Abano pregable, feito a imitación dos isabelinos, de 16 variñas e 2 gardas en plástico calado divididas en tres corpos: o intermedio en forma de F de violín calado e rematados en forma de espello cadrilobulado, tamén calado, co seu fondo en papel azul. Conservan as variñas a decoración a base de pequenas lentexoulas. O país, a dobre cara, é de papel e vai encolado ao varillaxe. No anverso, unha litografía coloreada impresa cunha escena pastoril. No reverso, un ramallete de flores.
Abano pregable de 14 variñas e 2 gardas, en forma de folla, ovalado. O varillaxe, curto a imitación dos cristinos, en plástico calado con motivos en losanges. O país, en tea de algodón encolado ao varillaxe. Decorado con pequenas lentexoulas. No anverso, imaxe feita a pincel e coloreada dunha muller cazadora, vestida á moda romántica, con certos anacronismos no toucado e calzado (loce un bicornio). Saias, mandil e chaqueta, tamén o zurrón, resoltos cun bordado de fío en cores branco, azul, morado e verde. Apoia a escopeta de caza nun poste. Un can branco, con colar, disponse a buscar a presa. No reverso, unha rosa pintada enmarcada entre volutas voantes flanqueada por dúas grilandas simétricas de rosas e follas, dispostas en forma de C e executadas a pincel.
Abano de pantalla ou "écran de visage" fixo, con mango en madeira de faia torneada en triple bocel e arista; a pantalla en cartón, de forma ovalada no arranque e remate progresivo en perfil ondulado. No anverso e reverso, augaforte estampada e coloreada na que se debuxa unha orla de cintas drapeadas e borlas de gusto rococó. A orla acubilla, nunha cara, a despedida de Jan Sobieski, rei dos polacos, ao pé do seu cabalo e acompañado pola súa garda persoal, da súa dona, Marie-Casimire de la Grange D'Arquien, antes de se partir ao socorro de Viena, asediada polos turcos. Na outra cara un texto en francés, en cursiva, explica a escena baixo o título "Histoire de Pologne": "L'orsque le Roi de Pologne, Jean Sobiesky, monta à cheval pour aller au secours de Vienne; assiégée par les Turcs, la Reine son épouse le regarda en pleurant et en embrassant le plus jeune de ses fils. Pour quoi pleurer, Madame, lui dit le Monarque. Je pleure, répondit elle, de ce que cet enfant n'est pas en etat de vous suivre comme les autres". Vai asinada polo prelo parisiense e máis a dirección postal: Á Paris, chez Lattré Rue St. Jacques vis-a-vis celle de la Parcheminie nº 20. A imprenta de Lattré está documentada nesa dirección a partir de 1765 e fai referencia ao fundador da casa, o impresor Jean Lattré (170?-1791). Foi tamén editor e gravador ordinario do rei de Francia e doutros persoeiros, mesmo da cidade de París a partir de 1771. A súa esposa, Marie Françoise era calígrafa e impresora de cartas: quizais a caligrafía do relato sexa dela. Canto a ese texto, é un extracto copiado literalmente do volume: "Dictionnaire d'Anecdotes, de traits singuliers et caracteristiques, historiettes, bons mots, naivetés, saillies, reparties ingenieuses, A Paris, Chez Le Combe, Libraire, Quai de Conty, 1786". O abano responde con fidelidade á tipoloxía dos editados por Lattré, onde recollía mapas cartográficos (a súa actividade principal era a impresión de mapas) como o referido a Europa, do ano 1765. Na Biblioteca Nacional de Francia conservan 10 écrans editados por Lattré cuxas escenas estaban deseñadas polo mesmísimo François Boucher con Pierre-Philippe Choffard (1730-1809) como gravador. Datada a colección no 1772, optamos por asignárllelo, pois este abano observa características idénticas aos producidos nese ano.
