Cazo en miniatura, fundido en prata, para levar pendurado. Presenta no reverso do mango (que remata en forma triangular) a marca de contraste oficial, un pentáculo ou estrela de cinco puntas dentro dun círculo, propia das producións españolas posteriores a 1933. Sobre a súa utilidade ou función, podería tratarse dun amuleto de "cinto de infante" ou "relicario lactante", do que iría colgado xunto con outras pezas metálicas na procura dun tintín atávico.
Fibela de zapato de planta hexagonal, cos seus laterais alongados. O cerco consiste nunha orla metálica de ovas depuxadas que cinguen o perímetro dun outro hexágono concéntrico co seu marco resalteado. No centro, unha fiestra de vidro convexa transparenta sobre un fondo esmaltado en rosa un ramallete de flores feitas en algodón e boliñas de vidro, a modo de pequenas perlas. O reverso conserva a armazón e mecanismo de peche e engarce coa lingüeta do calzado, con dúas púas e engarce tipo U maiúscula nunha lingüeta ovoide rematada en dous segmentos ondulados diverxentes.
Fibela de zapato de planta hexagonal, cos seus laterais alongados. O cerco consiste nunha orla metálica de ovas repuxadas que cinguen o perímetro dun outro hexágono concéntrico co seu marco resalteado. No centro, unha fiestra de vidro convexa transparenta sobre un fondo esmaltado en rosa un ramallete de flores feitas en algodón e boliñas de vidro, a modo de pequenas perlas. O reverso conserva a armazón e mecanismo de peche e engarce coa lingüeta do calzado, con dúas púas e engarce tipo U maiúscula nunha lingüeta ovoide rematada en dous segmentos ondulados diverxentes.
Esencieiro ou pequeno perfumador en cristal de roca tallado, de corpo rectangular coas súas aristas cortadas en chafrán. A face principal vai decorada cun cartucho cóncavo, rectagular cos lados menores pechados en triángulo, esmaltado en vermello, e dous discos, tamén cóncavos, esmaltados en verde, nos extremos. Conserva o tapón, de corpo troncocónico invertido e facetado. Quizais formou parte dos dixes dunha leotina o, mellor, dun "cinto de infante" ou "relicario lactante"
Gorra de prato, militar, propiedade de Miguel Ángel Quesada (marido de Mª Paz Taboada), feita en tea de pano de cor verde musgo, con tres estrelas de oito puntas cada unha, correspondentes ao rango de coronel, e aguia coroada coas ás estendidas e a cruz de Santiago no medio. O interior con suadoiro de coiro e etiqueta do fabricante. Elaborada pola xastrería "Hijo de Jesús Martínez".
Insignia en metal dourado. O anverso consiste nun escudo coroado coa imperial. A bordura do escudo remata no xefe en dúas volutas das que nace a coroa; o campo, nun óvalo orlado con palmas flameantes, vai relevado un calvario (cruz sobre montículo). Tres bezantes cruzados por aspas incisas (emblemas das chagas de Cristo?) dispóñense a ambos lados e xusto debaixo da imaxe. A falta de máis datos e referencias, presupoñemos sexa un recordo de Terra Santa. O reverso, plano, conserva o prendedor para o levar nun ollal.
Antuca de dez variñas, tea de cor verde distribuída en dez panos e empuñadura de prata coa inscrición "María". Complemento do traxe, do protocolo do vestir vitoriano, e para preservar a pel branca que connotaba o status social da propietaria. Pertenceu á nai de María Paz Taboada, María de Andrés García.
Antuca de oito variñas, tea de cor gris nacarado distribuida en oito panos con empuñadura de metal con baño de prata labrada formando follas e a cabeza dun ave (periquito). Complemento do traxe , do protocolo do vestir vitoriano, e para preservar a pel branca que connotaba o status social da propietaria.
Antuca de dez variñas en tea de cor negra en outros tantos panos e coa empuñadura de prata e inscrición coas iniciais PC (Pura Cuenca). Complemento do traxe, do protocolo de vestir vitoriano, e para preservar a pel branca que connotaba o status social da propietaria.
Pulseira feminina composta por moedas de 10 céntimos de peseta de Alfonso XIII (con data de acuñación de 1910) e unha peseta peruana acuñada en 1880, unidos a unha cadea sinxela mediante argolas e a unha placa lisa trapezoidal de lados curvos cuxo campo leva a inscrición en cursiva, quizais de lectura apotropaica: "¡Qué horror!"
