Óleo sobre lenzo que representa a imaxe de Nosa Señora de Guadalupe Estremeña, coroada, con veo acampanado que cae sobre os ombreiros, no seu camarín e trono de prata, co manto branco, cruzado por aparatoso colar e bordado de flores (caraveis brancos e vermellos, premonición da Paixón de Cristo) dúas andoriñas, e unha parella de ricos medallóns de acibeches encabuxados que penden de cadanseu lazo negro e branco; porta o cetro dourado con pedras preciosas, de acordo coa sonada descrición do "padre Talavera". Sen dúbida, unha vera effigies. Na parte superior dous anxos descorren as cortinas, en simulado tafetán roxo; na inferior outros dous tanxen instrumentos musicais, baixón e guitarra española, o que axuda a afinar a cronoloxía, pois o baixón foi desprazado da música sacra durante o XVII. Na peaña, a inscrición " NUESTRA Sª DE GUADALUPE". Próxima ao estilo das pinturas de fray Juan de Santa María, autor dos grandes lenzos do claustro do mosteiro de Guadalupe.
Óleo sobre lenzo da Virxe do Carme. Sobre unha nube, vai coroada e leva manto carmelita que abre para amosar o escapulario coa dereita mentres sostén o Neno coa esquerda. Marco en madeira sobre dourado.
Óleo sobre latón que representa a figura de Cristo, Ecce Homo, semiespido atado cunha corda de mans e colo, con coroa de espiñas, clámide roxa e perizonium, conforme á iconografía asentada no senlleiro gravado de Durero, reinterpretado pola escola madrileña. Recorda a obra de Mateo de Cerezo. Marco en madeira dourada.
Cadro Exvoto que representa ao Señor de Navea, axeonllado, con librea granate e perruca (Francisco Quiroga Losada) ante a Virxe das Ermitas coa inscrición: " Don Frco Joseph Quiroga y Losada Hijo el Señor de Nabea se ofreció a esta Soberana Señora en una gravísima enfermedad en que hubo quatro …"Fai parella co número 72 do inventario.
Óleo sobre lenzo que representa a imaxe de San Pablo, coa espada do martirio (asoma básicamente o puño e parte de fío, en primeiro plano) e o libro das Epístolas aberto. Sen marco. Posíbel copia dunha serie, como a Crispín de Passe ou aqueloutra de Goltzius do Credo Apostolorum. O formato, a maneira pouco fidedigna de abordar a anatomía e a expresión do santo, case unha caricatura, é moi semellante ao San Andrés, anónimo español, do Convento de Clarisas de Monforte de Lemos, e incluso á do propio San Martiño da Sala de Armas deste pazo.
Gravado que representa a imaxe de Santa Bárbara. Marco en madeira. Obra do gravador galego Luis de la Piedra (1769-1818), a virxe leva a palma do martirio e a torre, atributo máis usual.
Óleo sobre lenzo que representa a Virxe das Dores coas mans xuntas e un puñal atravesándolle o corazón. Marco en madeira sobredourada. Copia inspirada no modelo iconográfico divulgado polo obradoiro de Guido Reni.
Óleo sobre lenzo que representa a Fuxida a Exipto da Sagrada Familia. A Virxe, acomodada sobre o burro nunha xamúa, vai toucada cun sombreiro da ala ancha, típico da aristocracia europea do século XVII; un anxo serve de palafreneiro, de acordo coa tradición; a pé vai san Xosé. Con marco en madeira sobredourado. Copia libre a partir dun gravado de Martin de Vos moi recorrente. Inclúe un capítulo iconográfico habitual nestas representacións: unha estatua decapitada, no extremo dereito da composición, alude ao episodio da Caída dos Ídolos recollido nos Evanxeos Apócrifos.
