Peza de forma penanular, obtida mediante a unión de varias láminas polos dorsos. Parte proximal con dous pivotes de sección circular contrapostos en arco e soldados aos extremos con pequenas esférulas. Decorada polas súas dúas caras principais a base de nove pares de funiculares concéntricos aos bordos, o dorso convexo tamén está decorado con fíos unidos entre si de distintas formas (serra, liso e funiculares torcidos).
De forma penanular obtida mediante a unión de varias láminas. A parte proximal con pivotes de sección circular soldados. Interior oco. Láminas decoradas con liñas concéntricas aos bordos nas dúas caras principais. Decoración no dorso interior con zigzags de gránulos e no exterior triángulos.
Pequena figura oca dun animal de catro patas, especie de carneiro con cornos e ás, realizada con láminas soldadas, profusamente decoradas a base de filigrana e gránulos. O carneiro presenta a cabeza levantada, a boca aberta, cornos retorcidos, orellas aguzadas, ás curvadas cara adiante e rabo longo. Todo o corpo da figura está cuberto de escamas confeccionadas con fío de filigrana retorcido; este fío utilízase tamén para disimular as unións das láminas e para perfilar as distintas partes do animal: patas, ollos, colo, etc. Figuras zoomórficas e flores de seis pétalos decoran parte do corpo da peza, dúas aves e dous cuadrúpedos, cuxo contorno está delimitado polo fío de filigrana. Pero o seu interior aparece recuberto por un finísimo granulado; esta técnica repítese nas rosetas.
Colar ríxido, composto por unha barra, de sección circular no tramo central e heptagonal nos trazos laterais, recubertos de arames enrolados, convexos polo exterior e planos na súa cara interna, presentando 24 espirais nun terzo e 22 no outro. O tramo central circular presenta un traballo de filigrana aplicada de 7 fíos soldados á barra, que delimitan 6 bandas paralelas decoradas con dous fíos entrelazados formando oitos. Na zona interior aparece unha marca estampada en forma de aspa. Remates ocos en dobre escocia.
Peza en forma de ril e estrutura laminar, tipo labirintiforme. Decoración do dorso interior cóncavo a base de filigrana formando espigados e no dorso exterior convexo dous frisos horizontais separados por fios de ouro nos que se asentan grupos de gránulos formando triángulos opostos pola súa base e saparados por un fío central. As caras principais forman dous tabiques internos concéntricos aos bordos. A parte proximal con dous traveseiros soldados a ambos os lados con granulado na base e moi próximos nos extremos.
De forma penanular obtida mediante a unión de varias láminas. A parte proximal leva dous pivotes irregulares, contrapostos e soldados. O interior é oco. Só se conservan anacos das láminas que cubrirían as dúas caras principais, decoradas con liñas concéntricas aos bordos.