O edificio, cuxa orixe se remonta ao século XIV, foi a torre de Xiá, a fortaleza dos Seixas derrubada polas revoltas irmandiñas. Reconstruída como palacio por Vasco das Seixas “o Mozo” a comezos do século XVI, foi reformada durante o XVIII pero mantivo elementos defensivos e arquitectónicos de grande interese histórico. Forma parte da Rede Museística Provincial de Lugo dende a súa creación. Abríu ao público o ano 1983 como sección etnográfica do Museo Provincial de Lugo. Vinte anos despois, un novo plan museolóxico reordenou as súas coleccións cun percorrido expositivo que dignificou de xeito esteticista pezas e materiais.

O museo ocupa os diferentes espazos da fortaleza. A colección atingue a aspectos da historia, da cultura e da vida cotiá da sociedade galega, así como elementos militares vinculados ao propio edificio. Entre as pezas destacadas figuran armas antigas, ferramentas agrícolas, obxectos domésticos e mobles históricos.

Entre os anos 2022 e 2024, o museo mudou o seu plan museográfico e museolóxico no marco dos proxectos “Soterradas: a vida tralos mantelos, da Fortaleza ao Pazo” e “Soterradas: vidas e historias na busca dun contexto de xustiza social”. Amais das certezas acadadas arredor da historia construtiva, desenvolveuse unha lectura máis ampla e contextualizada de espazos e coleccións coa incorporación de perspectivas ata ese momento ignoradas. O museo tornou en espazo para a reflexión crítica sobre a historia social.

Como parte da Rede Museística Provincial, San Paio de Narla conxuga a conservación das súas coleccións, de acceso aberto, con actividades culturais e educativas en estreita vinculación co territorio.

PAZO DE TOR - Rede Museística Provincial de Lugo
Next page >