Óleo sobre lenzo que representa a Virxe das Marabillas, pregante, coas mans xuntas e, sobre elas, un Neniño apenas perceptíbel; nos pés, unha media lúa cos cornos cara arriba e un arco dourado, refulxente, coa seguinte inscrición "Este es el verdadero retrato de la milagrosa imagen de nuestra señora de las maravillas". Probábel procedencia: Celanova
Agnusdéi inserto nun relicario en forma de custodia de sol en madeira de caoba e ébano sobre pé octogonal con reliquias de varios santos. O corpo tamén é octogonal e serve de estoxo ao disco, ovoide neste caso, coa imaxe dun Agnus Dei feito en cera do Cirio Pascual: o cordeiro pousa sobre o libro dos sete selos do Apocalipse, vai nimbado e leva o lábaro, imaxe arquetípica. Apenas é lexíbel a inscrición de rigor: "Ecce agnus Dei qui tollit pecata mundi". O nome do Papa que o consagrou e máis o seu correspondente emblema heráldico están moi desgastados para a súa correcta identificación; no reverso, imaxe moi desgastada, probabelmente da Virxe María. As oito reliquias van dispostas ao seu redor de xeito radial, acomodadas nos seus correspondentes nichos e co titulus identificativo. Son as seguintes: Santa Cunegunda, San Marcos, San Basilio, Veo de Santa Clara, San Sebastián, San Narciso, San Lourenzo, San Lino.
Agnusdei. O estoxo, en metal dourado, tipo patena, circular, en forma de medallón, acubilla unha dobre fiestra de vidro, transparente no anverso e reverso; o cerco é liso agás nos extremos maiores, onde leva pinxantes de dobre voluta flanqueando un pequeno pináculo. Na parte superior, unha argola, do que se deduce que se levaría pendurado do colo. Ábrese mediante bisagra. O agnusdei, case completo, leva no anverso a imaxe do Año Pascual, en nidio relevo. Disponse non deitado, senón a catro patas, de perfil, pasante e virando a cabeza nimbada cara a cruz e o lábaro farpado, ondeante, coa cruz grega no seu campo. Pousa sobre o que semella o escudo papal. Órlao a inscrición en exergo: ECCE AGNUS DEI QUI TOLLIT P.M. (PECCATA MUNDI). No reverso, unha Adoración dos Reis de nocións quattrocentistas (atención ás trabes do presebe, recordan a solucións dun Jacopo Bellini ou mesmo dun Botticelli). Órlao a inscrición, en exergo, e entre cabezas de querubín: PONT (IFEX) MAX (IMUS) [roto] XIII. O fragmento onde iría o nome do papa falta. Podería corresponderse co pontificado de Inocencio XIII, de aí a cronoloxía conxeturada. Posíbelmente formou parte dun colar de traxe de vistas de La Alberca.
Agnusdei en cera de cirio pascual con reliquias incrustadas. Vai en medallón ovalado de dúas caras con marco de prata de cerco liso e decoración incisa en spicatum no rebordo. Leva argola superior para levar pendurado. No anverso o Año Pascual, apenas visíbel, cun par de reliquias coa correspondente filacteria identificatoria impresa con letra do XVIII (Santa Eufemia e Santa Cunegunda?). No reverso, intúese o perfil de Cristo. Posíbelmente formou parte dun colar de traxe de vistas de La Alberca.
Agnusdei relicario en cera de cirio pascual con reliquias embutidas e adornos florais en fío metálico, tanto no anverso coma no reverso. Vai en medallón ovalado de dúas caras con marco de prata de cerco liso e fiestras de cristal de roca ovoides e lixeiramente convexas. No anverso, apenas visíbel, o Agnus Dei, recostado sobre o Libro dos Sete Selos, cruz e lábaro farpado. Na parte inferior, unha filacteria en papel con caligrafía en latín do XVIII (anos 70) dá conta da reliquia do veo de María: ex velo B. m.v. (do veo da Bendita María Virxe). No reverso, ao modo dos relicarios xardín, e dispostas en aspa, catro reliquias cos tituli en papel identificadores, baixo a mesma caligrafía setecentista: Santa Lucía, virxe; San Brais bispo, Santa Inés, virxe; San Vítor, mártir.
Albarelo empregado coma floreiro. En cerámica branca, é de corpo cilíndrico, con lixeira convexidade no fuste. Presenta bocel no beizo, boca exvasada e escocia no pé. No corpo, escudo heráldico en tons azul cobalto, coidamos que pertencente á congregación do Císter ou Regular Observancia de San Bernardo: cuartelado, unha banda xaquelada de dobre serie de escaques, sementado de dúas flores de lis, unha no cantón destro do xefe, outra na siniestra, brazo de monxe con cogula branca empuñando báculo abacial, movente do flanco siniestro da punta. No xefe, a mitra a modo de timbre. Cerco ornamentado con volutas e cuncha de rocalla na punta. Semella da serie talaverá coñecida como "monástica" ou "heráldica". Véxanse as notas.
