Óleo que representa a Cháritas romana: a xoven Pero aleita ao seu pai, Cimón, preso na cárcere, condeado a morrer de inanición, isto é, un dos exempla de virtus romana reseñados por Valerio Máximo nos seus Factorum et dictorum memorabilium, logo asimilada pola iconografía cristiá como unha das sete obras de Misericordia (por exemplo por Caravaggio). Marco en madeira dourada con motivos vexetais en relevo. É copia boa dun orixinal de Murillo, que pertencera á colección particular de Godoy, levado ao Pennsylvania Academy of Fine Arts antes do ano 1814, onde desapareceu tralo incendio de 1845. Consérvase dese óleo un debuxo orixinal de Murillo; a obra foi grabada por Tomás López Enguídanos para Calcografía Nacional no 1809 sobre debuxo de José Martínez, un augaforte que serviu de fonte para as copias que se fixeron, como esta de Tor que podemos atribuir ao pintor Mariano "Tito" Vázquez, afeccionado ao mestre sevillano do que fixo varias copias, dúas delas conservadas en Castro Caldelas.
Imaxe da Inmaculada Concepción, talvez procedente dun retablo, de madeira policromada en tons dourados e manto azul, coas mans xuntas, pregantes, e pousada sobre a bola do mundo, co crecente luar invertido e a figura da serpe. Leva auréola de doce estrelas de prata.
Óleo sobre lenzo que representa a imaxe de Nosa Señora de Guadalupe Estremeña, coroada, con veo acampanado que cae sobre os ombreiros, no seu camarín e trono de prata, co manto branco, cruzado por aparatoso colar e bordado de flores (caraveis brancos e vermellos, premonición da Paixón de Cristo) dúas andoriñas, e unha parella de ricos medallóns de acibeches encabuxados que penden de cadanseu lazo negro e branco; porta o cetro dourado con pedras preciosas, de acordo coa sonada descrición do "padre Talavera". Sen dúbida, unha vera effigies. Na parte superior dous anxos descorren as cortinas, en simulado tafetán roxo; na inferior outros dous tanxen instrumentos musicais, baixón e guitarra española, o que axuda a afinar a cronoloxía, pois o baixón foi desprazado da música sacra durante o XVII. Na peaña, a inscrición " NUESTRA Sª DE GUADALUPE". Próxima ao estilo das pinturas de fray Juan de Santa María, autor dos grandes lenzos do claustro do mosteiro de Guadalupe.
Óleo sobre lenzo da Virxe do Carme. Sobre unha nube, vai coroada e leva manto carmelita que abre para amosar o escapulario coa dereita mentres sostén o Neno coa esquerda. Marco en madeira sobre dourado.
Litografía de Legrand co retrato de "EL EXMO. ILMO.S.D. AGUSTIN LORENZO VARELA Y TEMES" bispo de Salamanca e o seu escudo heráldico. Marco en madeira negra. Asinado por C. Legrand (activo até 1858)
Retrato de tintes expresionistas deliberados de Don Pedro de Zúñiga Cornejo, bisavó paterno de Mª Paz, asinado pola pintora Celia Cortés (1915-1995); con hábito santiaguista de capa branca e cruz de Santiago no peito. A rúbrica, no ángulo inferior dereito. Sen marco.
Óleo sobre latón que representa a figura de Cristo, Ecce Homo, semiespido atado cunha corda de mans e colo, con coroa de espiñas, clámide roxa e perizonium, conforme á iconografía asentada no senlleiro gravado de Durero, reinterpretado pola escola madrileña. Recorda a obra de Mateo de Cerezo. Marco en madeira dourada.
Óleo sobre lenzo que representa a imaxe da María Madalena penitente. Marco en madeira. Parece versión naïf da Madanela Penitente do ano 1802 de Joaquín Campos e conservada no Museo de Belas Artes de Murcia, pero, supoñemos, será copia directa, contemporaneizada do gravado do mesmo tema de Abraham Bloemaert, en todo caso, fonte primaria do cadro de Joaquín Campos e deste do Pazo de Tor.
Óleo sobre táboa que representa a un neno durmindo. Marco en madeira de cor negro con filete dourado na parte interior. Nel aparece a dedicatoria asinada polo artista Joaquín Agrasot Juan: "A mi hijo Ricardo de 50 días" Agrasot. O neno naceu o 19 de xuño de 1875, polo que a táboa foi pintada cara o 8 de agosto dese ano.
