Prato de té en porcelana de Limoges, producido por Paul et Pierre Parautaud Frères (monograma PP no reverso) en La Seynie para Limoges. En tons dourados e azul cobalto, o emblema do prato é unha escena estampada e policromada de cortexo asinada (non realmente) por Fragonard. O home e a muller protagonistas visten á moda de mediados do XVIII. Ela, que sostén unha coroa de flores, recibe do home un pequeno ramallete. Él abraza á muller. A escena ambiéntase nunha paisaxe nemorosa, de acordo cos arquetipos de cortexo ideadas polo Fragonard no que se inspira esta serie producida en Limoges nas primeiras décadas do XX.
Pratiño semifondo de louza cocida con cuberta de esmaltes estanníferos de reflexos metálicos tipo mudéxar, cor cobre, e pinceladas azul cobalto que debuxan unha flor octopétala. Na corola, que ocupa o centro mesmo do prato nun lixeirísimo umbo (reminiscente da produción renacentista de Manises), unha estrela de David coa bisetriz marcada. No campo dos pétalos altérnase a decoración de reflexos acantiformes coa de losanges, raiados cun pinxante diagonal, finxindo perspectiva.
Prato en cerámica alcoreña, serie "Ramito" (a fábrica estivo activa entre 1727 e 1858) en cor branco, esmaltada e vidrada, e decorado con bouquet en cor azul como emblema, orlado por motivos florais na mesma tonalidade.
Medallón ovalado en baixorrelevo feito en escaiola, co seu propio marco. Vai policromado ao bronce, cunha escena de batalla medieval. Representa o enfrentamento de San Lois (Lois IX de Francia) cos sarracenos. É réplica de molde dos bronces producidos a partir dos orixinais do escultor e medallista francés Justin Mathieu (1796-1864), de quen se conserva no British Museum un debuxo autógrafo seu coa mesma escena, e máis reproducións en bronce, como este de Tor, en coleccións privadas ou en museos como o V&A Museum. Justin Mathieu especializouse neste tipo de representacións históricas e relixiosas que evocaban, con certo entusiasmo de corte romántico, a grandeur medieval da patria francesa, neste caso, coa figura do santo rei como protagonista. Con este tipo de pezas, herdeiras da tradición de relevos eborarios e placas broncíneas realizadas entre 1500 e 1600, participou o artista nos Salons entre 1846 e 1864. Esta en cuestión, de evidente carácter decorativo dada a súa pequena escala, é do ano 1849 e estivo na Grande Exposición celebrada en Londres o ano 1851, coa que gañou a Terceira Medalla de 1ª clase. Levaba o seguinte título: "Une croisade du temps de Saint Louis", obra nacida co propósito de seren replicada en diversos materiais (escaiola, por suposto) cunha capa de prata que dignificaba o resultado a través da entón novidosa técnica da electrolise.
Prato con pé en louza branca decorado na parte central co escudo de armas coroado da Orde dominicana e a inscrición a pincel que reza "San Esteban de Salamanca" en cor azul, fileteado na mesma cor no borde.
Floreiro Satsuma de cerámica craquelada e esmaltada, con corpo ovoidal que se estreita a partir dos ombreiros. De colo estreito e boca exvasada, vai decorado con escenas de personaxes xaponeses do Shogunato e motivos florais en relevo en tons granates, dourados e brancos. Fai parella coa peza 404.
Floreiro Satsuma de cerámica craquelada e esmaltada, con corpo ovoidal que se estreita a partir dos ombreiros. De colo estreito e boca exvasada, vai decorado con escenas de personaxes xaponeses do Shogunato e motivos florais en relevo en tons granates, dourados e brancos. Fai parella coa peza 403.
Floreiro Rauenstein en cristal opaco branco (opalina) esmaltado e decorado con motivos florais en relevo de gusto Jugendstil. Fai parella coa peza 406.
Floreiro Rauenstein en cristal opaco branco (opalina) esmaltado e decorado con motivos florais en relevo de gusto Jugendstil. Fai parella coa peza 405.
Floreiro en forma de ánfora, feito en cristal tallado no galbo en punta de diamante con dúas asas en prata ennegrecida con forma de serea alada bicaudada (cola entrelazada de serpe) e ás de dragón sobremontadas cunha cuncha da que nacen cadanseu cisne que adapta a súa forma, dun xeito harmónico, fluído, á xeometría do perfil da asa, de gusto Imperio. Leva marca do prateiro Félix Granda y Buylla (1868-1954) e da súa empresa Talleres de Arte: trátase dun recadro refundido de esquinas redondeadas cun ramallete de flores de cinco pétalos e, ao carón do tallo, as inicias da casa, T A. Todo en relevo. Debaixo do punzón, o contraste de prata 916, de aí a cronoloxía que barallamos. Interesantísimas as asas, pois revelan a pervivencia ou, mellor, a deliberada recuperación do imaxinario medieval propio daquel contexto filomedievalista, historicista e ecléctico, de principios do XX, que o autor chamaba "obxectos de arte retrospectivo", onde interpolaba elementos do pasado nunha gramática estrutural de certa vangarda. Referímonos a dous mitos literarios de fonda tradición, o de Melusina e a Doncela Cisne, aquí reunidos a través desas figuriñas tenantes que proclaman a influencia dunha fonte gravada finisecular. Unha olleada ao repertorio de imaxes de que dispuña o artista para as súas recreacións botará luz sobre o asunto.
Xerra tauriforme en cerámica pintada e vidrada, de Puente del Arzobispo. O corpo é troncocónico; á altura da cabeza, o bico semella o fociño dun touro. Tiña cornos laterais, hoxe perdidos. Na panza, un touro debuxado ao modo cubista dos debuxos de Picasso, introducida a tipoloxía de xerra de touro con motivo picassiano na cerámica de Puente del Arzobispo por Mauricio Sanguino.
Xerra tauriforme en cerámica pintada e vidrada, de Puente del Arzobispo. O corpo é troncocónico; á altura da cabeza, o bico semella o fociño dun touro. Tiña cornos laterais, hoxe perdidos. Na panza, un touro debuxado ao modo cubista dos debuxos de Picasso, introducida a tipoloxía de xerra de touro con motivo picassiano na cerámica de Puente del Arzobispo por Mauricio Sanguino.
Xerra tauriforme en cerámica pintada e vidrada, de Puente del Arzobispo. O corpo é troncocónico; á altura da cabeza, o bico semella o fociño dun touro. Tiña cornos laterais, hoxe perdidos. Na panza, un touro debuxado ao modo cubista dos debuxos de Picasso, introducida a tipoloxía de xerra de touro con motivo picassiano na cerámica de Puente del Arzobispo por Mauricio Sanguino.