Acuarela dunha rúa do pobo de Santillana del Mar. Marco en pasta. Asinado por Carlos Pombo xunto á data da obra. Carlos Pombo y Escalante, tal era o seu nome completo, natural de Santander, fora alumno do pintor Antonio Gomar e era sobriño de Antonio Menéndez Pidal. Participara na Exposición Internacional de Belas Artes de 1892, presidido o xurado por Federico de Madrazo, cunha paisaxe.
Óleo sobre táboa que representa o Sono de San Xosé. Asinado por M. Landeira, ou sexa, Manuel Landeira Bolaño (1736-1790), pintor, gravador e decorador que fora pincelista da cidade de Santiago e do que apenas hai obras.
Óleo sobre lenzo con marco en madeira de castiñeiro, liso, orixinal. Representa a San Huberto de acordo coa iconografía ordinaria que o canonizou como patrón dos cazadores, de aí os atributos: arco, frechas e corno de caza pendurado do colo. Axeonllado, con manto e túnica, xunta as mans en actitude pregante cara o ceo, ante a visión do cervo crucífero e refulxente, tal e como relata a súa haxiografía. Acompáñao o can lebreiro. Vai asinado na parte inferior dereita polo autor, Cándido Garabal (1858-1950) xunto á data de execución. Arriba, o titulus do santo "St. Huberto"
Gravado en branco e negro de Francisco Muntaner de Santa Bárbara, Virxe e Mártir. Viste túnica longa e amplo manto; de rostro xuvenil e expresión doce, enmarcada por cabeleira ondulada, mira ao espectador, como interpelándoo. Vai nimbada e con coroa real. Ademais, como atributos, palma e torre. Marco en madeira con orla formando relevo en dourado.
Gravado que representa unha escena de Sta. Margarida sometendo ao dragón. Marco en madeira. Litografiado por Gaspar Sensi e Baldachi a partir dun orixinal de Tiziano que conserva o Museo do Prado,baixo a dirección de José de Madrazo, no Real Establecimiento Litográfico de Madrid. Trátase dun dos exemplares daquel proxecto desenvolvido por Madrazo, a chamada Colección litográfica de los cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, que pretendía difundir a colección real existente no Museo aberto en 1819 que logo sería o Prado.
Óleo sobre lenzo que representa a pasaxe do Antigo Testamento referida á "Susana e os Vellos" probable orixinal do miniaturista asentado en Burdeos, Juan de Parada, quen seguiu o gravado de J.F. Beaubarlet da obra do pintor Joseph-Marie Vien (1716-1809)
Gravado que representa a Tomás Moro, con marco en madeira. Litografiado por Gaspar Sensi e Baldachi a partir dunha obra orixinal de Rubens do Museo do Prado, baixo a dirección de José de Madrazo, no "Real Establecimiento Litográfico de Madrid". Trátase dun dos exemplares daquel proxecto ambicioso desenvolvido por Madrazo, a chamada Colección litográfica de los cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, que pretendía difundir as obras da colección real existentes no Museo aberto en 1819 que logo sería o Prado.
Gravado que representa a un xinete a cabalo con marco en madeira de castiñeiro. Augaforte de Francisco de Paula Martí (1761-1827) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). Identificado por Barcia como retrato do cabaleirizo de Carlos IV, Benito Guerre, trataríase en realidade do Príncipe da Paz, ministro daquel rei. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Gravado que representa a un xinete montando a cabalo. Marco de madeira. Augaforte de Fernando Selma (1752-1810) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814).Trátase dun retrato ecuestre do príncipe Fernando, futuro Fernando VII. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Gravado a cor que representa a un xinete montando a cabalo. Marco en madeira. É un augaforte de Rafael Esteve Vilella (1772-1847) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). O xinete é o retrato de Fernando de Borbón, rei das Dúas Sicilias. O título do debuxo orixinal de Carnicero era "El Pasaje. Retrato del Príncipe de Parma". Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitacion ou l'art de l'Equitacion reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Óleo sobre lenzo da Virxe de Belén: a Virxe estreita ao Neno contra o peito e éste agarima o rostro da Nai, de acordo cunha iconografía de raíces bizantinas e en relación coa Nosa Señora de Pasaviensis de Alemaña ou a Virgen del Dulce Abrazo, ou sexa, trampantollo ao divino dunha vera effigies que abunda nas clausuras de toda España. É posíbel que a pintura, de clara escola madrileña, sexa copia da obra asinada por Francisco Camilo (1615-1673), exposta na igrexa de San Xoán de Deus, no convento madrileño de Antón Martín, e que tivo ampla difusión posto que foi moi copiada. Marco talvez orixinal do XVII en madeira con motivos vexetais de roleos en relevo dourado. Tamén moi interesante dende o punto de vista da historia de xoiería, pois reproduce con fidelidade os labores de engastería do século XVII. Como noutros exemplares, albiscamos na Virxe de Belén de Tor a gargantilla coa pomba pinxante, manillas, diversas sortixas e a coroa imperial coas aguias bicéfalas no bandó, tal e como tamén aparece representada na imaxen que garda o convento de Corpus Christi, vulgo de Jerónimas Carboneras.
Gravado que representa o colexio Nosa Señora a Antiga ou Escolapios de Monforte cando funcionaba como instituto provincial. Debuxo do natural de Bartolomé Teijeiro Sanfiz (1825-1906) e litografiado no establecemento de Peant. Marco en madeira.
Xarrón de Daniel Zuloaga, da súa III Época, no obradoiro de San Juan de los Caballeros, co corpo decorado cunha paisaxe da cidade de Salamanca coa catedral e uns charros no primeiro plano coma protagonistas, segundo aquela preocupación polos tipos e costumes casteláns da xeración do 98. Albíscanse ao fondo a Clerecía e outros edificios. Da etapa na que o grande ceramista e pintor descobre as orzas da zona salmantina de Cantalapiedra (forma ovoide con carena marcada no terzo inferior que se estreita ata a base, que é plana; beizo superior volto de perfil redondeado), que logo él pintaba recuperando técnicas antigas como a da corda seca logo esmaltada e introducindo o estilo art dèco na decoración, baixo a influencia na figuración e na celaxe dun pintor reivindicado por esta saga familiar, El Greco. Para as vistas salmantinas, Daniel Zuloaga traballaba a partir de fotografías do célebre Venancio Gombau.
Xarrón de cerámica, barro esmaltado no galbo con aplicacións estanníferas. Con escudo heráldico dos apelidos "Losada Quiroga Lamela". Pintado en tons verde musgo e ocre.
Xarrón globular de colo corto, feito en porcelana, con tapadeira con pechadura en bronce. Policromado, representa unha paisaxe xaponesa en tons azuis e fondo branco.