Nacemento en Chapa, Silleda.
Biografía
Biografía e contexto artístico
Resumo da vida e obra de Manuel Colmeiro
Un breve percorrido pola traxectoria vital e creativa dun dos nomes esenciais para comprender a renovación da pintura galega do século XX.
Vida e formación
Manuel Colmeiro Guimarás naceu o 7 de agosto de 1901 en Chapa, unha pequena parroquia rural do municipio pontevedrés de Silleda. Era apenas un neno cando en 1910 os seus pais emigran a Arxentina e ata 1913 non poderá reunirse con eles.
A súa etapa de adolescencia e primeiros anos de mocidade transcorre en Bos Aires, capital do entón considerado un dos países máis ricos do mundo, unha cidade en crecemento e auxe cultural que vai favorecer as súas inquedanzas artísticas e intelectuais. Alí recibe algúns ensinos oficiais académicos, pero a súa formación será esencialmente autodidacta e resultado de compartir experiencias creativas en talleres e grupos de traballo.
Durante a estancia bonaerense ponse de manifesto a súa conciencia social e a preocupación polas clases traballadoras. As actividades portuarias acaparan particularmente a atención do mozo Manuel e son temas para debuxos e pinturas.
Colmeiro permanece na Arxentina ata 1926, ano de regreso a Galicia. O reencontro coa terra natal, coa vida rural, coa paisaxe e as xentes que persistían fortemente na súa memoria incentivan a súa dedicación á pintura e reafirman o seu sentir nacionalista. Pinta paisaxes, retratos, bodegóns e composicións con figuras, pero as súas obras afástanse do realismo académico e do costumismo tradicional a través de propostas renovadoras.
Expón por primeira vez en Galicia en 1928, en Vigo, unha das súas cidades de referencia, na sala do periódico Faro de Vigo. Ese mesmo ano recibe a primeira das pensións que ata finais de 1930 concédelle a Deputación de Pontevedra, axudas económicas que lle permiten viaxar e coñecer de cerca a pintura moderna española e europea. Continúa mostrando as súas obras en distintas cidades, en Lugo faino en 1933, no Círculo das Artes. Pasa un tempo en Barcelona e en Madrid, pero regresa a Galicia. En 1929 casa con Emilia González e desa unión nacerán tres fillos, Alba, Elena e Albino.
Emigración familiar e reunión cos seus pais en Bos Aires.
Regreso a Galicia, reencontro coa paisaxe e reafirmación da súa identidade artística e nacional.
Primeiras exposicións en Galicia con apoio institucional da Deputación de Pontevedra.
Exilio, Bos Aires e París
Polas súas conviccións políticas e o compromiso coa República, ao comezo da Guerra Civil Española vese forzado a exiliarse e opta por volver a Arxentina, país de acollida de tantos exiliados galegos. Chega a Bos Aires en xaneiro de 1937, mentres que a súa familia queda en Galicia á espera de poder reunirse con el, o cal non será posible ata 1941.
En Bos Aires coincide con outros significados artistas e intelectuais galegos no exilio, Castelao, Seoane, Dieste…, con quen comparte o sentimento profundo por Galicia e o pesar pola guerra. O propio Seoane nunha carta a Isaac Díaz Pardo datada en decembro de 1978 déixanos ver como foi a relación entre eles: “Ninguén pode saber canta amizade e solidariedade existiu entre Dieste, Otero Espasandín, Colmeiro, Varela e eu durante a nosa coincidencia de moitos anos en Buenos Aires, traballando xuntos, levantando castelos no aire; de canto fixemos xuntos por Galicia e canto sacrificamos da nosa vida nesas cuestións. Fomos verdadeiros irmáns.”
As pinturas dos anos da segunda estadía en Arxentina revelan nostalxia e desolación. Abundan os retratos de seres queridos, as maternidades e as escenas de guerra, que mostran a un autor impresionado polo horror do conflito bélico. Tamén durante esa etapa forma parte do grupo de artistas do Taller de Arte Mural, xunto aos arxentinos Antonio Berni, Juan Carlos Castagnino, Lino Enea Spilimbergo e Demetrio Urruchúa, con quen executa entre 1945 e 1946 os murais para a cúpula das emblemáticas Galerías Pacífico na capital arxentina.