Abano pregable de 16 variñas e 2 gardas, decoradas con motivos vexetais, volutas acantiformes, douradas e caladas. Craviño de nácara coa borla orixinal. O país, a dobre cara, con litografías iluminadas. No anverso, na viñeta central, represéntase o Xuízo de Salomón, de clara inspiración na célebre pintura de Nicolás Poussin (datada no 1649) co mesmo asunto, mais neste abano replantexada a escena nun exterior e prescindindo dalgúns dos personaxes secundarios do orixinal. A figura de Salomón tamén difire da poussiniana. No abano, o rei, sinalando ao verdugo a orde de partir en dúas metades ao neno, a indumentaria e a coroa, (o cetro que porta é unha licencia) están tomados do modelo deseñado por Rafael e difundido a través do gravado de Nicolas Chaperon, xusto o mesmo ano 1649. A escena vai flanqueada por cadansúa cornucopia dourada de gusto rococó. No reverso, represéntase o regreso dun mozo á súa casa, recibido pola familia, nun ambiente rural, bucólico, idealizado. A indumentaria que locen encaixa coa cronoloxía do abano, primeira metade do XIX. Quizais esteamos perante dunha metáfora frivolizada, de acordo cos gustos aristocráticos, do regreso do fillo pródigo. A escena vai flanqueada por dous ramalletes de rosas enmarcadas nun cartucho de liñas mixtilíneas e cenefas acantiformes douradas.
Sabre de oficial composto de puño en madeira e gardaman de tres gabiáns con folla curva dun só fío, vaíña en pel con apliques en metal repuxado bañado en ouro. Decoración figurativa dunha ménade danzante e da alegoría da Prudencia.
Armario para gardar as pezas de caza menor en madeira de castiñeiro policromada; no seu interior con catro baldas ou estantes. Vai apoiado en catro patas. De forma rectangular, con porta e co lado esquerdo rebaixado en curva. A escena representada é de carácter cómico: un garda real inglés bebe a morro dunha botella baixo a mirada censora doutro garda. Albíscase á dereita unha arquitectura cupulada semellante á catedral de Saint Paul.
Bargueño, contador ou escritorio papeleira de influencia italiana, quizais napolitana, en madeira, en forma de caixa rectangular con embutidos de carei e decoración a base de mascaróns bocachave en bronce dourado. Dividido en tres corpos: os laterais contan con tres caixóns cada un (en total seis), e tiradores en bronce con bocachave; o central consiste nunha porta que sobresae en planta articulada mediante bisagra. Organízase esta fronte en disposición dístila cunha fornela central que acubilla á musa Terpsícore, fundida en bronce; este corpo dá acceso a catro caixóns interiores. Decorado con fileteado metálico en latón describindo círculos encadeados. Apoiado en catro pequenos pés lenticulares. Nos flancos, asas en ferro forxado
Papeleira de influencia ou mesmo procedencia italiana, en marquetería de madeira de piñeiro con laminado de ébano, carei e óso gravado con motivos vexetais e animais e a figura dun cabaleiro á moda do primeiro terzo do XVII que centra a composición. A caixa, ensamblada en inglete, organízase verticalmente en tres corpos: o central, con porta exterior que dá lugar a catro caixóns; os dous corpos laterais contan con tres caixón cada un. Asas laterais en ferro forxado, curvas e abalaustradas, formando unha C invertida.
Caixa de agullas de coser para noiva/esposa/irmá de mariñeiro feita en óso de balea. En forma de peixe, consta de dúas partes: base e tapa ou remate superior extraíble. Decorado con pequenos discos de latón lacados en negro e, no anverso, cun pirogravado enmarcado que contén a silueta dunha muller vestida á moda de mediados do XIX (intúese un miriñaque) no que semella un escenario teatral. Posíbel traballo artesanal mariñeiro do porto baleeiro de Nantucket.
Caixa de mistos en latón dourado, de tapa abisagrada, ondulada no extremo de peche. Esmaltada a tapa cunha escena picante de toilette (dúas coristas no vestiario) no anverso; no reverso, unha muller, con paraugas, de perfil mira o horizonte nun exterior natural, cunha cerca ao fondo. O vento levanta lixeiramente a saia que viste, á moda de finais do XIX. No interior da tapa, sobre un fondo azul, o emblema do que podería ser un club de polo: unha ferradura de cabalo coroada por un chapeu de ala curta e cruzada en aspa por dous paus semellantes aos de golf. Nos lados menores, inciso: PARIS e H.H. DEPOSE.
