Litografía da casa fundada por L. Turgis asinado por Koch que representa aos persoeiros implicados na guerra de Oriente. Marco en madeira. Os personaxes, até un total de 18, levan número arábigo que remite á lenda identificativa, na parte baixa do gravado, en cursiva. Son os seguintes: Napoleón III; Mariscal de San Arnaud; Hamlín; Parceval-Deschenes; Príncipe Bonaparte Napoleón ; a raíña María Vitoria, sentada, co cetro, e cun coxín coma repousapés; duque de Cambridge; señor Raglán; Dundas; Charles Napier; Medjid-Khan Abdul; Omer-Pacha; schamil; Kara-Fátima; Nicolás Emperador; Gortschakoff; Menschikoff; Paskewitch. Salientable o vestiario: uniformes do exército, os atributos da raíña, epicentro da composición, as armas digámoslle locais, como a lanza que porta Kara; o mobiliario, cunha gran mesa que distribúe aos persoeiros ao seu redor, e as bandeiras que pechan o fondo da composición.
Baioneta de cubo en ferro. É o modelo AN-IX para tropa de infantería. De liña esvelta e innovadora, era a baioneta máis lixeira, segura e efectiva de todas as Guerras Napoleónicas. Triangular, cunha das súas caras plana e as outras dúas baleiradas; suxeición tradicional de cubo provista dunha abrazadeira de seguridade. Leva o número de serie 77.
Litografía dun orixinal de Théophile Alexandre Steinlen (1859-1923) titulado "Le Bouclier", con ata tres versións e do que se tiraran cen estampas. Representa o ataque de soldados alemáns, un deles a cabalo, a civís (nenos, vellos e mulleres) na Primeira Guerra Mundial. Pertenceu á serie que sobre os desastres da Gran Guerra fixera o artista tras acudir ás mesmas trincheiras, en primeira liña.
Puñal tipo almarada con empuñadura en madeira tallada e no lateral coa cabeza dunha aguia. Conserva aplicación vítrea para semellar os ollos. Folla moi estreita de tres aristas en ferro.