Armario en madeira de castiñeiro con dúas portas centrais. Na parte inferior un caixón con tiradores en bronce. Nos laterais, cadanseu bastidor con cinco estantes no interior. As esquinas anteriores e posteriores resoltas con baquetón moldurado á altura do imóscapo.
Armario de planta rectangular que se utilizaba para gardar xergóns de lá. Labrado en madeira de castiñeiro, conta con dúas portas na súa cara frontal talladas cun gran cuarterón resalteado, tallado a bisel, e outro panel inferior como sinxelos motivos ornamentais, nunha disposición que ritma o lenzo, enteirizo e ensamblado a cravo, e que se repite nos laterais. O cornisamento, co seu entaboamento moldurado, é lixeiramente voado. Salienta o faldón ondulado, con maior volume na onda central, e que serve de unión aos catro pés que soportan a estrutura. Conserva a súa pechadura orixinal en ferro. No interior tres baldas corredeiras.
Armario roupeiro que antigamente se utilizaba para gardar a roupa de cama. Fáltanlle as portas frontais e un dos bastidores laterais. Nestes, cadansúa lacena con seis baldas e na parte frontal un caixón con tiradores en ferro estilo Imperio e catro baldas. Moldura superior curva e faldón recortado, características de inspiración francesa.
Armario para gardar as pezas de caza menor en madeira de castiñeiro policromada; no seu interior con catro baldas ou estantes. Vai apoiado en catro patas. De forma rectangular, con porta e co lado esquerdo rebaixado en curva. A escena representada é de carácter cómico: un garda real inglés bebe a morro dunha botella baixo a mirada censora doutro garda. Albíscase á dereita unha arquitectura cupulada semellante á catedral de Saint Paul.
Armario en madeira de castiñeiro e caoba, con embutidos de marquetería que debuxan unha rosa dos ventos, de dúas portas de perfil trapezoidal, suliñadas as albanegas con fileteados de marquetería en buxo. Os tiradores en bronce. Apoiado en catro pés cabriolé. Un deles conserva o remate orixinal en forma de gadopa.
Taqueira para o xogo de billar. En madeira de piñeiro con cuberta de lámina de castiñeiro, como embelecedor. Ramatado nun copete vexetal flanqueado por pináculos, pintado este remate en negro, imitando un acabado en caoba. Conserva dous dos tacos orixinais. De posíbel fabricación catalana de comezos do século XX, segue o tipo dos que fabricaba Francisco Amorós, proveedor da Real Casa, moi semellante aos ofrecidos pola casa Mayor i Poch no seu taller barcelonés de ebanistería, abertos á persoalización do cliente na decoración do copete, precisamente.