Baixorrelevo do taller madrileño de Arnillas y Matallana, da primeira época, de metal bañado en prata coa imaxe da fachada de Universidade de Salamanca; marco en pel con cenefas en ouro. Apoiado nunha peaña de madeira do seéculo XIX, policromada en verde e roxo.
Broche en latón ovalado co seu perfil orlado cun cordonciño calado formando volutas, dúas a dúas, enfrontadas. O emblema, en esmalte azul cobalto cunha cenefa de espellos en esmaltes brancos e dourados formando unha cadea, que preceden, seguindo a distribución do patrón oval, a catorce estrelas douradas de cinco puntas. No centro, un ramallete en verdes e dourados, a modo de finta drapeada, que pende dun lazo e deste, unha cartela oxival disposta horizontalmente, en esmalte branco. Nela, escrito en cursiva "gage", que traducimos por prenda, testemuño dunha promesa, unha alfaia de amor ou de amizade.
Cruz da categoría de Encomenda da Real Orde Americana de Isabel la Católica, en metal dourado e esmaltado. Consiste nunha venera en forma de cruz de malta coa lapa dos brazos esmaltada en vermello. En alternancia con eles, ráfagas bruñidas de cinco facetas. A diferenza da Gran Cruz, non leva coroa de laurel no centro, senón no remate, mais si a lenda: A LA LEALTAD ACRISOLADA. No escudo central, as dúas columnas de Hércules co éntase percorrido coa filacteria e a inscrición PLUS ULTRA e mailos orbes coroados coa imperial. No reverso, en orla branca e letras douradas: POR ISABEL LA CATÓLICA. No escudo central, as iniciais en cursiva inglesa de Isabel e Fernando coroadas por unha imperial. Conserva a cinta de cordón coas cores da Orde, branco e amarelo, dispostos para o grao de Gran Cruz.
Espabiadora en prata, de ollos circulares con decoración na súa cara externa de brotes vexetais, un tramo recto con volutas superiores e resaltes inferiores e parafuso liso no eixo. Na caixa, punzón de prateiro e contraste inseridos nun cartucho trapezoidal de ángulos superiores recurvados: MLD MRAND (cunha A sobre a D). Identificámolos co prateiro de San Lúcar de Barrameda Lucrecio Delgado Meneses e o contraste Juan Pérez de Grandallana-Harniza.
Fibela de capa pluvial (a súa parella é a peza 1364) en bronce con argola superior, en forma de lágrima de perfil ondulado. O perfil cos correspondentes buratiños voados para enliñar o fío e coser a peza á superficie textil.O anverso, esmaltado en cores azuis, brancos e amarelos, distribuída a ornamentación de roleos e flores de lis invertidas rematada cun copete de venera floral a través dunha tracería de arabesco. Reverso liso.
Fibela de capa pluvial (a súa parella é a peza 1363) en bronce con argola superior, en forma de lágrima de perfil ondulado. O contorno cos correspondentes buratiños voados para enliñar o fío e coser a peza á superficie textil. O anverso, esmaltado en cores azuis, brancos e amarelos, distribuída a ornamentación de roleos e flores de lis invertidas rematada cun copete de venera floral a través dunha tracería de arabesco. Reverso liso con faltas de oxidación.
Fibela de capa pluvial composta por dous elementos, macho e femia, simétricos, fundidos en chapa repuxada que semellan dúas ráfagas de gusto art déco con cadansúa cenefa resolta cun fondo de rocalla. O engarce das dúas pezas resólvese decorativamente en forma de lazo.
Fibela de zapato, ovalada, en aliaxe con cuberta de prata. Conserva a armazón e mecanismo de peche e engarce coa lingüeta do calzado, con dúas púas e engarce tipo D maiúscula. O reverso, parte visíbel, segue un perfil ovalado con altura de tres centímetros. Consiste nun aro elipsoidal co borde decorado cunha crestería curva calada que cinxe todo o perímetro. Supoñemos que os seus ocos irían decorados no seu día con pequenas pezas de estrás, ou pedras de Francia, como se coñecían en España.
Fibela de zapato, ovalada, en aliaxe con cuberta de prata. Conserva a armazón e mecanismo de peche e engarce coa lingüeta do calzado, con dúas púas e engarce tipo D maiúscula. O reverso, parte visíbel, segue un perfil ovalado con altura de tres centímetros. Consiste nun aro elipsoidal co borde decorado cunha crestería curva calada que cinxe todo o perímetro da. Supoñemos que os seus ocos irían decorados no seu día con pequenas pezas de estrás, ou pedras de Francia, como se coñecían en España.