Alzado da muralla de Lugo debuxada sobre papel vergado, en tinta sepia. En perspectiva cabaleira, vai asinada e datada polo artista barroco Agustín Baamonde (1713-1784): "escultor y arquitecto" (sic). Corresponde ao flanco da muralla romana á altura do Campo Castelo, construción medieval que tamén aparece recollida na parte superior dereita, orixinaria do topónimo do barrio. Aprécianse no castelo as armas do bispo lucense do XVI Fernando Velosillo (1567-1587). O plano foi levantado a raíz da reforma do Cárcere Eclesiástico, promovida polo Bispo Francisco Izquierdo y Tavira (1748-1762). O novo edificio, hoxe moi reformado, tamén se retrata no ángulo inferior esquerdo, onde se aprecia o escudo heráldico do prelado e a face orixinal do edificio. Os cubos da muralla representados conservaban daquela os vans balísticos, coma os da actual torre da Mosquera, e escaleiras de acceso. Acompaña o plano unha lenda explicativa con ata dez anotacións. Foi trazado como documentación anexa e probatoria, co gallo dun preito con Carlos Suárez. A autoría de Baamonde, escultor máis que tracista ou arquitecto, explícase por seren veciño do Barrio, zona que coñecía moi ben, non tanto pola calidade do debuxo. O seu rigor vén dado, polo tanto, pola verosimilitude do testemuño.
Aparador en madeira de castiñeiro con dúas lacenas de dobre porta de follas con plafón rectangular resalteado. Vai apoiado en 6 zapatas troncopiramidais de fronte estriada.
Arca de gardar en madeira de castiñeiro, de taboleiros enteirizos ensamblados en cola de miñato. Vai apoiada en dúas zapatas. A face frontal vai tallada con hexapétalas e unha espada rudimentaria, motivos de obvia significación apotropaica. Tamén consta da inscrición :"YZOLA DOMINGO ANTº","ANO DE 1759". Pechadura de ferro forxado con perno e palastro embelecedor.
Arca de gardar en madeira de castiñeiro; consta de catro taboleiros enteirizos ensamblados en cola de miñato e tapa con lixeira moldura, abisagrada, con perno de feche en ferro forzado e bocachabe de cerco avolutado e calado. Conserva a bocachave parte do feltro vermello orixinal. Vai apoiado en zapatas rematadas en pés troncopiramidais. A face frontal vai tallada con motivos florais e xeométricos (xirasoles, hexapétalas, escamas, trísceles) profilácticos e dous cartuchos de lados curvos e perfil convexo cunha inscrición laudatoria adicada a Xesús e María e a firma do autor, Pedro Vastero (sic), e data.
Arca de gardar en madeira de castiñeiro apoiado en zapatas. De corpo rectangular ensamblado en cola de miñato e reforzado con bisagras. Tapa abisagrada con moldura no seu borde. Conta nos flancos con cadansúa asa de ferro forxado en forma de ril, a fechadura na cara frontal e bocachave.
Peaña que consiste nunha columna torneada en madeira de castiñeiro, animado o seu perfil con molduras lenticulares propias do reinado de Filipo IV o que delata unha reutilización da pata de bargueño para a súa feitura; base e cara superior de forma cadrada.
Atril en madeira policromada de castiñeiro coa face en forma de grella abalaustrada de pau que apoia a súa base de perfil ondulado en catro pés con molduras de touro.
Bargueño en madeira de castiñeiro. Composto de dous corpos: o inferior, un taquillón soporte do escritorio, é un caixón de taboleiros enteirizos ensamblado con cola de miñato con dous caixóns na cara frontal, grandes e con dúas asas de ferro recurvadas, en forma de C invertida; vai apoiado este corpo en dúas zapatas coa súa face tallada en estrías; o contador superior, ensamblado en cola de miñato reforzado con cantoneiras de ferro forxado e bisagras flordelisadas, organízase en once gabetas con tirador central circular en madeira tallada, flanqueado o tirador por placas resalteadas de perfil ovalado e resalte central, e orlado o perímetro cunha grilanda tallada policromada en vermello. Os caixóns arrodean unha lacena central con pechadura. Conta con tapa abatible mediante bisagras e perno de feche superior. A fechadura da tapa vai ornamentada cun palastro de ferro forxado con tracería calada. Nos costados, asas de ferro forxado, curvas e abalaustradas.
