tempo.
Xa no século XX, a oferta deste tipo de xogos diversificouse considerablemente. No 1924 instaurouse o Sorteo da Cruz Vermella. En décadas posteriores xurdiron outros sorteos que conectaban cos intereses populares, como La Quiniela, no 1946, ligada ao fútbol e aos seus resultados. No 1985 apareceu un novo sorteo de La Primitiva, que desaparecera no 1862 tras case un século de vixencia desde o seu nacemento; tres anos despois, no 1988 celébrase o primeiro sorteo da BonoLoto; e no 1993 lanzouse El Gordo de La Primitiva, que gañou grande popularidade e mantense ata a actualidade. Todos estes sorteos foron consolidando unha profunda tradición na sociedade española, cunha participación masiva e unha forte presencia cultural.
Pouco a pouco, a estrutura e frecuencia dos sorteos foi evolucionando. Ao longo dos séculos XIX e XX, afianzáronse distintos tipos de sorteos. Por un lado, os ordinarios, de frecuencia regular (xoves e sábados), cunha emisión máis reducida; por outro, os sorteos especiais, celebrados algúns sábados con maiores premios e vinculados a datas sinaladas; e, finalmente, os sorteos extraordinarios, os máis populares, coma o propio Sorteo de Nadal, que son os máis agardados e mediáticos, pola contía dos premios que reparten.
En canto ao procedemento técnico dos sorteos, existen dous sistemas. O método tradicional, vixente só no Sorteo Extraordinario de Nadal, desde 1965 (e, ocasionalmente, noutros sorteos especiais), que utiliza dous bombos: un con todas as bolas numeradas do 00000 ao 99999, e outro cos diferentes premios a repartir
O sistema moderno, adoptado tamén no 1965, é o que se utiliza de xeito habitual nos sorteos actuais, amplamente coñecido pola súa retransmisión televisiva. Este método conta con cinco bombos automáticos, cada un coas cifras do 0 ao 9. A medida que se extrae unha bola de cada bombo, vanse formando os números premiados cifra a cifra. Este proceso mecánico permite unha execución áxil e transparente, garantindo tanto a fiabilidade do sorteo como o seu carácter público.





