Bandexa oval de gran tamaño en prata, gravada con motivos florais incisos e no centro, aditamento posterior, un escudo de armas da familia de Tor, no que aparecen os apelidos: 1º cuartel Garza de Castillón; 2º ,Sarmiento; 3º , Quiroga de la Puebla e no 4º o apelido Losada. Asas labradas nos extremos con decoración vexetal en relevo. Vai marcada no reverso co contraste B da localidade (supoñemos que da cidade de Barcelona). Non leva punzón
Papeleira de viaxe, contador ou bargueño. O corpo principal e unha caixa de taboleiros enteirizos en madeira de castiñeiro ensamblados en inglete con reforzos de bisagras en ferro forxado flordelisadas. Con tapa abatible mediante bisagras con seis vieiras ornamentais en ferro forxado (3 de cada lado) e dúas asas nos flancos, de ferro forxado, curvas e abalaustradas. A pechadura, con embelecedor de palastro con tracería calada en tornapuntas e feltro vermello. No seu interior, a parte frontal consta de sete caixóns en marquetería formando debuxos de forma xeométrica. Conta con secreto. Vai apoiado en catro pequenos pés
Caixiña, quizais pastilleiro ou portaviático, en vidro, de cor verde botella, circular, con tapa abisagrada en metal con baño de prata e peche de lazo. O anverso da tapa decorado cunha escena pintada en esmalte branco, a imitación dun camafeo antigo: un cativo ataviado cunha especie de subucula (camisola cinxida por un cinto) pasea por un sendeiro no lance de apañar unha pola coa destra: talvez representación do Neno Xesús? As medidas encaixan coas caixas para gardar a Forma propias do viático.
Caixa pregable, totalmente desmontábel por sistema de bisagra en todas as frontes, e transportábel, en forma de casa co seu tellado a dúas augas. Conta con dúas asas superiores de forma cadrilonga. Feita en estaño con cuberta de prata, os flancos, fachadas laterais da casa, van decorados con cadanseu rosetón: unha flor gravada por incisión cos seus oito pétalos calados. As fachadas, anterior e posterior, rectangulares cun paramento de vidro transparente. A bisagra das asas, situada á altura do piñón, leva decorados os parafusos de xiro cunha flor hexapétala gravada. As tapas (tellado) ornamentadas cunha cenefa gravada cun entrelazado xeométrico. Puido ter un uso litúrxico en relación coa Eucaristía, para transportar o viático.
Cinceiro en bronce, de corpo troncocónico invertido decorado co escudo heráldico dos Sarmiento (trece bezantes de ouro) distribuído en catro metopas dividas por segmentos de perfil avolutado. Conta con tres apoios voados para cigarros.
Mesa de pé de ponte para papeleira, en madeira torneada de castiñeiro, con chambrana de arquería de cinco vans rematados en pináculos; apoiada en tres patas torneadas en cada lado menor, sobre zapatas.
Espello de toucador en metal bañado en prata e espello en cristal biselado de forma circular coas iniciais "M.M"(Mª Paz e Miguel Ángel), apoiado en dous pequenos pés en forma de bola.
Estufa tipo salamandra do fabricante de orixe mallorquina Joan Mas Bagá (con tenda en Valencia e Barcelona) para leña ou carbón en ferro de fundición, esmaltada en verde. Boca de carga dunha porta e visor de mica.
Tulipaneiro ou caraveleiro de louza fina de pedernal da terceira ou cuarta época de Sargadelos, de cinco bocas ou dedos, e de cor branca, lixeiramente cremosa, en forma de palma de man. A superficie dos dedos vai relevada con motivos acantiformes e presentan un volume bulboso no nacemento. A panza vai acanalada até o estrangulamento, na unión co pé. De planta rectangular, é exvasado a respecto do colo, e moldurado en lixeiro bocel cordado. Non presenta marcas ou selos.