Óleo que representa a Cháritas romana: a xoven Pero aleita ao seu pai, Cimón, preso na cárcere, condeado a morrer de inanición, isto é, un dos exempla de virtus romana reseñados por Valerio Máximo nos seus Factorum et dictorum memorabilium, logo asimilada pola iconografía cristiá como unha das sete obras de Misericordia (por exemplo por Caravaggio). Marco en madeira dourada con motivos vexetais en relevo. É copia boa dun orixinal de Murillo, que pertencera á colección particular de Godoy, levado ao Pennsylvania Academy of Fine Arts antes do ano 1814, onde desapareceu tralo incendio de 1845. Consérvase dese óleo un debuxo orixinal de Murillo; a obra foi grabada por Tomás López Enguídanos para Calcografía Nacional no 1809 sobre debuxo de José Martínez, un augaforte que serviu de fonte para as copias que se fixeron, como esta de Tor que podemos atribuir ao pintor Mariano "Tito" Vázquez, afeccionado ao mestre sevillano do que fixo varias copias, dúas delas conservadas en Castro Caldelas.
Gravado asinado por Matute que reproduce a Inmaculada Concepción do Prado, de Murillo, rodeada de serafíns e co crecente luar á altura da cintura. Marco en madeira dourada.
Litografía pintada e pegada sobre lenzo, réplica dun orixinal de Thure Nikolaus Cederström (1843-1924), "A luz do sol", que figura exposto no Cleveland Museum of Art. Representa a un monxe cartuxo na cela dun convento. Marco en madeira.
Fotografía en branco e negro do retrato ecuestre orixinal de Román Navarro (1854-1928) conservado no Museo de la Academía de Caballería de Valladolid. Marco en madeira tallada.
Cromolitografía coa imaxe de María co Sagrado Corazón (María Cardiófora) atravesado. Adornos de brillantinas. Marco ovalado en madeira de cor negro e, no interior, filete dourado.
Cromolitografía coa imaxe do Sagrado Corazón de Xesús: Cristo cardióforo de tres cuartos, co corazón ardente na esquerda surmontado por unha cruz. Segue o arquetipo iconográfico asentado por Pompeo Batoni. Marco ovalado en madeira de cor negro e no interior filete dourado.
Retrato de tintes expresionistas deliberados de Don Pedro de Zúñiga Cornejo, bisavó paterno de Mª Paz, asinado pola pintora Celia Cortés (1915-1995); con hábito santiaguista de capa branca e cruz de Santiago no peito. A rúbrica, no ángulo inferior dereito. Sen marco.
Fotografía dun escudo que se conserva no teito da iglesia de San Xillao de Tor, nel aparecen os apelidos: Quiroga de la Puebla, Garza de Castillón, Losada e Pardo. Marco en madeira con filete en dourado.
Fotografía a cor do escudo que se conserva no teito da iglesia de San Xillao de Tor. Donde aparecen os apelidos: Quiroga de la Puebla, Garza de Castillón, Losada e Pardo. Marco en madeira con filete dourado
Acuarela, quizais de Benjamín de Prado, que representa un escudo cos apelidos: Quiroga de la Puebla, Losada, Valcárcel e Garza. Marco en madeira sobredourada.
Baixorrelevo do taller madrileño de Arnillas y Matallana, da primeira época, de metal bañado en prata coa imaxe da fachada de Universidade de Salamanca; marco en pel con cenefas en ouro. Apoiado nunha peaña de madeira do seéculo XIX, policromada en verde e roxo.
Fotografía en branco e negro de Fernando Taboada de Andrés, de neno. Marco en madeira con catro aplicacións en bronce nas esquinas. Do estudio fotográfico de Ernesto Schreck Schültz, estabelecido en Ourense en 1922.
Benditeira coa imaxe da Inmaculada Concepción na placa, reprodución da Inmaculada de Murillo que está no Prado, en esmalte con marco en estaño repuxado con baño de prata. Pía en vidro azul con motivos vexetais en dourado.
Retrato fotográfico circular, tipo tondo, de Mª Paz Taboada. Marco en latón dourado, repuxado, decorado con cenefa de grilandas e pequenas esferas e un lazo no copete.
Fotografía coloreada de Mª Paz Taboada, toucada con mantilla, con sapo e pendentes dourados, asinada por Ksado. Marco ovalado en madeira sobredourada con orla superior de grilanda de rosas.
Fotografía en branco e nego de Mª Purificación de Andrés e Cuenca. Marco en madeira con aplicacións en bronce nas esquinas. Do estudio fotográfico de Ernesto Schreck Schültz, estabelecido en Ourense en 1922.
Óleo sobre táboa que representa a un neno durmindo. Marco en madeira de cor negro con filete dourado na parte interior. Nel aparece a dedicatoria asinada polo artista Joaquín Agrasot Juan: "A mi hijo Ricardo de 50 días" Agrasot. O neno naceu o 19 de xuño de 1875, polo que a táboa foi pintada cara o 8 de agosto dese ano.
Gravado sobre papel do capuchiño Padre José Carabantes, orixinario de Carabantes (Soria) e falecido na vila de Monforte de Lemos, o ano 1694, onde está enterrado. A iconografía alude á súa labor evanxelizadora no Caribe, onde aprendeu a lingua dos indíxenas. Mesmo escribiu unha gramática para outros misioneiros.
