Torques
Os torques son colares metálicos ríxidos presentes en distintas culturas da Antigüidade, pero no Noroeste Peninsular dentro do eido da Cultura Castrexa (ss. VI-I a. C.) forman un conxunto senlleiro. Caracterízanse por estar compostos dunha variña en forma de “c” de sección romboidal ou circular e remates volumétricos, pero esta definición xeral presenta múltiples variantes e/ou tipoloxías. En función da súa morfoloxía poden establecerse os seguintes tipos (Balseiro, 1994):
I. Torques con variña de sección circular e remates piriformes.
II. Torques con variña de sección romboidal e remates piriformes.
III. Torques con variña de sección circular e remates en dobre escocia.
IV. Torques con variña de sección romboidal e remates en dobre escocia.
V. Torques con variña de sección circular con terzos inferiores cubertos de arames enrolados e remates piriformes.
VI. Torques con variña de sección circular con arames enrolados e remates en dobre escocia.
VII. Torques con variña de sección romboidal e remates pouco desenvolvidos.