Bargueño, contador ou escritorio papeleira de influencia italiana, quizais napolitana, en madeira, en forma de caixa rectangular con embutidos de carei e decoración a base de mascaróns bocachave en bronce dourado. Dividido en tres corpos: os laterais contan con tres caixóns cada un (en total seis), e tiradores en bronce con bocachave; o central consiste nunha porta que sobresae en planta articulada mediante bisagra. Organízase esta fronte en disposición dístila cunha fornela central que acubilla á musa Terpsícore, fundida en bronce; este corpo dá acceso a catro caixóns interiores. Decorado con fileteado metálico en latón describindo círculos encadeados. Apoiado en catro pequenos pés lenticulares. Nos flancos, asas en ferro forxado
Papeleira de influencia ou mesmo procedencia italiana, en marquetería de madeira de piñeiro con laminado de ébano, carei e óso gravado con motivos vexetais e animais e a figura dun cabaleiro á moda do primeiro terzo do XVII que centra a composición. A caixa, ensamblada en inglete, organízase verticalmente en tres corpos: o central, con porta exterior que dá lugar a catro caixóns; os dous corpos laterais contan con tres caixón cada un. Asas laterais en ferro forxado, curvas e abalaustradas, formando unha C invertida.
Papeleira de viaxe, contador ou bargueño. O corpo principal e unha caixa de taboleiros enteirizos en madeira de castiñeiro ensamblados en inglete con reforzos de bisagras en ferro forxado flordelisadas. Con tapa abatible mediante bisagras con seis vieiras ornamentais en ferro forxado (3 de cada lado) e dúas asas nos flancos, de ferro forxado, curvas e abalaustradas. A pechadura, con embelecedor de palastro con tracería calada en tornapuntas e feltro vermello. No seu interior, a parte frontal consta de sete caixóns en marquetería formando debuxos de forma xeométrica. Conta con secreto. Vai apoiado en catro pequenos pés
Réplica reducida dun bodegón, feito cunha litografía pintada. Obra de Jan Brueghel o Vello (orixinal no Museo do Prado, cunha cronoloxía de principios do século XVII) que representa un xarrón con flores, unha rá e unha pedra bezoar. Marco en madeira.
Óleo sobre cobre que representa ao Neno Xesús cos atributos da súa futura Paixón (Arma Christi); cruz, esponxa, lanza e escaleira (non se distingue ben se vai a coroa de espiñas de rigor) que apaña co brazo dereito, portando un balde na outra man, no que irían, de acordo co modismo iconográfico, os demais elementos do martirio, aquí tapados por un paño, imaxinamos que pola impericia do artista á hora de ser minucioso. Camiña cara a esquerda (o que delata unha fonte gravada) sobre un leito de rosas e baixo un amplo cortinón vermello (semella que será un engadido posterior) e fiestra ao fondo en tosca perspectiva, foco de luz da escena. Marco en madeira sobredourado. Posíbel orixe americana, talvez do Ecuador, inspirada na obra gravada de Hieronimus Wierix (1553-1619) co mesmo asunto (In Laboribus a iuventute mea). Na peza de Tor non aparece a usual inscrición latina ao pé. O manto e a cortina efectista conservan o ton vermello consuetidunario. Non obstante, a túnica, dun azul gastado, quixo ser púrpura, pois esa cor viste o Neno noutras representacións semellantes, o que revela o carácter rudimentario, case industrial, e polo tanto, a idiosincrasia mercantil, de consumo a grande escala, deste cobre.
Cáliz esmoleiro en prata. No pé reza a seguinte inscrición: "ES DEL SEÑOR DE TOR". Atención á marca do prateiro que precede ao astil: punzón da Corte (Madrid) e iniciais Ivº DOR, correspondentes a Juan de Orea, activo ata a súa morte, o ano 1693.
Cama napolitana de campaña con pavillón, en madeira pulimentada de pau de santo e incrustacións con apliques de arabesco en bronce dourado no cabeceiro. Como emblema heráldico, un tríscele dextroso de flores de lis, quizais relativos ao apelido Varela.
Cama portuguesa en madeira de castiñeiro torneada con decoración emblemática no cabeceiro. Orgaínzase por medio de catro grandes mastros torneados, máis altos os correspondentes ao cabeceiro, coroados por un pináculo de base bulbosa. O cabeceiro está resolto a modo de peita distribuída en dous pisos organizados en arquerías que alternan balaústres torneados e pinxantes que caen do centro de cada arco; flanquean o edículo dúas volutas acantiformes e eseadas. Resérvase o centro do tímpano resultante para acoller a talla dun froito, quizais un marmelo. Do edículo parten dúas láureas voantes, motivos que axudan a precisar a cronoloxía do moble.
