Benvida
O edificio que alberga o Museo Provincial do Mar naceu para ser escola de San Cibrao no ano 1931, pola vontade de D. José Mª Montenegro e Dna. Manuela Goñi Maíste, matrimonio emigrante na Arxentina.
Partindo da colección de pezas recollidas polo mestre D. Francisco Rivera Casás e os seus alumnos, a Deputación de Lugo acorda crear un museo adicado ao mundo do mar en 1969. Estivo xestionado pola Asociación de Veciños “Cruz da Venta” dende 1994 ata 2004, momento no que a Deputación Provincial, por medio do Museo Provincial de Lugo, tomou o relevo na dirección.
O Museo Provincial do Mar, primeiro museo do mar de Galicia de carácter público, conecta coa identidade da xente do mar. Recolle memoria e historia de mariñeiros e pescantinas, mariscadoras, de navegantes e cazadores de baleas, redeiras e carpinteiros de ribeira. Trátase dun museo que fala da vida na costa e da simbiose da súa poboación cun medio, o mariño, duro e ao tempo fráxil na súa biodiversidade.