Sombreiro masculino, de fungo, tipo bombín (bowler hat), coa súa copa circular e ala recortada en feltro negro con cinta e bordes en seda negra. Interior da copa forrada en seda co selo da marca: baixo o emblema da casa (tres medallas celebrativas dos premios recibidos, coroadas polo león e o unicornio, tenantes do escudo do Reino Unido), PRIZE MEDALS AWARDED TO TRESS & CO. LTD. LONDON. GOLD MEDALS PARIS, SYDNEY & CALCUTA. Comercializado por F. de Francisco, en Madrid, onde sería adquirido.
Sombreiro masculino, tipo bombín (bowler hat), coa súa copa circular e ala recortada en feltro negro con cinta e bordes en seda negra. Interior da copa forrada en seda co selo da marca: Lock Hatters London Trade Mark. Comercializado en Santiago de Compostela por FRAGA, proveedor de Alfonso XIII.
Sombreiro masculino tipo chistera en feltro de cor negro, de copa ríxida, alta e cilíndrica, lixeiramente afusada, coa súa cinta de lá na base viveada con fío de grog. De ala recta, recurvada cara arriba nos laterais. Confeccionado en Milán e comercializado por Centro de la Moda, establecemento que estaba situado na rúa compostelá do Vilar.
Sombreiro masculino tipo chistera en feltro atiesado e cor negro, de copa ríxida, alta e cilíndrica, lixeiramente afusada, coa súa cinta de lá na base viveada con fío de grog. De ala recta, recurvada cara arriba nos laterais. Confeccionado en Londres por HAT MANUFACTORY (conserva o membrete heráldico, cos consabidos león e unicornio tenantes do escudo do Reino Unido e nome da casa) e comercializado en Santiago de Compostela por A. Riuso. Pertenceu, supoñemos, a José Taboada, pois as inicias J T están sobrepostas, en latón dourado, no fondo da copa.
Sombreiro masculino tipo Salacot, ou casco de médula, como se lle chama, feito en cortiza forrada en tea de cor beixe. Lixeiro e de bomba en forma de campá, con viseiras na parte frontal e posterior, co seu casquete adornado cun botón, e os orificios de rigor para a aireación. Conserva tamén a banda ou puggaree.
Sombreiro de vestir de señora, tipo canotier, en palla trenzada, ala curta e copa plana. Leva un lazo de seda negro que cingue a copa. Os tallos de palla están trenzados de tal xeito que forman picos ao alternar a súa dirección.
Antuca con cuberta formada por oito panos de seda negra e oito variñas metálicas con remates de aluminio prateado. Mango de aluminio tallado, espiraliforme, con motivos decorativos nos bordes da espiral da empuñadura. Conteira de metal prateado.
Antuca de forma cónica, de dez baleas de metal dourado terminadas en puntas cilíndricas con remate esférico. A cuberta é de tafetán de seda de cor gris perla. Empuñadura forrada en plástico da mesma cor. Conteira de metal prateado.
Antuca con dez baleas de metal dourado terminadas en puntas cilíndricas con remate esférico, panos de tea de cor crema e empuñadura forrada en plástico. Regatón de metal.
Antuca con dez baleas de metal dourado rematadas en puntas cilíndricas con coroa esférica; panos de tea de cor crema e empuñadura forrada en plástico. Enganchada á empuñadura, unha borla. Regatón de metal.
Antuca chinesa feita en papel e baleas en bambú decorada con debuxos de acios de uvas de cor fucsia e verde e un paxaro que identificamos cun martiño pescador.
Antuca de oito variñas e oito panos en algodón fino de cor beixe. Puño en madeira cyberta de prata fundida e cincelada con motivos decorativos xeométricos, ondulados, e arquería con cadansúa flor de lis.
Tenaces en miniatura, fundidas en prata. Os extremos rematan en forma de man. Na parte superior, únense formando unha argola, do que se deduce que eran para levar penduradas. Sobre a súa utilidade ou función, podería tratarse dun amuleto (coa lectura apotropaica que conleva a representación dunha man aberta) de "cinto de infante" ou "relicario lactante", do que iría colgado xunto con outras pezas metálicas na procura dun tintín atávico (véxae a peza 1458).