Cadro oval de lados maiores rectos, en baixorrelevo de alabastro tallado, dunha figura feminina sentada sobre un tronco, de medio lado e cos cabelos ao vento, viste túnica vaporosa. Trátase dunha alegoría da Primavera coroada por Eros, ao xeito da plástica florentina da segunda metade do XV, á que claramente imita. Ambas figuras adaptan a postura á curvatura do cartucho no que se desenvolve a escena. Leva un fondo de veludo verde. Marco en madeira. Obra do escultor salmantino Enrique Orejudo Alonso.
Reprodución reducida do retrato que lle fixera Juan Echevarría a Valle-Inclán o ano 1922 (gardado no Reina Sofía), en branco e negro e cunha adicatoria asinada polo fillo do escritor, Carlos Luis del Valle-Inclán. Marco en madeira con filete dourado.
Gravado a cor que representa a San Xosé pregante, manibus juntiis e cunha vara florida como atributo, definidor da súa haxiografía. Marco en madeira con dúas cenefas douradas. Deseñado por Jauni e gravado por Mansaul para a casa Bulla (1814-1855).
Óleo sobre lenzo que representa a San Francisco flanqueado polos entón beatos Juan de Capistrano (á esquerda) e Juan Navarrete (á dereita). O fundador aparece estomballado de medio lado, apoiado no libro da Regra mentres que do seu tórax nace unha árbore que podemos relacionar cunha froiteira percorrida por unha filacteria cuxas polas rematan en froitos que compoñen unha xenealoxía retratada de todos os santos e santas da súa Orde (arbor divorum seraficae religionis) até ese momento, identificados con cadansúa cartela. Marco en madeira. Posíbel orixe conventual, ou sexa, produto da desamortización. Claramente de escola galega a partir dalgún gravado (como o célebre de Pieter de Jode I), é moi semellante ao de Zinacantepec, que é posterior a este, e comparábel ao que fixera Brisarte para a Orde Benedictina, asinado o ano 1649 e apresentado polo autor cómo único na súa especie. O tema, unha glorificación apoloxética da Orde, adoita a iconografía propria da árbore de Jessé, tal e como fixeron e farían prácticamente todas as ordes (arbre-ordo) relixiosas e mesmo militares. A fonte primaria, da que é obvia copia con lixeiras variacións, é un gravado atribuído a Carracci incluído na Historia da Orde Seráfica que fixera Francesco Gonzaga, bispo de Mantova.
Óleo sobre cobre coa imaxe-busto de San Ignacio de Loyola como fundator da Orde Xesuítica, presentando a igrexa do Xesús sobre un libro (Regulae Societatis Iesu) xunto co monograma desa Orde (IHS, co Neno Xesús e o orbe sobre a ETA) no centro dunha gloria de raios, de acordo coa fisonomía asentada de cara ao proceso de beatificación e canonización; é imaxe arquetípica do emblema e da retratística do fundador da Sociedade, vera effigies difundida a través da súa máscara mortuoria, posto que nunca foi retratado en vida. O retrato propiamente dito é calco do célebre de Alonso Sánchez Coello (1585) que coñecemos por copias posteriores. A peza de Tor responde ao acervo de innumerábeis imaxes que seguiron á canonización do 1622, encamiñadas non tanto ao fomento da súa elevación aos altares, canto á exaltación da súa memoria, á súa glorificación e, por estensión, á propagación da imaxe da Compañía de Xesús. Marco en madeira.
Óleo sobre lenzo que representa a imaxe de San Pablo, coa espada do martirio (asoma básicamente o puño e parte de fío, en primeiro plano) e o libro das Epístolas aberto. Sen marco. Posíbel copia dunha serie, como a Crispín de Passe ou aqueloutra de Goltzius do Credo Apostolorum. O formato, a maneira pouco fidedigna de abordar a anatomía e a expresión do santo, case unha caricatura, é moi semellante ao San Andrés, anónimo español, do Convento de Clarisas de Monforte de Lemos, e incluso á do propio San Martiño da Sala de Armas deste pazo.
Gravado que representa unha vista marítima de cidade de Sebastopol. Marco en madeira. Coloreado á acuarela á man, trátase dunha litografía do prelo parisiense fundado por Louis Auguste Turgis (1855-1887) a partir dun deseño orixinal tomado do natural do Lieutenant Oreiglli (sic). Pertencía á serie "Ports de mer d'Europe" coa que colaborou o Lebreton das litografías do recibidor.
Gravado que representa a imaxe de Santa Bárbara. Marco en madeira. Obra do gravador galego Luis de la Piedra (1769-1818), a virxe leva a palma do martirio e a torre, atributo máis usual.
