Crucifixo tallado en pedra pómez. No anverso, a inscrición en capitais: NIEVA. Podería ser unha reliquia-souvenir do Santuario de Nieva alusiva á lenda do pastor e o crucifixo de lousa que recibiu da Virxe.
Cruz grega procesional en bronce dourado, con cadrón central e lingüeta inferior de unión á macolla. De dúas caras. No cadrón do anverso, a imaxe de Xesús Crucificado. No do reverso, a imaxe de María co Neno en brazos, de gusto miguelanxelesco. As figuras están labradas de acordo co canon romanista, fundidas en molde e dispostas un par de séculos despois. A cruz, que consideramos gótica, presenta os brazos dentados, con plafóns ovalados que animan o perfil do seu corpo e dos remates. Nos extremos, tres piñas. No cadrante central, catro piñas en aspa. Ademais, van decorados os brazos con debuxos incisos de figuras xeométricas.
Cruz latina simple e escadrada de madeira e decorada con punteados de bronce sobredourado que debuxan rameados e iniciais en cursiva inglesa, de maneira que se albisca no patibulum SAL VE, mentres que ao longo do stipes, lese CRUX PRETIOSA, ou sexa, as primeiras palabras dun oficio relixioso medieval logo popularizado.
Relicario téxtil en forma de cruz latina floronada de lis, bordada e con pasamanerías en dourado. Alberga nos nichos reliquias dos seguintes santos protexidas por cristal de mica: S.Felix, S.Apolonio mártir, S.Victor mártir, S.Constancio mártir, Sta Bárbara e S.Ponciano.
Cruz latina simple, escadrada, en madeira de oliveira e con incrustacións de losanges en marquetería e adornos (ráfagas, das cales perdeu dúas) en nácara; imaxe sobreposta de Cristo, de tres cravos, en bronce sobre nácara. No reverso da cruz, catorce discos en nácara alusivos ás estacións do Vía Crucis, coa inscrición STA (Terra Santa) e o correspondente número romano. Este tipo de cruces procede dos Santos Lugares, de onde chegaron a Occidente como obxectos de recordo de peregrinación. Un dos factores de riqueza dos cristiáns en Palestina foi a industria ou artesanía de rosarios, cruces e toda clase de recordos relixiosos dos Santos Lugares, fabricados con madeira de oliveira, nácara e outras materias, recordos propiciados polos franciscanos da Obra Pía de Xerusalén, institución benéfico-piadosa destinada á conservación, acrecentamento e restauración dos Santuarios de Terra Santa. Esta cruz responde ao exercicio piadoso de Vía Crucis, costume iniciada en Xerusalén da man dos franciscanos, recompensada dende o principio cun gran número de indulxencias. O Vía Crucis evocaba mediante catorce estacións ou etapas, o camiño percorrido por Cristo durante a Paixón. En 1773 o papa Clemente XIV concedeu as mesmas indulxencias ao rezo do Vía Crucis na casa, sempre que o devoto sostivese entre as súas mans unha cruz. De aí a multiplicación da produción de cruces adornadas con círculos de nácara alusivas ás estacións. Acrecentouse así mesmo a exportación ao Occidente.
Crucifixo en bronce cun astil columnario de orde toscana sobre plinto en forma de campá e basamento cadrado. O Cristo é de tres cravos co perizonium anudado á esquerda. Os brazos da cruz, flordelisados e calados.
