Crucifixo en madeira tallada e veludo, a imaxe do Cristo e a benditeira en metal branco. A cruz latina simple é escadrada, leva titulus con INRI e vai perfilada a súa contorna con decoración que semella aramio de espiño.
Espello tremó de gusto historicista, con marco de madeira de caoba tallada formando grilandas con rosas na parte superior. Na parte inferior xardineira tamén en caoba con seis azulexos vidrados e esmaltados na parte frontal e un en cada lateral, apoiada en seis pés. Os azulexos probabelmente sexan da casa Mintons, de Staffordshire (fundada en 1793). O deseño dos azulexos corresponde a un modelo producido por esa casa entre os anos 1905 e 1908, de acordo coa estética modernista herdeira das Arts & Crafts neste caso, de aí a cronoloxía barallada para o espello. Seguen eses azulexos un deseño do célebre William de Morgan do ano 1872-1882, producido no 1898, dos que se conservan exemplares no Victoria & Albert Museum.
Floreiro en forma de ánfora, tipo Imperio, en porcelana fina branca salpicada con pinceladas en dourado; nos laterais, dúas asas formando grilandas vexetais trenzadas con motivos de rocalla. Sobre pé circular exvasado e moldurado. O corpo, lotiforme, vai decorado cunha flor pentapétala orlada con motivos vexetais, todo en tons dourados.
Mesa velador en madeira de caoba con forma de media lúa, réplica do modelo Thonet nº 43. Pé derivado en tres pés formando volutas e pináculo central no vástago de unión.
Prato chan en louza inglesa, de cor branco con cenefa con motivos florais en tons verdes e rosas; no centro, debuxado a plumilla por Benjamín de Prado, as iniciais M.A ( María de Andrés).
Reloxo con calendario de caixa alta da casa inglesa de William Dorrel (1784-1810), decorado no frontal cunha chinoiserie de repertorio, o ascenso a un dos cumios sagrados da China, de reflexos dourados e de gran calidade técnica. Consideramos que a caixa é anterior á maquinaria do reloxo, pois responde ao tipo xorxiano, moi semellante aos producidos por un Joseph Davis en Londres, cara os anos 40 do século XVIII. A decoración, en tons ocres sobre fondo negro, a base de superposición de lacas, executada de maneira lenta e delicada para alcanzaren o relevo adecuado, nunha superficia lisa e bruñida. Esfera cadrada con copete semicircular. Hai exemplares deste tipo no Palacio Barones de Valdeolivos (inv. V0166) e no Museo de los Relojes de Jerez.
Sofá tres prazas isabelino en madeira de caoba tallada con motivos vexetais, de palmeta acantiforme nos brazos e divisións en aspa avolutada dos asentos, coroados estes con copetes calados nos extremos e central avenerado; salienta o amplo faldón tallado con motivos fitomórficos e as patas, que son cabriolé, co recorrente ornamento en forma de palma de loureiro, reminiscente do estilo Imperio. A tapicería en cor amarelo (a orixinal era vermella).