Caixiña, quizais pastilleiro ou portaviático, en vidro, de cor verde botella, circular, con tapa abisagrada en metal con baño de prata e peche de lazo. O anverso da tapa decorado cunha escena pintada en esmalte branco, a imitación dun camafeo antigo: un cativo ataviado cunha especie de subucula (camisola cinxida por un cinto) pasea por un sendeiro no lance de apañar unha pola coa destra: talvez representación do Neno Xesús? As medidas encaixan coas caixas para gardar a Forma propias do viático.
Cinceiro de cerámica de Macao, de forma cadrada con dous ocos separados pola metade, coa representación dunha paisaxe chinesca e flores en tons verdes e rosas.
Cinceiro de cerámica de Macao, en forma cadrada con dous ocos separados pola metade, coa representación dunha paisaxe chinesca e flores en tons verdes e rosas.
Portaplumas con base cadrada decorada na parte frontal e traseira con cadanseu floreiro e rematado por un putto mensaxeiro que sostén un atado e apoia, en contraposto, sobre un libro pechado. Conta con catro ocos para colocar as plumas.
Espello de toucador con pé representando a unha figura feminina, quizais unha xitana (Esmeralda?), suxeitando dous cubos nos laterais e salpicada de esmaltes en azul, verde e roxo. Na parte traseira, ocos en disposición de abano para colocar útiles de manicura.
Gravado que representa a un xinete montando a cabalo. Marco de madeira. Augaforte de Tomás López Enguídanos (1775-1814) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). Trátase dun retrato ecuestre de Manuel Godoy. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Gravado que representa a un xinete montando a cabalo. Marco de madeira. Augaforte de Juan Moreno de Tejada (1739-1805) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). Trátase dun retrato ecuestre de Carlos IV. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Medalla conmemorativa en prata acuñada baixo o papado de León XIII (1842-1918), rubricada polo gravador F. Bianchi, celebrativa da canonización de Clara da Cruz, Xoán Bautista de Rossi, Bieito Xosé Labre e Lourenzo de Brindisi, elevados a santos o 8 de decembro de 1881. No anverso, busto do perfil esquerdo do papa. Segue o tipo creado polo mesmo Francesco Bianchi nas primeiras medallas acuñadas do pontificado de León XIII. Na lenda: LEO. XIII. PONT. MAX. ANNO V. Gráfila lisa. No reverso, os catro santos distribuídos por parellas, axeonllados sobre nubes entre as que se recortan as cúpulas da basílica de San Pedro de Roma. Arriba, o Espírito Santo, representado por unha pomba coas ás abertas rodeada por raios. Lenda: CAELITUM. SANCTORUM HONRES. DECRETI. Abaixo, a data de emisión en números romanos: A. MDCCCLXXXII
Gravado que representa a un xinete montando a cabalo. Marco de madeira. Augaforte de Francisco Muntaner Moner (1743-1805) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). Orixinalmente tería sido un retrato ecuestre de Godoy, logo alterado. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Cadro costumista ó óleo pintado sobre táboa de castiñeiro que representa a unha muller fiando con traxe típico galego, asinado por Cándido Garabal. Sen marco.
Cadro costumista pintado ó óleo sobre táboa de castiñeiro que representa a un home con bastón e con traxe rexional galego, asinado por Cándido Garabal. Sen marco.
Prato de té en porcelana de Limoges, producido por Paul et Pierre Parautaud Frères (monograma PP no reverso) en La Seynie para Limoges. En tons dourados e azul cobalto, o emblema do prato é unha escena estampada e policromada de cortexo asinada (non realmente) por Fragonard. O home e a muller protagonistas visten á moda de mediados do XVIII. Ela, que sostén unha coroa de flores, recibe do home un pequeno ramallete. Él abraza á muller. A escena ambiéntase nunha paisaxe nemorosa, de acordo cos arquetipos de cortexo ideadas polo Fragonard no que se inspira esta serie producida en Limoges nas primeiras décadas do XX.
Gravado que representa a un xinete a cabalo con marco en madeira de castiñeiro. Augaforte de Francisco de Paula Martí (1761-1827) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). Identificado por Barcia como retrato do cabaleirizo de Carlos IV, Benito Guerre, trataríase en realidade do Príncipe da Paz, ministro daquel rei. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Gravado que representa a un xinete montando a cabalo. Marco de madeira. Augaforte de Fernando Selma (1752-1810) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814).Trátase dun retrato ecuestre do príncipe Fernando, futuro Fernando VII. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.