Tinteiro en prata de corpo cilíndrico decorado no imóscapo e sumóscapo con cadansúa cenefa de motivos xeométricos. Tampa en forma de media laranxa moi rebaixada, con cenefa repuxada de láureas dispostas en grilanda, arista concéntrica e botón no remate. Na mesma tapa, o punzón cordobés: león rampante con cola eseada nun cartucho ovoide. Do prateiro cordobés Castejón, marcada polo contraste Torre (véxase a peza 473)
Especieiro triangular empregado como tinteiro, de lados e paredes iguais en cerámica de Puente del Arzobispo; con tres ocos ou depósitos iguais na parte superior, xunto a cada un dos ángulos do triángulo. O anverso executado con esmalte branco de estaño e decoración moldeada a relevo e sobrepintada. En cada un dos laterais un mascarón de león con decoración feita a pincel; motivos vexetais en tons verdes e ocres. Xunto aos ocos, follas tamén executadas a pincel. As aristas tamén van sobrepintadas.