Lámpada de aceite en bronce. De pé circular co borde recurvado e astil abalaustrado, o depósito conta con tres chisqueiros. Sobre este corpo, unha abrazadeira móbil de arco calado sirve de fixación a unha pantalla plana que aumenta o adorno da peza amais de dirixir a luz. Outro brazo, menor, remata noutro panel, neste caso calado, para tamizala. O astil remata nunha ansa calada en forma de flor de lis.
Lámpada de aceite de pé circular e astil abalaustrado. O astil superior de parafuso regulable en altura. Co depósito esférico e dunha soa lapa. Conta cunha cadea con tapador de lapa e asa superior de perfil mixtilíneo.
Lámpada de aceite en bronce, de pé circular e astil abalaustrado. O depósito conta con tres chisqueiros. Sobre este corpo, unha abrazadeira móbil de arco sirve de fixación a unha pantalla plana, de forma pentagonal, o que aumenta o adorno da peza amais de dirixir a luz. Conta tamén cunha cadea con tapadeira para as lapas.
Lámpada de aceite en bronce de catro lapas. De pé circular co borde recurvado e astil abalaustrado. Vástago superior en parafuso para a súa regulación en altura. Conta con dous brazos calados, un deles con pantalla ovalada para dirixir e reflectir a luz. Remata nunha asa tamén calada en forma de coroa real.
Cruz latina simple, escadrada, en madeira de oliveira e con incrustacións de losanges en marquetería e adornos (ráfagas, das cales perdeu dúas) en nácara; imaxe sobreposta de Cristo, de tres cravos, en bronce sobre nácara. No reverso da cruz, catorce discos en nácara alusivos ás estacións do Vía Crucis, coa inscrición STA (Terra Santa) e o correspondente número romano. Este tipo de cruces procede dos Santos Lugares, de onde chegaron a Occidente como obxectos de recordo de peregrinación. Un dos factores de riqueza dos cristiáns en Palestina foi a industria ou artesanía de rosarios, cruces e toda clase de recordos relixiosos dos Santos Lugares, fabricados con madeira de oliveira, nácara e outras materias, recordos propiciados polos franciscanos da Obra Pía de Xerusalén, institución benéfico-piadosa destinada á conservación, acrecentamento e restauración dos Santuarios de Terra Santa. Esta cruz responde ao exercicio piadoso de Vía Crucis, costume iniciada en Xerusalén da man dos franciscanos, recompensada dende o principio cun gran número de indulxencias. O Vía Crucis evocaba mediante catorce estacións ou etapas, o camiño percorrido por Cristo durante a Paixón. En 1773 o papa Clemente XIV concedeu as mesmas indulxencias ao rezo do Vía Crucis na casa, sempre que o devoto sostivese entre as súas mans unha cruz. De aí a multiplicación da produción de cruces adornadas con círculos de nácara alusivas ás estacións. Acrecentouse así mesmo a exportación ao Occidente.
Espabiadora en prata, de ollos circulares con decoración na súa cara externa de brotes vexetais, un tramo recto con volutas superiores e resaltes inferiores e parafuso liso no eixo. Na caixa, punzón de prateiro e contraste inseridos nun cartucho trapezoidal de ángulos superiores recurvados: MLD MRAND (cunha A sobre a D). Identificámolos co prateiro de San Lúcar de Barrameda Lucrecio Delgado Meneses e o contraste Juan Pérez de Grandallana-Harniza.
Óleo sobre lenzo que representa a entrada trunfal de Xesús en Xerusalén (Domingo de Ramos) con marco en madeira sobredourado. É copia dun gravado de Philipp Andreas Kilian, gravador alemán do XVIII, incluído nunha Biblia ilustrada editada no ano 1758, que segue (pois así o cita o propio Kilian nas fontes das que partiu para as súas pranchas calcográficas) ao artista francés do XVII Nicola Vleughels. Un gravado gardado no British Museum e, polo tanto, esta obra de Tor, confirmarían a atribución do deseño orixinal a Vleughels, pois no museo inglés presentan ese gravado como posible, non segura, obra súa.