Acuarela, quizais de Benjamín de Prado, que representa un escudo cos apelidos: Quiroga de la Puebla, Losada, Valcárcel e Garza. Marco en madeira sobredourada.
Álbum de fotos da familia Cuenca. Tapas e lomo en coiro repuxado e tintado con motivos xeométricos e flordelisados, imitando un acabado en bronce de cantoneiras e bisagras, finxidas en trampantollo. Conserva as bisagras metálicas de unión das tapas.
Álbum de fotos da familia Cuenca, en coiro marrón repuxado con decoración de tracería gótica retundida nun entramado xeométrico que orla as tapas formando un losange que centra a composición.
Medalla circular en aluminio, coroada con argola, para levar pendurada, conmemorativa do certame ibero-americano celebrado en Salamanca con motivo da apertura do curso 1924-1925, baixo os auspicios do Príncipe de Asturias, Alfonso XIII, e organizada pola Federación de Estudiantes Católicos desa cidade. No anverso, a fachada da Universidade de Salamanca orlada co lema en maiúsculas: "Lo que fuimos queremos ser". No reverso, a seguinte inscrición en maiúsculas: "CERTAMEN IBERO-AMERICANO BAJO AUSPICIOS PRÍNCIPE DE ASTURIAS ORGANIZADO POR F.E.C DE SALAMANCA. CURSO ACADÉMICO: MCMXXIV-XXV"
Moeda de 10 céntimos do ano 1959 acuñada na ceca de Madrid. No reverso, a cifra do valor en arábigos, 10, suliñada pola fracción de moeda, "Céntimos", arrodeada por unha láurea de follas de oliveira e olivas de obvia estética fascista. No anverso, o busto, no seu perfil dereito, do xeneral golpista e ditador Francisco Franco, de acordo co retrato que fora modelado por Benlliure e orlado coa lenda: "Francisco Franco Caudillo de España por la G. de Dios 1959". O canto é estriado.
Macuquina de prata de 8 reais acuñada en 1766, baixo o reinado de Carlos III. No anverso: cruz potenzada con castelos e leóns; a saída dos cuarteis está pechada cunha dobre liña curva; á esquerda, P; por riba, 8; á dereita V; debaixo 766. Reverso: Columnas sobre ondas de mar cruzadas por dúas liñas horizontais que forman nove cuarteis nos que se distribúe a seguinte inscrición: P - 8 - V / [PL]V - SVL - TR[A] / [V] - 766 - P.
Canto liso. V é a marca do ensaiador, José de Vargas y Flores. P, a ceca do Potosí.