Armario en madeira de castiñeiro e caoba, con embutidos de marquetería que debuxan unha rosa dos ventos, de dúas portas de perfil trapezoidal, suliñadas as albanegas con fileteados de marquetería en buxo. Os tiradores en bronce. Apoiado en catro pés cabriolé. Un deles conserva o remate orixinal en forma de gadopa.
Bacía de barbeiro en cerámica de Talavera, Ruiz de Luna, en forma de cuncha de vieira, con orla en amarelo e emblema central en tons verdes e pardos cunha escena de dous lebreis correndo enmarcados por cadansúa árbore.
Bastón co vástago de madeira e empuñadura curva coa cabeza tallada dun can en marfil cos ollos en pasta de vidro. Probablemente para uso nalgún acto no serán, cando era preceptivo aquel material na empuñadura. Salienta o regatón, tamén en marfil.
Bastón co vástago en madeira de bambú con empuñadura, tallada no mesmo corpo, en forma de cabeza de cisne, con baño diferenciado de verniz e pasta de vidro nos ollos.
Estufa de orixe francesa (zona oriental) ou italiana (noroccidental), en barro cocido e esmaltado en branco, policromado a pincel a imitación das cualidades do mármore veteado. Con forma troncopiramidal invertida e abalaustrada, o corpo vai cortado a chafrán nas esquinas, rematadas á altura da boca do recipiente cunha tarxa vexetal coroada por cadanseu mascarón de león de boca calada. Tapa moldurada e extraíble. Conta con dúas asas laterais aseguradas ao interior mediante parafuso. Van en ferro con mango en madeira torneada. Esta chauferette conta con sete orificios, catro nas bocas correspondentes aos leóns, e tres na parte inferior. No seu interior depósito en ferro de forma troncocónica para a leña. Na base, na cara exterior, o número de serie: 42. Na tapa, outro número de serie: 52.
Caixa ovoidal tallada en óso de balea, con decoración incisa en forma de escama de peixe e en relevo, lobulada. No interior, na base, os sucos da rosca, onde iría enroscada a peza nº 1334 do inventario coa que formar caixa de dedal e alfineteiro. Posíbel traballo artesanal mariñeiro do porto baleeiro de Nantucket.
Salvadeira de corpo poligonal de lados facetados sobre pé circular moldurado, en metal bañado en prata. Tapa en forma de cupulín coroado por unha aguia.
Portaplumas de tres ocos en metal bañado en prata de corpo poligonal de lados cóncavos sobre pé circular moldurado. Tapa en forma de cupulín coroado por unha aguia.
Bandexa de escribanía, de planta cadrilonga coas esquinas redondeadas, en metal branco bañado en prata. Apoiada en catro patas aladas, con copete de venera, en forma de garra.
Bandexa para escribanía de planta rectangular coas esquinas cortadas en chafrán. No plano, conta cos tres ocos para acomod do tinteiro, salvadeira e portaplumas. Vai apoiada en catro pés en forma de garra, e un pequeno orificio na parte traseira para colocar a pluma.
Lámpada de teito, pantalla de vidro opalino rosa decorado con motivos florais e tres andoriñas, de evidente inspiración na estampa xaponesa, rematada na parte superior e inferior en bronce e con soporte para seis lámpadas, brazos calados dos que penden lágrimas de cristal.
Mesa de noite con taboleiro en marquetería de marfil e óso, e motivo decorativo no emblema central dun paxaro, quizais un melro, tamén en marfil, acompañado por trísceles de catro aspas no mesmo material. Catro patas en madeira torneada de cerdeira, de perfil lenticular, con fiadores de perfil eseado en ferro forxado. Probabelmente fora o soporte dun contador ou bargueño.
Punzón tallado en óso de balea con ornamentación xeométrica incisa e pirogravada rematada no extremo non punzante con cabeza pisciforme e, no contrario, alfiliforme. Empregábase para facer buratos no coiro, confeccionar prendas de lá ou para recoller o cabelo das mulleres. Posíbel traballo artesanal mariñeiro orixinario do porto baleeiro de Nantucket.
Sofá tipo fernandino con certo deixo isabelino en madeira de caoba. De tres prazas, vai apoiado en catro patas en madeira tallada con motivos gallonados. Asento, respaldo e laterais acolchados e tapizados en tea de veludo adamascado en cor verde. O respaldo, de perfil mixtilíneo, vai decorado con cabezas de cisne enfrontadas e unha palmeta no copete. Os repousabrazos, dispostos ao gusto Imperio, van tallados con motivo acantiforme. O faldón, mínimo, moldurado en bocel.
Especieiro triangular empregado como tinteiro, de lados e paredes iguais en cerámica de Puente del Arzobispo; con tres ocos ou depósitos iguais na parte superior, xunto a cada un dos ángulos do triángulo. O anverso executado con esmalte branco de estaño e decoración moldeada a relevo e sobrepintada. En cada un dos laterais un mascarón de león con decoración feita a pincel; motivos vexetais en tons verdes e ocres. Xunto aos ocos, follas tamén executadas a pincel. As aristas tamén van sobrepintadas.