Retrato oval de don José Francisco Losada y Quiroga, bispo de Mondoñedo (1761-1779). Óleo sobre lenzo, posíbel copia de Salgado sobre dun orixinal gravado do século XVIII. Marco en madeira e estuco sobredourado con adornos de rocalla e escudo episcopal con capelo, borlas e armas dos Losada Quiroga.
Cadro coa fotografía a cor con retrato dun suposto orixinal de Dionisio Fierros de D. Francisco Taboada e Losada. Marco ovalado en metal con baño de ouro do s.XIX.
Óleo sobre lenzo de Agustín Lorenzo Varela de Temes, bispo de Salamanca. Marco en madeira dourada. Asinado por Garabal (Cándido?) na parte inferior dereita. Feito, como a maioría dos retratos deste bispo, a partir do gravado litográfico de Carlos Legrand, activo até 1858 (peza 494 deste inventario)
Retrato oval ao óleo de don Melitón de Cuenca y San Juan. Asinado por Dionisio Fierros. Marco de madeira dourada con decoración en estuco de rocalla, cintas drapeadas e espellos convexos nas esquinas.
Retrato de D. José Francisco Losada e Quiroga ao óleo sobre lenzo (Bispo de Mondoñedo). Probábel copia de José Salgado dun orixinal gravado calcográfico anterior, do XVIII. Difire do retrato anónimo do mesmo prelado conservado no Reitorado da Universidade de Santiago. Marco en madeira dourada na parte superior con escudo cardealicio coas armas propias da liñaxe Losada Quiroga. Decoración da parte superior e laterais do marco a golpe de rocalla. Presenta un pentimenti no crucifixo de acibeche que lle pende do colo.
Retrato ovalado ao óleo sobre cobre dun cabaleiro sen identificar, quizaiss marido de Dolores Araújo Jimeno, vestido á moda de mediados do século XIX. Marco en madeira dourada. Fai parella co nº 1144
Retrato ovalado ao óleo sobre lenzo de don José María de Prado y Losada, párroco que foi de San Xoán e San Xulián de Tor. Marco en madeira dourada non orixinal, pois habería de ser ovalado. Asinado por José Salgado.
Retrato ao óleo sobre lenzo de Francisca Javiera Losada Quiroga, de acordo cos testemuños orais. Marco en madeira dourada. Asinado e datado por José Salgado, a protagonista garda, sen embargo, moito parecido con Mercedes Enríquez, da que se conservan fotografías e cartes de visite no despacho do pazo. Loce o sonado colar da Torre da Candaira con pendentes a xogo, segundo apreciación de Álvaro Taboada Zúñiga.
Óleo sobre lenzo de José Mª Prado e Losada, de busto, frontal, co seu cerco pictórico ovalado. Vestido con sotana, exerceu a capelanía do Pazo de Tor. Pintado e asinado por José Salgado Rodríguez (Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1836-ca. 1889), de maneira voluntariosa, con debuxo solvente máis sen alcanzar a mestría do seu mestre, Cancela del Río, e moito menos a de Dionisio Fierros. Marco en madeira dourada.
Óleo sobre lenzo atribuíbel a Garabal que representa de busto a José María Varela, coengo de Santiago. De mans cruzadas e mirada penetrante, peitea canas que asoman baixo o capelo. Viste hábito, capa e loce as insignias (bordada na capa e venera colgada do colo con cinta de seda azul celeste e branca) de capelán de honor da Súa Maxestade. Recórtase sobre un fondo neutro en tons pardos. Marco en madeira dourada.
Retrato ao óleo sobre lenzo que representa a Mª Paz Taboada de Andrés. Asinado e datado na parte inferior esquerda polo autor, Enrique Navarro. Marco en madeira dourada.
Óleo sobre lenzo que representa a Miguel Ángel Quesada co uniforme de coronel. Asinado no ángulo inferior esquerdo por A.Lorenzo Abella (Amparo) pintora monfortina falecida o ano 2017 aos 97 anos. Marco en madeira dourada.
Caixa cadrada de orixe cantonesa, estoxo orixinal dun mantón de Manila; madeira lacada en negro decorada cuna escena cotiá no emblema e motivos decorativos vexetais, todos eles en dourado.
Retrato ó óleo sobre lenzo do cardeal Miguel Payá y Rico (1811-1891), arcebispo de Santiago, co marco en madeira sobredourada. Cadro asinado por Garabal (José Garabal Louzao) onde figura como Real Pintor da Corte ano 1877 (na visita do Rei Alfonso XII a Compostela foi nomeado Decorador Oficial da Corte). De tres cuartos, vai vestido de prelado, con solideo, muceta, roqueta de bocamangas de ricos bordados, anel episcopal e cruz peitoral coa banda da ordes de Carlos III, insigina de Carlos III repetida e de Isabel a Católica.
