Albarda que se coloca enriba da suadeira que levaban os cabalos ou mulos ao lombo para suxeitar antigamente as liteiras, en coiro con catro aplicacións nas esquinas en metal repuxado con forma de flor e bañado en prata.
Sela de montar en coiro. Consiste nunha armazón de coiro de forma convexa rechea de crin de cabalo ou palla (?). O asento, en veludo vermello animado por un entramado en escama. Leva na base do pomo e nos faldóns laterais unha cuberta decorativa, un bordado de tea de algodón en tons vermellos e amarelos, nunha composición simétrica na que se debuxa unha orla de flores octopétalas e de lis que parten de cadanseu vaso, dispostos estes nas esquinas. Conserva as argolas para encinchar o cabalo. Supoñemos que foi sela de muller, para montar á xineta.