Peto en madeira policromada, adicado a Santo Antonio de Padua. A parte superior é unha fornela con dúas pequenas portas que pechan a imaxe pintada dun Santo Antonio. A inferior, policromía que imita o mármore.
Portaviático en prata, con tapadeira e unha cruz latina florenzada no centro. Leva marca do prateiro na parte posterior e interior da base (Aurora). Posíbel orixe placentina.
Relicario con certificación papal do pontificado de Gregorio XVI sobre da veracidade das reliquias que contén na fornela superior, relativas á un resto da columna da flaxelación, unha pedra do Santo Sepulcro, o palio de San Xosé Esposo e un óso de San Cosme. Marco de madeira.
Relicario con certificación papal do pontificado de Gregorio XVI sobre da veracidade das reliquias que contén na fornela superior, relativas a San Francisco Xabier e Santa Eulalia. Marco de madeira.
Relicario bordado, con brocados en seda e fío metálico dourado, en forma de flor de lis. O bordado debuxa un entramado que replica, cosido en meticuloso fío helicoidal, o perfil da flor de lis. O centro resérvase para unha fiestra circular con tapa de vidro fixa como protección dunha litografía pintada dun Anxo da Garda ou Custodio.
Relicario bordado de forma circular, en seda e fío de metal dourado que debuxa arabescos en voluta e óvalos de cordonciño nun entramado enriquecido con pedras de Francia e lentexoulas. Acubilla catro reliquias con cadansúa filacteria en papel co título identificador, ilexibles. O centro resérvase para un óvalo que contén unha estampa coloreada na que se figura un Anxo da Garda cun cativo ante unha cruz, que identificamos como a Alma Cristiá.
Relicario en forma de lágrima feito en feltro verde orlado con fío de metal e ornamentado con taxoulas de folladelata floriformes. Contén unha reliquia de Santa Tereixa de Xesús, identificada con titulus en papel con letra impresa: S. Teresa. Vai coroado por un lazo prendido por unha flor hexapétala en metal dourado.
Relicario fundido en prata en forma de corazón con fiestra de vidro no anverso. Contén cera, quizais dun agnusdei. No reverso, decoración incisa dun ramallete floral tetrapétalo.
Relicario en forma de corazón fundido en aliaxe de estaño. Ábrese por bisagra lateral. No anverso, leva decoración inscisa de ramallete floral: margarida e flor de lis. O cerco, de perfil ondulado. Rematado en coroa. Ao abrilo, reliquias encabuxadas e unidas nun entramado de fío métalica. Todas elas identificadas pola cartela correspondente en letra impresa do século XVIII. No compartimento dereito, figura ademais das reliquias, a imaxe da Virxe do Socorro? tallada en madeira. Posíbelmente formou parte dun colar de traxe de vistas de La Alberca. Véxase a peza 1417. O reverso, cunha cruz latina incisa encravada nun corazón atravesado por unha frecha.
Medalla de perfil octogonal, tipo patena, cos lados maiores máis longos. Consiste nun marco de prata de perfil que acubilla unha dobre fiestra de vidro onde se dispoñen, no anverso: esmaltadas en negro sobre fondo douro os instrumentos da Paixón de Cristo e o Santo Rostro de Xaén; no reverso, gravado de factura popular e pintado, a imaxe dunha santa pregante, enmarcada por cortinas descorridas, ao modo dun conopeo, que identificamos con Rita, polo hábito agostiño que viste.
Imaxe do arcanxo San Gabriel, tallada en madeira policromada; con hábito e túnica en tons gris, cruzado cunha estola de cor granate e negra, conformeá súa iconografía frecuente no capítulo da Anunciación.
Souvenir: miniatura das táboas de lei tallada en madeira de pau de santo polo taller Anido. A madeira, segundo se aclara no papel impreso, procedía do cadeirado de coro de Sobrado dos Monxes.
Funda en algodón, encadernación bordada do libro "Novena a la Gloriosa Madre Seráfica Vírgen y Mística Doctora Santa Teresa de Jesús", do autor Fr. Pedro del Espírito Santo, impresa en Madrid, na Imprenta de Núñez, o ano 1819. A cuberta e contracuberta van decoradas con bordados en fíos azuis de seda e apliques de lentexoulas cosidas, formando un ramallete simétrico. O bordo, en pasamanería ribeteada no mesmo fío azul turquesa.
Vinagreiras. Conxunto que consta dunha salvilla con baño prateado, con gravados de motivos vexetais e dúas cruces repuxadas. As dúas xerras son en cristal de roca con tapadeira e asa, tamén en metal bañado en prata.