Crucifixo coa imaxe de Cristo de catro cravos en bronce coa caveira do Gólgota aos pés sobre cruz en madeira e titulus en forma de filacteria co INRI de rigor.
Gravado que representa a D. Juan José de Austria, fillo de Felipe IV, litografía de Agapito López de San Román (1801-7) a partir do retrato orixinal do pintor Juan Carreño de Miranda, baixo a dirección de José de Madrazo, no Real Establecimiento Litográfico de Madrid. Trátase dun dos exemplares daquel proxecto ambicioso desenvolvido por Madrazo, a chamada Colección litográfica de los cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, que pretendía difundir as obras da colección real existentes no Museo aberto en 1819 que logo sería o Prado. Marco en madeira.
Figura en madeira de nogueira tallada de don Quixote da Mancha, executada de acordo co arquetipo iconográfico debuxado por Gustave Doré e gravado por Pisan na edición de Collier (1898). Apoiado nunha adarga, leva a man esquerda ao peito, como declamando, talvez defendendo a pureza de Dulcinea. Asinada na base polo taller de artesanía OURO.
Retrato fotográfico de don Ramón Taboada e Losada. Marco en madeira. É unha ampliación de mediados do século XX feita no obradoiro ourensán de Pacheco, supoñemos que a partir dun daguerrotipo orixinal de mediados do século XIX, quizais do estudo compostelán de Cisneros.
Óleo sobre cobre dun Ecce Homo de busto, o rostro de Cristo, mira ao ceo. Vai coroado de espiñas. Excelente calidade cromática, pois reflite a faciana dun home a piques de morrer, e tratamento de luces. Marco en madeira dourada con cenefa verde. Recorda á escola de Morales.
Litografía con marco en madeira que completa a colección do pazo das catro estampas que colgan no corredor daquela serie dirixida por José Madrazo: Colección litográfica de cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, editada polo Real Establecimiento Litográfico en Madrid. Vai rubricada por R. Amerigo, ou sexa, Ramón Amerigó y Morales (1807-1884). Representa o Enterro de Santo Estevo, e vén sendo a litografía da pintura orixinal que fixera Juan de Juanes para o retablo da igrexa dese santo en Valencia. Ocupaba a estampa o tomo III daquela colección de Madrazo.
Óleo sobre lenzo que representa a entrada trunfal de Xesús en Xerusalén (Domingo de Ramos) con marco en madeira sobredourado. É copia dun gravado de Philipp Andreas Kilian, gravador alemán do XVIII, incluído nunha Biblia ilustrada editada no ano 1758, que segue (pois así o cita o propio Kilian nas fontes das que partiu para as súas pranchas calcográficas) ao artista francés do XVII Nicola Vleughels. Un gravado gardado no British Museum e, polo tanto, esta obra de Tor, confirmarían a atribución do deseño orixinal a Vleughels, pois no museo inglés presentan ese gravado como posible, non segura, obra súa.
Escudo de armas de Mª Paz Taboada tallado en madeira de castiñeiro con catro cuarteis: 1º o apelido Taboada, 2º Zúñiga, 3º Andrés e 4º Cuenca. O xefe timbrado por helmo con plumóns mirando cara o lado dereito. Na parte inferior esquerda coa firma do autor, Eduardo Rodríguez Osorio.
Estatuíña de terracota policromada dun rapaz con cesto e cántaro; calza zocos e viste pantalón bombacho de cor tella, chaqueta verde e camisa branca. Vai toucado cun copete do que asoma o mechón loiro do cabelo. Apoiado nunha base cadrada. Responde ao estilo, pretendidamente fiel á unha cotiandade pintoresca, das realizadas por Joseph Le Guluche (1849-1915), nun tipo de produción seriada e industrial, destinada a un público popular, ao servizo das manufacturas de Alphonse Hanne.
Ánfora mallorquina en cerámica policromada, de dúas asas, fondo de cor verde, decorado no galbo con dúas aves e un trirreme tipo grego; no colo, o mascarón de Oceanus.
Floreiro en forma de ánfora, tipo Imperio, en porcelana fina branca salpicada con pinceladas en dourado; nos laterais, dúas asas formando grilandas vexetais trenzadas con motivos de rocalla. Sobre pé circular exvasado e moldurado. O corpo, lotiforme, vai decorado cunha flor pentapétala orlada con motivos vexetais, todo en tons dourados.