Cadro oval de lados maiores rectos, en baixorrelevo de alabastro tallado, dunha figura feminina sentada sobre un tronco, de medio lado e cos cabelos ao vento, viste túnica vaporosa. Trátase dunha alegoría da Primavera coroada por Eros, ao xeito da plástica florentina da segunda metade do XV, á que claramente imita. Ambas figuras adaptan a postura á curvatura do cartucho no que se desenvolve a escena. Leva un fondo de veludo verde. Marco en madeira. Obra do escultor salmantino Enrique Orejudo Alonso.
Reprodución reducida do retrato que lle fixera Juan Echevarría a Valle-Inclán o ano 1922 (gardado no Reina Sofía), en branco e negro e cunha adicatoria asinada polo fillo do escritor, Carlos Luis del Valle-Inclán. Marco en madeira con filete dourado.
Gravado que representa un reloxo cristián, devocionario da Paixón, ou Horario da Paixón, litografía do XIX presente nos devocionarios daquela época: entre a noite e o día ten repartida a Paixón de Noso Señor Xesucristo e as dores da Virxe. Marco en madeira.
Estampa devocional que representa o Sagrado Corazón da Virxe María enmarcado cun bordado en fíos de ouro, sobre unha tea de raso con decoración de grilandas de rosas. Na parte superior rematado co monograma do Ave María e unha coroa. Marco en madeira.
Gravado a cor que representa a San Xosé pregante, manibus juntiis e cunha vara florida como atributo, definidor da súa haxiografía. Marco en madeira con dúas cenefas douradas. Deseñado por Jauni e gravado por Mansaul para a casa Bulla (1814-1855).
Estampa sobre bordado que representa a imaxe de Santo Antonio de Padua, litografiado e bordado en fíos de seda e de ouro, sobre cartón. Marco en madeira.
Bordado que representa a imaxe de San Xosé coa vara florida sostendo no colo ao neno Xesús e mailo Sagrado Corazón, en fíos de seda sobre cartón.Marco en madeira sobredourada
Gravado coa imaxe de San Roque, a modo de estampiña devocional. Representa o seu tránsito. Baixo a iconografía habitual: no interior da cela de Vhogera, sentado sobre un banco, encadeado, vestido de peregrino, con chapeu no que loce a cruz aspada formada polas chaves de San Pedro propia dos romeiros, escraviña, o bordón e o can aos pés. O hábito deixa ver a característia chaga (e non bubón) pestilente na perna. Dous anxos na parte superior descobren unha filacteria con inscrición latina. Marco en madeira.
Estampa sobre bordado que representa a imaxe de San Roque baixo a iconografía habitual, nun bosque, vestido de peregrino e acompañado do célebre can. Litografiado e bordado en fíos de seda sobre alma de cartón. Marco en madeira.
Litografía asinada polo gravador Pío Proja coa imaxe de Santiago Apóstolo, "Hispaniarum patroni imaginem". Segue un deseño de Rafael Sanzio ("Raf. Sanzio invento") baixo a iconografía de peregrino, cunha escena, ao fondo, que representa a inventio da tumba polo bispo Teodomiro. Doazón á basílica xacobea do cardeal e arcebispo Miguel Payá y Rico (1811-1891), polo que inclúe o seu escudo episcopal e lenda en latín conmemorativa. Marco en madeira.
Medalla en metal dourado. No anverso a imaxe da Santa Bárbara e no reverso o emblema da artillería, dúas bombas cruzadas e a inscrición "1895-AVE MARÍA-MADRID". Con cordón vermello e dourado.
Gravado litográfico que representa a Santa Rita. Viste hábito de monxa agostiña; unha palma e un crucifixo como atributos; sitúase baixo un conopeo con dúas cortinas abertas e dous nenos, un deles axeonllado, en actitude orante. Bordado todo en sedas de cores.
Cromolitografía dun buque de guerra mixto de 1º rango con bandeira francesa. Marco en madeira sobredourado. Gravado por Louis le Breton (1818-1866), é un extracto da obra La flotte de nos jours, E. Morier édit, Paris, Imp. Becquet.
Cromolitografía dun buque de guerra de 1º rango. Marco en madeira sobredourado. Gravado por Louis le Breton (1818-1866), é un extracto da obra La flotte de nos jours, E. Morier édit, Paris, Imp. Becquet.
Gravado litográfico que representa a escena dun matrimonio e un mensaxeiro que entrega unha carta. Marco en madeira. Gravado por Pierre Audouin (1768-1822) a partir dunha pintura orixinal de Gerard ter Borch (1617-1681) do que fixo varias versións.
Gravado sobre papel que representa ao Papa León XIII, co seu correspondente escudo papal: De azur, un ciprés de sinople plantado nunha terraza do mesmo acompañado de dúas flores de lis de prata e no cantón dereito un cometa de ouro colocado en barra, unha faxa brochante de prata. Por Léon-Louis Chapon (1836-1918) a partir dun traballo de Étienne-Gabriel Boucourt (1821-1913), que o asinan. Abaixo, aclárase o nome secular do papa, camarlengo da S.I.R. cardeal Gioachino Pecci. Marco en madeira.