En 1949 Colmeiro trasládase a París, onde durante a posguerra se vive aínda o ambiente creativo consecuencia do asentamento das vangardas artísticas de principios do século XX e no que conflúen artistas de todo o mundo. Na capital francesa establece relación con pintores da denominada Escola de París, entre eles Francisco Bores, Gines Parra e Óscar Domínguez. En 1950 realiza a súa primeira exposición parisiense, na Galería Zak. A súa pintura é agora máis luminosa e a cor adquire maior protagonismo. Tamén intensifica a práctica do debuxo. Son abundantes os apuntamentos do natural de diversos lugares da cidade. En París afianza a solidez do seu proxecto pictórico e alcanza plena madurez artística. Durante anos, viaxa con frecuencia a Galicia e pasa tempadas en Silleda e en Vigo. En 1986 regresa definitivamente á súa terra. Tiña vivido fora moito tempo, pero iso non fixo máis que reafirmar a súa inquebrantable galeguidade.
Colmeiro faleceu o 1 de outubro de 1999 en Salvaterra de Miño, Pontevedra.
“Ninguén pode saber canta amizade e solidariedade existiu entre Dieste, Otero Espasandín, Colmeiro, Varela e eu durante a nosa coincidencia de moitos anos en Buenos Aires (...). Fomos verdadeiros irmáns.” Isaac Díaz Pardo
Obra e legado artístico
Manuel Colmeiro é un artista primordial no proceso de revitalización e renovación da arte galega, imprescindible para comprender a evolución da pintura galega no século XX. Forma parte da vangarda histórica, de “Os Novos”, xunto a Maside, Torres, Souto, Fernández Mazas, Laxeiro e Seoane.
Ao longo da súa traxectoria abordou diversos temas e xéneros, retratos, maternidades, espidos, bodegóns, escenas de feiras e mercados, paisaxes e paisaxes con figuras. Fixo protagonistas dos seus cadros a personaxes sinxelos, reinterpretou panorámicas. Tratou con insistencia algunhas escenas e composicións.
A muller tivo un protagonismo fundamental no conxunto da súa obra. A muller-nai, a que realiza diferentes traballos no campo, a panadeira, a que compra ou vende produtos nas feiras, a muller-deusa, as tres Grazas, as bañistas, que forman parte da natureza e a paisaxe… A carga simbólica está presente en pinturas que se nutren de temas arraigados na súa memoria, de valores tradicionais e paixón por Galicia.
A comezos dos anos 30 e durante un tempo o artista desenvolve unha serie de traballos no ámbito da abstracción, que ao final lle serven para recoñecerse e ratificarse como pintor figurativo, no que a expresividade da materia pictórica, da cor, é determinante e respalda a entidade da súa pintura.
Exposicións e recoñecementos
Lembramos algunhas exposicións de obras de Colmeiro realizadas aínda en vida do pintor. En Madrid a Nacional de Belas Artes de 1968, na sala monográfica nºIX do Palacio Velázquez, onde se exhibiron 19 cadros seus, e a antolóxica no Museo Español de Arte Contemporánea en 1983. En Galicia, a Bienal de Pontevedra de 1995 ou a antolóxica na Casa das Artes e o Centro Cultural Caixavigo en 1999, o ano da súa morte.
Tempo despois leváronse a cabo interesantes mostras de revisión e recoñecemento do seu traballo, como a da Galería Montenegro de Vigo en 2011 e a do Museo de Belas Artes da Coruña en 2014. Máis adiante, Espazos e encadramentos, en 2020, e MANUEL COLMEIRO (1919-1939). Arte en tempos de desasosego, en 2021, ambas no Museo MARCO de Vigo. E as máis recentes Colmeiro. Cor e sentimento, na Fundación Seoane da Coruña en 2022, e As cidades de Colmeiro, exposición inaugurada en novembro de 2025 en Vigo e en marzo de 2026 en Lugo, precisamente no Museo Provincial.