Cromolitografía dun buque de guerra mixto de 1º rango con bandeira francesa. Marco en madeira sobredourado. Gravado por Louis le Breton (1818-1866), é un extracto da obra La flotte de nos jours, E. Morier édit, Paris, Imp. Becquet.
Cromolitografía dun buque de guerra de 1º rango. Marco en madeira sobredourado. Gravado por Louis le Breton (1818-1866), é un extracto da obra La flotte de nos jours, E. Morier édit, Paris, Imp. Becquet.
Óleo sobre lenzo que representa a Virxe das Dores coas mans xuntas e un puñal atravesándolle o corazón. Marco en madeira sobredourada. Copia inspirada no modelo iconográfico divulgado polo obradoiro de Guido Reni.
Óleo sobre lenzo que representa a Fuxida a Exipto da Sagrada Familia. A Virxe, acomodada sobre o burro nunha xamúa, vai toucada cun sombreiro da ala ancha, típico da aristocracia europea do século XVII; un anxo serve de palafreneiro, de acordo coa tradición; a pé vai san Xosé. Con marco en madeira sobredourado. Copia libre a partir dun gravado de Martin de Vos moi recorrente. Inclúe un capítulo iconográfico habitual nestas representacións: unha estatua decapitada, no extremo dereito da composición, alude ao episodio da Caída dos Ídolos recollido nos Evanxeos Apócrifos.
Gravado litográfico que representa a escena dun matrimonio e un mensaxeiro que entrega unha carta. Marco en madeira. Gravado por Pierre Audouin (1768-1822) a partir dunha pintura orixinal de Gerard ter Borch (1617-1681) do que fixo varias versións.
Cadro en relevo en alabastro policromado que representa a Virxe do Carme co Neno. Vai tocada con coroa imperial en dourado e estrás verde, a imitación das esmeraldas. Á parte do manto pardo, proprio da Orde, amosa coa man dereita un ramo de azucenas. O Neno perdeu a coroa que levaba. Porta os escapularios de rigor. Érguese sobre cabezas de querubín e, axeonlladas aos lados, dúas parellas de santos carmelitas. Arriba, un rachamento de gloria. Marco en madeira.
Óleo sobre lenzo, sen marco, no que se representa a San Francisco abrazando a Xesús crucificado, co seu brazo dereito desprendido, desencravado para abrazar e recibir ao santo, de acordo cun tema iconográfico bernardiano de orixe gótica (Christus Amplexus) difundido polos franciscanos a raíz da produción gravada de Hieronimus Wierix no prelo de Sadeler. San Francisco apoia un pé sobre unha bola que simboliza o mundo. A lectura é o desprendemento das riquezas mundanas para abrazar o cristianismo. Copia libre dun orixinal de Murillo "San Francisco abrazando al Crucificado", conservado no Museo de Bellas Artes de Sevilla que o anónimo autor debeu de coñecer de segunda man, a través dunha estampa.
Óleo sobre lenzo, retrato ovalado de dona Águeda López Vieites, muller de Diego de Andrés García, nai entón de Ramón de Andrés García-López, bisavoa polo tanto de María Paz Taboada. Executado por Román Navarro a partir dunha fotografía daquela muller conservada no arquivo fotográfico do Pazo de Tor. Dedúcese que o retrato foi froito dun encargo levado a cabo no taller coruñés a través do intercambio postal. O marco, en madeira e estuco dourados, é ovalado con decoración de contas esféricas e entramado xeométrico. A modelo sitúase de tres cuartos e lixeiro perfil, o que, aínda sen proclamar fondura sicolóxica, aporta naturalidade, soportada tamén na veracidade do debuxo, na pincelada, moi fluída, e no tratamento lumínico.
Busto feminino funiddo en calamina (aliaxe de estaño, zinc e chumbo) cunha pátina de cor que lle confire o aspecto de bronce dourado buscado. A imitación dos que facía un Alfred Foretay, segue o estilo moi de moda durante a Belle Époque e primeiros anos do Art Noveau, de bustos femininos de amplo escote e gran volume superior, que diminúen, estreitando cabo da base, en función do estereotipo de xénero das Gibson Girls. Facíanse con lixeiras variacións no toucado e adobíos. Este de Tor é moi moi semellante aos que producía, a partir dun molde, o escultor catalán Pedro Ramón José Rigual (1863-1917), que adoitaba asinar as súas obras na parte posterior. Esta vai sen asinar.
