Gravado asinado por Matute que reproduce a Inmaculada Concepción do Prado, de Murillo, rodeada de serafíns e co crecente luar á altura da cintura. Marco en madeira dourada.
Imaxe da Inmaculada Concepción, talvez procedente dun retablo, de madeira policromada en tons dourados e manto azul, coas mans xuntas, pregantes, e pousada sobre a bola do mundo, co crecente luar invertido e a figura da serpe. Leva auréola de doce estrelas de prata.
Óleo sobre lenzo que representa a imaxe de Nosa Señora de Guadalupe Estremeña, coroada, con veo acampanado que cae sobre os ombreiros, no seu camarín e trono de prata, co manto branco, cruzado por aparatoso colar e bordado de flores (caraveis brancos e vermellos, premonición da Paixón de Cristo) dúas andoriñas, e unha parella de ricos medallóns de acibeches encabuxados que penden de cadanseu lazo negro e branco; porta o cetro dourado con pedras preciosas, de acordo coa sonada descrición do "padre Talavera". Sen dúbida, unha vera effigies. Na parte superior dous anxos descorren as cortinas, en simulado tafetán roxo; na inferior outros dous tanxen instrumentos musicais, baixón e guitarra española, o que axuda a afinar a cronoloxía, pois o baixón foi desprazado da música sacra durante o XVII. Na peaña, a inscrición " NUESTRA Sª DE GUADALUPE". Próxima ao estilo das pinturas de fray Juan de Santa María, autor dos grandes lenzos do claustro do mosteiro de Guadalupe.
Óleo sobre lenzo da Virxe do Carme. Sobre unha nube, vai coroada e leva manto carmelita que abre para amosar o escapulario coa dereita mentres sostén o Neno coa esquerda. Marco en madeira sobre dourado.
Estampa devocional que representa o Sagrado Corazón da Virxe María enmarcado cun bordado en fíos de ouro, sobre unha tea de raso con decoración de grilandas de rosas. Na parte superior rematado co monograma do Ave María e unha coroa. Marco en madeira.
Óleo sobre lenzo que representa a Virxe das Dores coas mans xuntas e un puñal atravesándolle o corazón. Marco en madeira sobredourada. Copia inspirada no modelo iconográfico divulgado polo obradoiro de Guido Reni.
Óleo sobre lenzo que representa a Virxe das Marabillas, pregante, coas mans xuntas e, sobre elas, un Neniño apenas perceptíbel; nos pés, unha media lúa cos cornos cara arriba e un arco dourado, refulxente, coa seguinte inscrición "Este es el verdadero retrato de la milagrosa imagen de nuestra señora de las maravillas". Probábel procedencia: Celanova
Cadro en relevo en alabastro policromado que representa a Virxe do Carme co Neno. Vai tocada con coroa imperial en dourado e estrás verde, a imitación das esmeraldas. Á parte do manto pardo, proprio da Orde, amosa coa man dereita un ramo de azucenas. O Neno perdeu a coroa que levaba. Porta os escapularios de rigor. Érguese sobre cabezas de querubín e, axeonlladas aos lados, dúas parellas de santos carmelitas. Arriba, un rachamento de gloria. Marco en madeira.
Icona rusa de viaxe, dos chamados "obrazok". Trátase dunha placa rectangular con argola superior, de marco liso, que alberga un baixorrelevo de bronce recortado sobre fondo esmaltado en azul, ao estilo dos producidos polo Mestre Rodión Semjónovich Khrustaljóv. Represéntase a Koimesis, ou Dormición da Virxe, iso chamado Asunción na Igrexa Occidental. A defunta Nai xace cos ollos pechados sobre unha cama, coa cabeza cara á esquerda, arrodeada polo colexio apostólico. Detrás do leito está a figura de Cristo, que aparece na terra para levar a alma da Virxe ao Ceo. Nos seus brazos leva a alma, representada coma un bebé envolto en pañais. A destra de Xesús bendice. Aos seus lados, dous anxos cun bastón de viaxe na man. Sobre Cristo, un serafín de seis ás. Detrás dos dous grupos de apóstolos hai dous bispos: Dionisio de Corinto (O Areopaxita) e Xoán de Damasco, que escribiron sobre a Virxe. Baixo dela, ten lugar unha historia relatada no Pseudo-Xoán, redactado cara o século VI, a da incredulidade do sacerdote Jefonías, que dubidou da virxinidade de María. O Jefonías tentou volcar o leito para arramplar co manto onde xacía a Virxe, pero un anxo (vese claramente representado) cortoulle as mans. Arrepentido, e tras a intercesión de Pedro, as mans volvéronselle xuntar.