Cruz en madeira de oliveira (alma) decorada con placas de nácara gravadas con motivos relixiosos nos cadrantes: cruz de Xerusalén potenzada á dereita, emblema franciscano da Paz e o Ben (brazo de Cristo e de San Francisco) á esquerda, abaixo a Virxe María, arriba, un serafín. Cun crucificado de tres cravos, sobreposto e en nácara, acompañado de catro ráfagas en nácara e o titulus de rigor: INRI (Iesus Nazarenus Rex Iudeorum); no reverso presenta catorce discos circulares de nácara coa inscrición incisa: STA (Terra Santa) e o número romano correspondente á estación do Vía Crucis. Este tipo de cruces procede dos Santos Lugares, de onde chegaron a Occidente como obxectos de recordo de peregrinación. Un dos factores de riqueza dos cristiáns en Palestina foi a industria ou artesanía de rosarios, cruces e toda clase de recordos relixiosos dos Santos Lugares, fabricados con madeira de oliveira, nácara e outras materias, recordos propiciados polos franciscanos da Obra Pía de Xerusalén, institución benéfico-piadosa destinada á conservación, acrecentamento e restauración dos Santuarios de Terra Santa. Esta cruz responde ao exercicio piadoso de Vía Crucis, costume iniciada en Xerusalén da man dos franciscanos, recompensada dende o principio cun gran número de indulxencias. O Vía Crucis evocaba mediante catorce estacións ou etapas, o camiño percorrido por Cristo durante a Paixón. En 1773 o papa Clemente XIV concedeu as mesmas indulxencias ao rezo do Vía Crucis na casa, sempre que o devoto sostivese entre as súas mans unha cruz. De aí a multiplicación da produción de cruces adornadas con círculos de nácara alusivas ás estacións. Acrecentouse así mesmo a exportación ao Occidente.
Facheiro en bronce con pé troncopiramidal apoiado en garras. Nas caras do basamento, imaxes repuxadas do Sagrado Corazón de Xesús, de María e de Xesús Novo portando a cruz. Vástago acanalado, abalaustrado, con estrangulamento na macolla e molduras gallonadas no sumóscapo e remate. Conta con pratiño de cristal voado para recoller a cera. Semellante aos producidos por Meneses.
Facheiro en bronce con pé triangular rematado en gadoupas coas imaxes do Sagrado Corazón de Xesús, de María e de Xesús Mozo portando a cruz. Vástago acanalado con estrangulamento na macolla.
Furna en madeira policromada en tons granates e parte frontal de cristal soprado. No seu interior contén unha imaxe do Neno Xesús, feito en cera, adornado con froitos e flores en cera e papel. Dispón dun mecanismo que fai que abra e peche os ollos.
Icona rusa de viaxe, dos chamados "obrazok". Trátase dunha placa rectangular con argola superior, de marco liso, que alberga un baixorrelevo de bronce recortado sobre fondo esmaltado en azul, ao estilo dos producidos polo Mestre Rodión Semjónovich Khrustaljóv. Represéntase a Koimesis, ou Dormición da Virxe, iso chamado Asunción na Igrexa Occidental. A defunta Nai xace cos ollos pechados sobre unha cama, coa cabeza cara á esquerda, arrodeada polo colexio apostólico. Detrás do leito está a figura de Cristo, que aparece na terra para levar a alma da Virxe ao Ceo. Nos seus brazos leva a alma, representada coma un bebé envolto en pañais. A destra de Xesús bendice. Aos seus lados, dous anxos cun bastón de viaxe na man. Sobre Cristo, un serafín de seis ás. Detrás dos dous grupos de apóstolos hai dous bispos: Dionisio de Corinto (O Areopaxita) e Xoán de Damasco, que escribiron sobre a Virxe. Baixo dela, ten lugar unha historia relatada no Pseudo-Xoán, redactado cara o século VI, a da incredulidade do sacerdote Jefonías, que dubidou da virxinidade de María. O Jefonías tentou volcar o leito para arramplar co manto onde xacía a Virxe, pero un anxo (vese claramente representado) cortoulle as mans. Arrepentido, e tras a intercesión de Pedro, as mans volvéronselle xuntar.