Busto feminino fundido en calamina (aliaxe de estaño, zinc e chumbo) cunha pátina de cor que lle confire o aspecto de bronce dourado buscado. A imitación dos que facía un Alfred Foretay, segue o estilo moi de moda durante a Belle Époque e primeiros anos do Art Noveau, de bustos femininos de amplo escote e gran volume superior, que decrecen, estreitando cabo da base, en función do estereotipo de xénero das Gibson Girls. Facíanse con lixeiras variacións no toucado e adobíos. Este de Tor é moi moi semellante aos que producía, a partir dun molde, o escultor catalán Pedro Ramón José Rigual (1863-1917), que adoitaba asinar as súas obras na parte posterior. Esta vai sen asinar.
Busto masculino dun negro, barbado e con turbante. Leva un aro na orella dereita. As pupilas, perforadas, houberon de levar embutida algunha pedra ou esmalte para maior realismo. Leva data incisa na parte anterior (1873). Feito en terracota patinada e policromada, é do tipo dos que logo produciría en Viena o empresario checo Friedrich Goldscheider (1845-1897), sen que, polo momento, llo poidamos atribuír con certeza. A obra é moi semellante aos bustos modelados por Arthur Strasser (1854-1927), escultor vienés ao servizo dese Goldscheider, e naquel estilo "orientalista", preocupado pola reprodución máis ou menos veraz, naturalista, dos tipos fisonómicos do Oriente e da África negra, tan de moda nos fogares da alta burguesía europea a partir da segunda metade do século XIX, e tamén coleccionada pola familia imperial.
Réplica reducida dun bodegón, feito cunha litografía pintada. Obra de Jan Brueghel o Vello (orixinal no Museo do Prado, cunha cronoloxía de principios do século XVII) que representa un xarrón con flores, unha rá e unha pedra bezoar. Marco en madeira.
Óleo sobre táboa de castiñeiro asinado por Cándido Garabal. É unha paisaxe a plein air, retrato da maior das lagoas artificiais do xardín inglés do Pazo de Tor. Albíscase unha barquiña e dous ocupantes, un deles a bogar.
Óleo sobre cobre que representa ao Neno Xesús cos atributos da súa futura Paixón (Arma Christi); cruz, esponxa, lanza e escaleira (non se distingue ben se vai a coroa de espiñas de rigor) que apaña co brazo dereito, portando un balde na outra man, no que irían, de acordo co modismo iconográfico, os demais elementos do martirio, aquí tapados por un paño, imaxinamos que pola impericia do artista á hora de ser minucioso. Camiña cara a esquerda (o que delata unha fonte gravada) sobre un leito de rosas e baixo un amplo cortinón vermello (semella que será un engadido posterior) e fiestra ao fondo en tosca perspectiva, foco de luz da escena. Marco en madeira sobredourado. Posíbel orixe americana, talvez do Ecuador, inspirada na obra gravada de Hieronimus Wierix (1553-1619) co mesmo asunto (In Laboribus a iuventute mea). Na peza de Tor non aparece a usual inscrición latina ao pé. O manto e a cortina efectista conservan o ton vermello consuetidunario. Non obstante, a túnica, dun azul gastado, quixo ser púrpura, pois esa cor viste o Neno noutras representacións semellantes, o que revela o carácter rudimentario, case industrial, e polo tanto, a idiosincrasia mercantil, de consumo a grande escala, deste cobre.
Óleo sobre cartón que representa unha paisaxe de montaña, de certo aire expresionista. A pincelada é solta, empastada na construción das nubes do fondo. Asinado por G. Schlipf. Marco en madeira dourada, labrado con motivos vexetais acantiformes.
Óleo sobre cartón que representa unha paisaxe de certo aire expresionista, de pincelada solta e moi empastada. Asinado por G. Schlipf. Marco en madeira dourada, labrado con motivos vexetais acantiformes.
Óleo que representa a imaxe de Xesús Divino Pastor. Marco en madeira dourada. É copia libre, un tanto naïf, do lenzo que pintou Juan Sánchez Cotán (1560-1627) e que se conserva no Museo do Mosteiro da Concepción, en Granada. No de Tor, o autor invertiu a pose do neno e suprimiu os instrumentos da Paixón que figuran aos pés no orixinal, o que delata o emprego dunha fonte gravada.
Óleo sobre cobre do Martirio de San Lourenzo, copia do orixinal de Tiziano a partir do célebre gravado de Cornelis Cort, talvez provinte do Virreinato de Nova España.