Monograma en latón e prata feito a molde coas iniciais M Z (correspondentes a Martín de Zúñiga, irmán de Pedro de Zúñiga y Cornejo) entrelazadas, en letra inglesa, cos brazos da M flordelisados e os da Z rematados en motivo acantiforme. No reverso, o monograma presenta catro cravos cos que se axustaría a algunha peza de coiro de gornición de cabalería, talvez unha coleira, coma a que de feito está exposta na sala de Gornicionería.
Medalla de Ouro da Provincia de Lugo concedida pola Deputación Provincial de Lugo a título póstumo a María Paz Taboada de Andrés pola doazón do Pazo de Tor. Coa inscrición: "A doña María Paz Taboada de Andrés, señora de Tor. Lugo, 28 de septiembre de 1998".
Medalla oxival en prata da Congregación de María Inmaculada e San Lois Gonzaga. No anverso, a Inmaculada Concepción, con manto e túnica, coroa de doce estrelas e pisando a serpe, orlada coa lenda latina "Congregatio Mariana. Ave Maria gratia plena. Dominus tecum", en alusión á congregación e ás palabras da salutación anxélica coas que se inicia o Ave María. No reverso, tres óvalos coas imaxes dos tres santos patronos das Congregacións Marianas. Arriba, San Lois Gonzaga, debaixo, San Xoán Berchmans e San Estanislao de Kostka. Nunha filacteria que percorre os tres óvalos, reza: "Adjutor et protector factus est mihi", ou sexa, "Ti es o meu auxilio e protector". Abaixo, reza "Cor unum et anima una", é dicir, "un só corazón e unha soa alma", frase que fixo súa Santo Agostiño e que adoptaron como lema diversas congregacións relixiosas dado que sintetizaba moi ben a total entrega a Deus. O deseño, común a moitas congregacións marianas, foi realizado polo xesuita Martín Coronas Pueyo (1862-1928), recoñecido pintor que decorou moitas das casas da Compañía de Xesús. Posíbelmente foi fundida en Barcelona, no taller dos Vallmitjana, fundado en 1860. Conserva a cinta albiceleste orixinal.
Medalla circular en cobre, coñecida como do "Alzamiento y Victoria" conmemorativa do golpe fascista do 18 de xullo do 1936 e vitoria do 1 de abril do 1939. Na cara anterior, unha alegoría da Vitoria alada esgrimindo nunha man unha espada (xustiza) e na outra unha cruz latina (relixión católica) sobre o xugo e frechas, emblemas da Falanxe Española, que amañecen no fondo. Asinada por J. Vicent. Na parte inferior, a glosa "18 JULIO 1936 ALZAMIENTO". Na cara posterior, tres soldados de perfil desfilando, alegóricos das chamadas Forzas Nacionais, a saber, o soldado nacional, o falanxista e o requeté, coa glosa “1 ABRIL 1939 VICTORIA", asinada por Montagvt. Cinta coas cores da bandeira nacional española, roxa e gualda, dentro dun pasador metálico (Véxase a peza 1349 deste inventario)
Pote en miniatura fundido en prata, coa súa tapa extraíbel. Non presenta punzón nin marca de prateiro. O tello leva un oco previsto para a introdución do cazo, supoñemos que a peza 1402 deste inventario.
Pulseira en bronce. Consiste nun aro de bronce macizo de sección de tendencia circular na face externa lixeiramente achatada, probabelmente fundida baixo a técnica da cera perdida. Non se aprecia decoración ningunha, pero a peza exixe unha limpeza.
Salvilla da espabiadora en prata. Non ten punzón nen marcas. De planta cadrilonga e decoración de sogueado no bordo perimetral. Conta con dous soportes para acomodo da tesoira.
Servilleteiro de aliaxe de estaño con baño de prata de forma cilíndrica de corpo lixeiramente cóncavo coa boca e o pé exvasados e diferenciados cunha orla decorativa de boliñas. Leva no corpo decoración incisa xeométrica de escamas e un cartucho na parte central coa inicial gravada J (José?). Fai parella coa peza 1409 deste inventario.
Servilleteiro de aliaxe de estaño con baño de prata de forma cilíndrica de corpo lixeiramente cóncavo coa boca e o pé exvasados e diferenciados cunha orla decorativa de boliñas. Leva no corpo decoración incisa xeométrica de escamas e un cartucho na parte central coa inicial gravada T (Taboada?). Fai parella coa peza 1408 deste inventario.