Insignia bordada de corpo ovalado, en algodón e seda, do "Real Cuerpo de Capellanes de Honor de Su Majestad". Consiste nunha estrela de seis puntas rematadas en globos dourados (aquí finxidos con apliques metálicos esféricos cosidos), sobre campo branco e fileteada de ouro. Da mesma tonalidade son as flores de lis, tamén bordadas, que separan as puntas da estrela e a coroa real, á que vai unida na parte superior. No centro da condecoración, a figura bordada da raíña Isabel II portando o cetro, orlada coa inscrición: LA REINA A SUS CAPELLANES DE HONOR-. Iría cosida á capa negra do capelán de honor, que levaría colgada do colo, con cintas de seda, a venera, ou insignia, segundo a categoría correspondente, en metal. Quizais esta pertenceu a José María Varela. No seu retrato loce a insignia bordada na capa.
Lámpada votiva de aceite, de teito, fundida en bronce, co seu prato en forma de campá invertida coroado por unha crestería calada, flordelisada. Vai suxeita con tres cadeas de elos calados. Conta con tres soportes de perfil acantiforme sobrepostos ao perfil do corpo para cadansúa candea.
Tapas dun devocionario en ebonita. A cuberta semella unha fornela, un ciborio organizado por un arco de medio punto con tracería gótica que alberga á Virxe con Neno. Cabezas de querubín nas albanegas. A arquitectura que serve de marco vai suliñada por unha grilanda floral. Na contracuberta, nun cartucho de tracería gótica, unha cruz latina flordelisada con catro ráfagas. Nas albanegas, medallóns góticos trilobulares.
Encadernación en seda e fío metálico do devocionario "Novena a la Gloriosa Madre y Mystica Doctora sta. Teresa de Jesus", composta por Frei Pedro del Espíritu Santo, carmelita descalzo, presidente de Conferencias Morales do Colexio de Ávila, impreso en Salamanca, na Oficina de la Santa Cruz, o ano 1765, cun total de 40 días de indulxencia concedidas polo bispo de Ávila, Romualdo Velarde, e outros 40 por Francisco de San Andrés, bispo de Zela. A cuberta consiste nunha xardineira urdida en fío de prata, luxoso trampantollo de vimbio, do que nace un ramallete de cinco flores, entre as que despunta unha grande, central, eixo da composición, con fíos en prata, verdes para as follas, pardos e amarelos. Ocupa todo o campo da portada. A contracuberta en seda con idéntico emblema bordado. Identificamos a flor como a do Carmelo (xardín de Deus, anticipo da Nova Terra), dado o contido carmelitano da Novena.
Medalla conmemorativa en prata acuñada baixo o papado de León XIII (1842-1918), rubricada polo gravador F. Bianchi, celebrativa da canonización de Clara da Cruz, Xoán Bautista de Rossi, Bieito Xosé Labre e Lourenzo de Brindisi, elevados a santos o 8 de decembro de 1881. No anverso, busto do perfil esquerdo do papa. Segue o tipo creado polo mesmo Francesco Bianchi nas primeiras medallas acuñadas do pontificado de León XIII. Na lenda: LEO. XIII. PONT. MAX. ANNO V. Gráfila lisa. No reverso, os catro santos distribuídos por parellas, axeonllados sobre nubes entre as que se recortan as cúpulas da basílica de San Pedro de Roma. Arriba, o Espírito Santo, representado por unha pomba coas ás abertas rodeada por raios. Lenda: CAELITUM. SANCTORUM HONRES. DECRETI. Abaixo, a data de emisión en números romanos: A. MDCCCLXXXII
Medalla da Virxe das Ermitas, fundida en prata. Calada, a vera effigies da Virxe, hierática, arroeada por un óvalo de raios, ataviada co seu manto, e coroada coa imperial, sostendo ao cativo con ambas mans no centro, érguese sobre unha cabeza de querubín. Orlada a figura cunha láurea rematada en copete en forma de lazo, para levar pendurada. Considerámola feitura de La Alberca, e debeu de formar parte do traxe de vistas ou de noiva dalgunha moza desa localidade salmantina. No reverso, na parte cóncava do corpo da Virxe, leva gravada a advocación da imaxe: HER MITS
Medalla de Nosa Señora de Nieva, fundida en prata. Calada, a vera effigies da Virxe relevada, hierática, co seu manto rico de brocados, vai toucada coas doce estrelas, parece levar colar de perlas. Coa man dereita suxeita o cetro, coa outra, ao Neno. Érguese sobre o crecente luar e cabeciña de querubín. Vai orlada cun marco ovalado de motivos vexetais acantiformes, cincelados, e floróns tetrapétalos en cadanseu extremo agás no superior, resolto cun copete de volutas que dá paso a argola para pendurar a medalla. No reverso, que é plano, vai gravada unha cruz potenzada e, baixo ela, a advocación da imaxe: N. S. DE NIEVA.