Litografía (posterior ao marco) coloreada da Virxe en actitude orante. Marco en marquetería de marfil e carei que segue un patrón xeométrico. De carácter devocional, trátase dunha representación das letanías marianas.
Tapas dun devocionario en ebonita. A cuberta semella unha fornela, un ciborio organizado por un arco de medio punto con tracería gótica que alberga á Virxe con Neno. Cabezas de querubín nas albanegas. A arquitectura que serve de marco vai suliñada por unha grilanda floral. Na contracuberta, nun cartucho de tracería gótica, unha cruz latina flordelisada con catro ráfagas. Nas albanegas, medallóns góticos trilobulares.
Medalla da Virxe das Ermitas, fundida en prata. Calada, a vera effigies da Virxe, hierática, arroeada por un óvalo de raios, ataviada co seu manto, e coroada coa imperial, sostendo ao cativo con ambas mans no centro, érguese sobre unha cabeza de querubín. Orlada a figura cunha láurea rematada en copete en forma de lazo, para levar pendurada. Considerámola feitura de La Alberca, e debeu de formar parte do traxe de vistas ou de noiva dalgunha moza desa localidade salmantina. No reverso, na parte cóncava do corpo da Virxe, leva gravada a advocación da imaxe: HER MITS
Medalla de Nosa Señora de Nieva, fundida en prata. Calada, a vera effigies da Virxe relevada, hierática, co seu manto rico de brocados, vai toucada coas doce estrelas, parece levar colar de perlas. Coa man dereita suxeita o cetro, coa outra, ao Neno. Érguese sobre o crecente luar e cabeciña de querubín. Vai orlada cun marco ovalado de motivos vexetais acantiformes, cincelados, e floróns tetrapétalos en cadanseu extremo agás no superior, resolto cun copete de volutas que dá paso a argola para pendurar a medalla. No reverso, que é plano, vai gravada unha cruz potenzada e, baixo ela, a advocación da imaxe: N. S. DE NIEVA.
Reloxo de Alfredo Delage de caixa alta de péndulo, con calendario mensual, coa caixa de madeira policromada en tons verdes e motivos florais en dourado. A decoración da esfera é unha escena simbólico en folla de lata repuxada, cunha escena relixiosa moi interesante que aclaramos nas notas.
Óleo sobre lenzo da Virxe de Belén: a Virxe estreita ao Neno contra o peito e éste agarima o rostro da Nai, de acordo cunha iconografía de raíces bizantinas e en relación coa Nosa Señora de Pasaviensis de Alemaña ou a Virgen del Dulce Abrazo, ou sexa, trampantollo ao divino dunha vera effigies que abunda nas clausuras de toda España. É posíbel que a pintura, de clara escola madrileña, sexa copia da obra asinada por Francisco Camilo (1615-1673), exposta na igrexa de San Xoán de Deus, no convento madrileño de Antón Martín, e que tivo ampla difusión posto que foi moi copiada. Marco talvez orixinal do XVII en madeira con motivos vexetais de roleos en relevo dourado. Tamén moi interesante dende o punto de vista da historia de xoiería, pois reproduce con fidelidade os labores de engastería do século XVII. Como noutros exemplares, albiscamos na Virxe de Belén de Tor a gargantilla coa pomba pinxante, manillas, diversas sortixas e a coroa imperial coas aguias bicéfalas no bandó, tal e como tamén aparece representada na imaxen que garda o convento de Corpus Christi, vulgo de Jerónimas Carboneras.