Historia da colección
A colección de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo: orixe, depósito, adquisición pública e posta en valor dun conxunto patrimonial excepcional.
A sala da ourivería antiga
A sala 8, onde se expón esta colección do MPL, atópase na primeira planta do Museo de Lugo, especialmente acondicionada para esta exposición monográfica.
O anterior proxecto museográfico foi realizado no ano 1999. Coa volta da colección de Álvaro Gil Varela elaborouse unha nova museografía, inaugurada no ano 2018, para modernizar a súa exhibición incidindo nunha presentación segura, didáctica, accesible, funcional, amena e atractiva.


Blanco Cicerón e Álvaro Gil Varela
Con respecto á historia e avatares da colección resumimos dous artigos (BALSEIRO GARCÍA: 2015, 2016) para ilustrar esta cuestión tendo en conta que os dous protagonistas da orixe da, actualmente colección de ourivería antiga do MPL, son R. Blanco Cicerón e A. Gil Varela, ambos os dous estarían inscritos na teórica lista de ilustres coleccionistas galegos contemporáneos entre finais do s. XIX e mediados do XX.
Tamén teñen en común un marcado galeguismo entendido do xeito e da época que lles tocou vivir, que ten que ver co sentido de investigar ou poñer en valor os bens que coleccionaban ou protexían.
Pero mutatis mutando, a pesares da diferencia dos contextos cronolóxicos, sociais e/ou económicos, ambos os dous teñen en común o coleccionismo e a propia heteroxeneidade das súas coleccións dado que aínda que aquí só se analise a ourivería antiga, non só se interesaron pola arqueoloxía senón que os seus gustos abranguen antigüidades, artes mobles e decorativas, belas artes, fondos bibliográficos e arquivísticos, etc.
Primeiras exposicións e documentación gráfica
A primixenia colección de ourivería de Blanco Cicerón xa estivo nas vitrinas da Exposición Regional Gallega de 1909 en Santiago de Compostela da que Blanco-Cicerón era integrante da Comisión Xestora e vicepresidente da Sub-comisión de Obras e da Sección Arqueolóxica.
Daquela (1909) hai unhas fotografías de Chicharro Bissi e despois outras do fotógrafo catalán Pelai Mas que tamén inmortalizou as devanditas xoias prerromanas en 1919 facendo trinta fotografías de gran calidade da colección de ourivaría de Blanco-Cicerón por expreso encargo del, pero tamén percorreu Galicia facendo un gran traballo de documentación gráfica.

O depósito de Gil Varela
Probablemente tamén Gil Varela consideraría que esta colección non debería saír de Galicia, polo que a adquiriu no seu momento, e/ou que debería estar exposta nunha institución pública ao servizo da sociedade polo que escolleu o Museo Provincial de Lugo para depositala en 1974, pouco despois da adquisición aos herdeiros de Blanco Cicerón e cando xa comprara o torques de Burela.
O groso da colección foi depositado por Gil Varela no MPL o 28 de febreiro de 1974, pero o chamado “carneiro alado de Ribadeo” engadiríase en 1976 ao igual que unha moeda áurea de Fernando VI e máis tarde, en 1980, o espléndido brazalete de Ourense.
Avatares, litixios e regreso ao museo
Un dato curioso con respecto ao inventario de pezas da colección de Blanco-Cicerón é o nº 39 “un anel signatario ibérico atopado na provincia da Coruña, aro liso e chatón no centro suxeito por dúas garras de león” do que non temos noticias.
Despois de quince anos de sucesivos desencontros entre a Deputación de Lugo e os herdeiros de Gil Varela sobre a propiedade da colección de ourivería e pintura ingresada por Gil Varela no MPL na década dos setenta, no mes de xuño de 2013 o Tribunal Supremo dicta sentenza donde se determina a titularidade dos bens en litixio e o pagamento das custas procesuais por parte do ente provincial.
Pouco máis tarde, o 14 de outubro de 2013 foi iniciado un expediente de declaración como Ben de Interese Cultural pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (DOG do 23/10/2013) a instancias da Facultade de Xeografía e Historia da USC.
No mesmo mes de outubro tamén se procede ao levantamento do depósito por parte dos propietarios, retirando tanto a colección de ourivería como a de pintura.
No 2014 xa se anuncia o acordo entre a Deputación e os herdeiros de Gil Varela pero non é ata o 10 de febreiro de 2015 cando se asina o contrato de compravenda a realizar en cinco prazos ou anualidades cuxa data final de adquisición do conxunto da colección remataría no ano 2018 por un importe total de 2.346.200 €.
Ese mesmo día pola tarde procedíase á reapertura da sala nº 8 coas pezas que regresaban ao MPL despois dunha ausencia

dun ano e catro meses. Como colofón desta relación de feitos en maio de 2015 a colección foi finalmente declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.
A estas pezas únense outras doadas, adquiridas ou depositadas en distintos momentos no Museo Provincial de Lugo coma as arracadas de Suegos, Agra dos Castros, Recouso e Bretoña, o torques do castro de Bardaos, a pulseira de Palas de Rei, as tortas áureas de Recadieira, Zoñán e Corbazal ou un anel e un pendente visigótico, que complementan un conxunto único de gran importancia patrimonial.
Nota 1. Resolución do 14 de outubro de 2013 da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de incoar o expediente para a declaración de ben de interese cultural da colección Álvaro Gil Varela de ourivería prerromana (DOG núm. 203, do 23 de outubro).
DECRETO 77/2015, do 21 de maio, polo que se declara Ben de Interese Cultural a colección de ourivería Álvaro Gil Varela, publicado no DOG Núm. 104, do 4 de xuño de 2015.
Da ourivería prerromana á ourivería antiga
Finalmente, outra cuestión a destacar é a primeira denominación de ourivería prerromana para a colección orixinal Blanco-Cicerón, posto que abranguía cultural e cronoloxicamente a Idade do Bronce e do Ferro, fundamentalmente, do Noroeste peninsular; agora tamén temos outras pezas áureas de contextos galaico-romanos e de tradición xermánica así como outras de procedencia descoñecida, pero en todo caso claramente alóctonas coma o carneiro alado, polo que a sala 8 onde se expón a colección completa amósase baixo o título xenérico de sala de ourivería antiga.
Das 56 pezas da colección, un 22% ten orixe descoñecida e un 18% dubidoso ou só aproximado, por non mencionar que só dous dos obxectos expostos proceden de sistemáticas escavacións científicas (a torta de Zoñán e a arracada de Agra dos Castros, números 52 y 46 do catálogo) as demais son produto de achados casuais e/ou perdeuse a información orixinal da súa aparición ao pasar por varios propietarios.
Esta peculiaridade fai que, ás veces, determinar a súa verdadeira orixe sexa máis un labor propio de detectives que de investigadores e contribúe a dificultar o seu encadre concreto.
© Texto extraído do catálogo A colección de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo, Lugo: Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, 2018, pp. 29-31.