Medalla ovalada. No anverso, Santiago Matamouros relevado, surmontado pola inscrición: San Tiago; o reverso, orlado pola inscrición: Sagrados corazones de Jesús y María, a imaxe do Espírito Santo e ambos corazones. Abaixo, lugar da ceca: Roma
Medallón relicario dunha cara, con marco en prata de perfil liso e argola superior para levar pendurado, quizais dun colar de traxe de vistas de La Alberca? De reverso liso, o anverso é unha fiestra ovalada cuberta con vidro transparente. Acubilla unha estampa pintada de Santa Dorotea, que identificamos polo texto da filacteria (con letra e abreviaturas propias do XVIII) e o atributo iconográfico máis característico desa mártir: un ramallete cunha rosa que porta na man dereita. A santa represéntase de pé, de tres cuartos, xeonllos para arriba. Xira a cabeza aureolada. Semella vestir xustillo, saia e manto, á moda do XVII. Coloreada en tons vermellos e azuis.
Medallón relicario dunha soa cara, co marco en prata, de perfil liso e argola superior para levar pendurado, quizais dunha brazaleira, xunto con outros relicarios. Salienta o rebordo do marco, repregado en zigzag. O anverso é unha fiestra ovalada cuberta con vidro transparente. Acubilla unha estampa pintada de Santo Agostiño, coma bispo de Hipona, con mitra, auréola de santidade, ínfulas e báculo. Vai coloreada en tons vermellos e amarelos. Na parte inferior asoman dúas cabeciñas de nenos, manibus junctis.
Medallón relicario dunha soa cara, co marco en prata, de perfil liso e argola superior para levar pendurado, talvez dunha brazaleira, xunto con outros amuletos. Salienta o rebordo do marco, repregado en fragmentos recortados, irregulares, sen moito xeito. O anverso é unha fiestra ovalada cuberta con vidro transparente lixeiramente convexa. Acubilla unha estampa pintada (perdeu a intensidade da cor orixinal) co Éxtase de Santa Tareixa. A santa, co hábito característico, disposta en diagonal, no momento da Transverberación, recibindo no corazón a frecha lanzada por un anxo, situado na parte superior esquerda.
Medallón relicario dunha soa cara, co seu marco en prata, de cerco liso. Conta con argola superior para o pendurar, quizais xunto con outros relicarios e amuletos, formando parte dunha brazaleira, conxeturamos. O anverso é unha ventá ovalada cuberta cun vidro transaparente, ovoidal, lixeiramente convexo. Acubilla unha estampa pintada coa imaxe de San Lourenzo, vestido de diácono e coa grella, atributo do seu holocausto.
Medallón en forma de portapaz de trazos neogóticos. Dun pé octogonal de plementería calada ornamentado con adornos de filigrana e exvasado, arrinca un astil curto que soporta un edículo elipsoidal flanqueado por piastras co seu fuste percorrido por arame de filigrana. Remátanse as piastras en pináculos calados. O edículo leva un marco de cordonciño. No seu anverso, acubíllase un medallón ovoide coa imaxe en nidio baixorrelevo de Santiago Matamouros, co hábito de peregrino, blandindo a espada, con escudo ovalado coa cruz de Santiago no seu campo, a cabalo, na Batalla de Clavijo, con dous mouros aos pés. No reverso, un óvalo máis pequeno sitúase no centro do medallón, cun marco decorado con ínfimas boliñas. Na metade inferior do campo figura o texto: SACRA CORPORA B. JACOBI EJUSQUE DISCIPULORUM ATHN. ET THEOD. AB. EM. C. PAYA. NUPER INVENTA. Isto é: O sagrado corpo do beato Xabobe e dos seus discípulos, Atanasio e Teodoro que foron descubertos de novo polo eminentísimo cardeal Payá. Na parte superior, separada por un listel, réplica da arca apostólica executada trala reinventio dos restos apostólicos en 1879, sobre a que figura a estrela. Remátase o medallón cunha especie de gablete calado a base de volutas e unha argola, para seren pendurado, talvez para faceren conxunto con outros medallóns relicarios.
