Fotografía en branco e negro dun orixinal feito a carboncillo de D. Pedro de Zúñiga (1823-1892), fillo de Cayetano de Zúñiga y Linares e Petra Cornejo de Paz y Rascón. Foi o pai de María Paz Zúñiga Laporta. De busto, viste o hábito da Orde de Santiago. Marco en madeira dourada.
Felicitación das Pascuas do ano 1953 asinada por Benjamín de Prado Díaz dedicada a don José Taboada de Zúñiga e Familia. En pergamiño. A cuberta, de perfil trapezoidal, presenta un cartucho de marcos recortados en cores azuis e pardos cun copete de flor de lis rosada, repetida na base da cartela. No interior, o texto de felicitación. A páxina do interior, cosida, tamén en pergamiño, presenta un elaborado frontispicio de gusto manierista:
Retrato en fotografía en branco e negro, posíbel ampliación dunha carte de visite, de don Ramón Bermúdez de Castro y Rascón (falecido en 1910), vizconde de Revilla de Barajas. Sostendo o sombreiro de copa nunha man, con amplo abrigo, e traxe cruzado de tres pezas. Con marco en madeira, rectangular de ángulos recurvados, sobredourado e con adornos florais en estuco na parte superior flanqueando un copete con xarrón de flores, no mesmo material.
Retrato en fotografía en branco e negro, posíbel ampliación dunha carte de visite, de Dona Teresa de Zúñiga y Cornejo (nacida en 1831 e falecida en 1912, enterrada en Salamanca nun luxoso panteón), vizcondesa de Garcigrande, coñecida como "La Corneja". Vestida á moda vitoriana -intúese o xustillo- de finais do XIX, salienta o amplo colar de perlas e o peiteado en bandós. Con marco rectangular de ángulos recurvados en madeira sobredourado e adornos florais en estuco na parte superior flanqueando un copete con xarrón de flores, no mesmo material.
Cartela en madeira de castiñeiro tallada e policromada. De forma rectangular cos ángulos recurvados e saíntes en alongada voluta. Coroada no lado superior cunha peita cefálica toucada cunha cuncha de vieira. A altura da gorxa, unha gorgueira disposta en abano con decoración xeométrica. A cartela acolle un escudo heráldico, feito a pincel, probablemente por Benjamín de Prado. Con helmo no xefe e partido, leva os seguintes apelidos: Garza de Castillón, Pardo e Sarmiento.
Lámina a cor que representa a un cabalo de raza cartuxana chamado Amor, reprodución dun óleo orixinal de Manuel de Luque (1919-2005). Marco en madeira.
Lámina a cor que representa unha egua branca de raza irlandesa chamada Paddy's Sister , reprodución dun óleo orixinal de Manuel de Luque (1919-2005). Marco en madeira.
Lámina a cor que representa a un cabalo chamado Vigo, de cor negro e branco de raza inglesa, reprodución dun óleo orixinal de Manuel de Luque (1919-2005). Marco en madeira.
Lámina a cor que representa a unha egua chamada Rahalima de cor marrón de raza árabe, reprodución dun óleo orixinal de Manuel de Luque (1919-2005). Marco en madeira.
Litografía dun orixinal de Théophile Alexandre Steinlen (1859-1923) titulado "Le Bouclier", con ata tres versións e do que se tiraran cen estampas. Representa o ataque de soldados alemáns, un deles a cabalo, a civís (nenos, vellos e mulleres) na Primeira Guerra Mundial. Pertenceu á serie que sobre os desastres da Gran Guerra fixera o artista tras acudir ás mesmas trincheiras, en primeira liña.
Guía histórica, artística, arqueolóxica e militar da antiga capital de Galicia, Santiago de Compostela. Litografía impresa por José M. Paredes, gravada por Enrique Mayer Castro. Marco en madeira orixinal (dous listóns superior e inferior). Comprende a améndoa histórica e arredores e inclúe texto aclaratorio por Bernardo Barreiro de Vázquez Varela (sinatura abaixo á esquerda) co nome de rúas, barrios e referencias numéricas.
Litografía dunha paisaxe a partir dun orixinal ao óleo sobre lenzo atribuído a Murillo nos catálogos do Prado (ata 1912), hoxe imputábel (a partir do catálogo que sobre o autor fixera Diego Angulo) a un dos seus discípulos. Formaba parte da "Colección litográfica de cuadros del rey de España el señor don Fernando VII" dirixida por José Madrazo e editada polo Real Establecimiento Litográfico, en Madrid. Téñense noticia dunhas 30 estampas soltas, inda que habería máis, que reproducían pinturas do entón Real Museo. Desta estampa consérvanse moi poucos exemplares. A do Prado non está exposta. Vai asinada por Pic de Leopold, de nome Andreas (1789-1860), pintor e litógrafo natural de Leópolis, na Ucrania.
Augaforte orixinal de Manuel Castro Gil, asinado polo gravador a lápis e dedicado a "Miguel Ángel Quesada e distinguida esposa". Representa a Praza da Leña de Pontevedra, nunha disposición cravada ao lenzo do pintor José Seijo Rubio sobre a mesma praza, conservado noBelas Artes da Coruña.
Real Picadero, en orixe, augaforte segundo deseño de Antonio Carnicero, levada a cabo por Manuel Salvador Carmona. Inaugura a serie de 13 gravados calcográficos destinados a ilustrar a tradución por Cerdá, xamais publicada, da obra de Dupaty de Clam, "Pratique de l'Equitacion ou l'art de l'Equitacion reduit en principes", Paris, 1769. O prelo valenciano Durá tirou a serie en versión litográfica, esta pintada (pois era a portada) mediado o século XX. Precisamente, a colección de 9 estampas que temos en Tor pertencería á serie completa de 13 desa imprenta.
Litografía (posterior ao marco) coloreada da Virxe en actitude orante. Marco en marquetería de marfil e carei que segue un patrón xeométrico. De carácter devocional, trátase dunha representación das letanías marianas.
Placa calcográfica en cobre gravada co escudo de armas dos apelidos: Quiroga, Losada, Valcárcel e Pardo. Firmada na parte inferior dereita por: " Rivera" e na esquerda co número "a. 72", posíbel cronoloxía.
Portarretrato en madeira coa fotografía en branco e negro de D. Fernando Taboada. Leva apliques nas catro esquinas dunha flor en bronce sobre madeira máis escura.
Portarretrato miniatura coa fotografía coloreada de Severino, Zoila e Saturnino de Cuenca e Araujo. Marco en bronce ovalado con motivos vexetais e un anxo na parte superior.