Óleo sobre latón que representa a figura de Cristo, Ecce Homo, semiespido atado cunha corda de mans e colo, con coroa de espiñas, clámide roxa e perizonium, conforme á iconografía asentada no senlleiro gravado de Durero, reinterpretado pola escola madrileña. Recorda a obra de Mateo de Cerezo. Marco en madeira dourada.
Gravado da casa L. Turgis que representa unha escena do Inferno; coa inscrición: "Apartaos de mi malditos al fuego que está aparejado para el diablo y para sus ángeles", lema incluído no Catecismo para os Párrocos do Concilio de Trento. Marco en madeira.
Gravado da casa L. Turgis que representa unha escena do Purgatorio e inscrición:"Nadie entrará en el reino de los cielos si no ha sido purificado de antemano", lema incluido no Catecismo para Párrocos do Concilio de Trento. Marco en madeira.
Óleo sobre lenzo que representa a Fuxida a Exipto da Sagrada Familia. A Virxe, acomodada sobre o burro nunha xamúa, vai toucada cun sombreiro da ala ancha, típico da aristocracia europea do século XVII; un anxo serve de palafreneiro, de acordo coa tradición; a pé vai san Xosé. Con marco en madeira sobredourado. Copia libre a partir dun gravado de Martin de Vos moi recorrente. Inclúe un capítulo iconográfico habitual nestas representacións: unha estatua decapitada, no extremo dereito da composición, alude ao episodio da Caída dos Ídolos recollido nos Evanxeos Apócrifos.
Abano pregable de 16 variñas e 2 gardas, decoradas con motivos vexetais, volutas acantiformes, douradas e caladas. Craviño de nácara coa borla orixinal. O país, a dobre cara, con litografías iluminadas. No anverso, na viñeta central, represéntase o Xuízo de Salomón, de clara inspiración na célebre pintura de Nicolás Poussin (datada no 1649) co mesmo asunto, mais neste abano replantexada a escena nun exterior e prescindindo dalgúns dos personaxes secundarios do orixinal. A figura de Salomón tamén difire da poussiniana. No abano, o rei, sinalando ao verdugo a orde de partir en dúas metades ao neno, a indumentaria e a coroa, (o cetro que porta é unha licencia) están tomados do modelo deseñado por Rafael e difundido a través do gravado de Nicolas Chaperon, xusto o mesmo ano 1649. A escena vai flanqueada por cadansúa cornucopia dourada de gusto rococó. No reverso, represéntase o regreso dun mozo á súa casa, recibido pola familia, nun ambiente rural, bucólico, idealizado. A indumentaria que locen encaixa coa cronoloxía do abano, primeira metade do XIX. Quizais esteamos perante dunha metáfora frivolizada, de acordo cos gustos aristocráticos, do regreso do fillo pródigo. A escena vai flanqueada por dous ramalletes de rosas enmarcadas nun cartucho de liñas mixtilíneas e cenefas acantiformes douradas.
Óleo sobre lenzo que representa a entrada trunfal de Xesús en Xerusalén (Domingo de Ramos) con marco en madeira sobredourado. É copia dun gravado de Philipp Andreas Kilian, gravador alemán do XVIII, incluído nunha Biblia ilustrada editada no ano 1758, que segue (pois así o cita o propio Kilian nas fontes das que partiu para as súas pranchas calcográficas) ao artista francés do XVII Nicola Vleughels. Un gravado gardado no British Museum e, polo tanto, esta obra de Tor, confirmarían a atribución do deseño orixinal a Vleughels, pois no museo inglés presentan ese gravado como posible, non segura, obra súa.
Óleo sobre lenzo que representa a Sagrada Familia: a Virxe descubre ao Neno, durmido. San Xosé, apoiado sobre os cóbados, semella dormir, nun xesto iconográfico melancólico. A esquerda, un anxo asiste á escena. Marco en madeira con cenefa en dourado. Asinada por Agrasot, é copia dun orixinal de José Vergara Gimeno, gardado no Museo de Belas Artes de Valencia. Este de Agrasot foi Premio de Terceira Clase, Medalla de Bronce, na exposición Agrícola Industrial y Artística, celebrada en Alacante, en outubro de 1860, baixo os auspicios da Sociedad Económica de Amigos del País de Alicante. No certame premiaron a súa destreza na copia do orixinal do pintor académico, fundador da Academia de San Carlos.
Óleo sobre táboa que representa o Sono de San Xosé. Asinado por M. Landeira, ou sexa, Manuel Landeira Bolaño (1736-1790), pintor, gravador e decorador que fora pincelista da cidade de Santiago e do que apenas hai obras.
Óleo sobre lenzo que representa a pasaxe do Antigo Testamento referida á "Susana e os Vellos" probable orixinal do miniaturista asentado en Burdeos, Juan de Parada, quen seguiu o gravado de J.F. Beaubarlet da obra do pintor Joseph-Marie Vien (1716-1809)