Medallón relicario dunha soa cara, co seu marco en metal dourado, de cerco liso. Conta con argola superior para o pendurar, quizais nunha brazaleira. O anverso é unha ventá ovalada cuberta cun vidro transaparente, ovoidal, lixeiramente convexo e biselado. Acubilla unha estampa pintada coa imaxe de Santa Tareixa de Ávila, na súa cela, vestida co hábito carmelita, cunha mesa cuberta con mantel vermello rematado en flocaduras douradas. Sobre a mesa descansa un libro, un tinteiro, unha pluma e unha candea. No extremo superior esquerdo, a pomba do Espírito Santo arrodeada dun halo refulxente, dourado. A santa, con idéntica auréola refulxente de luces douradas, dirixe a súa mirada cara a aparición celestial. O reverso é liso.
Medallón relicario dunha soa cara, co seu marco ovalado en metal dourado, con cerco de pedras de Francia verdes, tallados e facetados, a modo de esmeraldas, engastadas en engarce tipo garra a un tímido bocel corrido. A fiestra é de cristal de roca lixeiramente convexo. No interior, nunha superficie de tea cor grana, unha reliquia, flor de latón hexapétala e a filacteria en papel identificatoria en caracteres tipográficos do 700: San Lois Gonzaga (S. Alois. Gon.) O reverso é liso, pero leva gravado o número de serie en arábigos: 218. Conta con argola superior para seren pendurado, talvez nunha brazaleira, xunto con outros relicarios.
Medallón relicario de forma ovalada en prata dourada. De marco liso e argola superior para levar pendurado, quizais formando un conxunto de relicarios e amuletos nunha brazaleira. No anverso, unha fiestra ovoidal en cristal de roca lixeiramente convexa, transparenta un bordado sobre liño con fío de metal prateado e fíos vermellos e verdes que debuxan un corazón de cerco metálico en argolas, arrodeado con motivos florais con preponderancia no copete superior. No campo do corazón, unha cruz carmelitana. No reverso, gravados os emblemas da Paixón de Cristo.
Medallón relicario dunha soa cara, co seu marco ovalado en prata, de perfil mixtilíneo, con argola superior para o pendurar. A fiestra é de cristal de roca lixeiramente convexo. Transparenta un rosetón calado confeccionado en liño e papel co seu centro cadrilobulado. Ao seu redor, organízanse radialmente as reliquias contidas, dispostas a modo de relicario de xardín e cos seus correspondentes títulos, escritos en tinta vermella sobre papel, en caligrafía do setecentos, até un total de 18 reliquias, entre as que dastacan o Leite de Nosa Señora, Pelos de Santo Cristo, Sábana Santa, etc. O reverso, cunha fiestra ovalada de cristal de roca, convexo, é liso, transparenta a base na que se asenta o relicario.
Molde de obleas con capacidade para facer dúas hostias: consiste nunhas tenaces rematadas en cada un dos brazos por cadansúa prancha rectangular, en forma de espátula. As hostias son igual tamaño, supoñemos que para o celebrante. Circulares con orla concéntrica lisa que enmarca unha cruz latina simple.
Palmatoria en prata. O candeeiro é pé circular, moi exvasado, dunha soa luz. A asa, leva unha cruz e un cáliz calados no corpo e remata a súa contorna nun trilobulado rebaixado.