Alzado da muralla de Lugo debuxada sobre papel vergado, en tinta sepia. En perspectiva cabaleira, vai asinada e datada polo artista barroco Agustín Baamonde (1713-1784): "escultor y arquitecto" (sic). Corresponde ao flanco da muralla romana á altura do Campo Castelo, construción medieval que tamén aparece recollida na parte superior dereita, orixinaria do topónimo do barrio. Aprécianse no castelo as armas do bispo lucense do XVI Fernando Velosillo (1567-1587). O plano foi levantado a raíz da reforma do Cárcere Eclesiástico, promovida polo Bispo Francisco Izquierdo y Tavira (1748-1762). O novo edificio, hoxe moi reformado, tamén se retrata no ángulo inferior esquerdo, onde se aprecia o escudo heráldico do prelado e a face orixinal do edificio. Os cubos da muralla representados conservaban daquela os vans balísticos, coma os da actual torre da Mosquera, e escaleiras de acceso. Acompaña o plano unha lenda explicativa con ata dez anotacións. Foi trazado como documentación anexa e probatoria, co gallo dun preito con Carlos Suárez. A autoría de Baamonde, escultor máis que tracista ou arquitecto, explícase por seren veciño do Barrio, zona que coñecía moi ben, non tanto pola calidade do debuxo. O seu rigor vén dado, polo tanto, pola verosimilitude do testemuño.
Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán Rodríguez. Primeira edición de 1845. Este traballo foi a aportación máis importante da ciencia cartográfica española da primeira metade do século XIX. Inda que os mapas se terminaron no 1834, a súa gravación demorouse até os anos 1839-1845 por mor da falta de gravadores peritos. Marco con orla e rotulación de graos e cada 10´con subdivisións de 1´. Debuxados os meridiáns e paralelos formando cadrícula. Meridiano orixe do Observatorio de San Fernando. No ángulo superior esquerdo, título, dedicatoria, escala, autor, gravador e data de edición. No ángulo inferior esquerdo, os signos convencionais e as escalas gráficas en leguas de vinte mil pés e millas de sesenta ao grao. Relevo representado por normais, cotas altimétricas medidas en varas castelás e puntos da rede xeodésica. Planimetría con cidades representadas por pequenos círculos segundo importancia, e con hexágonos as capitais, rede de comunicacións e división político-administrativa. A hidrografía representa a rede principal, con denominación dos ríos máis importantes. A costa aparece realzada con escollos, escarpados e praias con punteado. Abundante toponimia. Rotulación en letra romanilla e itálica para o resto.