Óleo que representa a Cháritas romana: a xoven Pero aleita ao seu pai, Cimón, preso na cárcere, condeado a morrer de inanición, isto é, un dos exempla de virtus romana reseñados por Valerio Máximo nos seus Factorum et dictorum memorabilium, logo asimilada pola iconografía cristiá como unha das sete obras de Misericordia (por exemplo por Caravaggio). Marco en madeira dourada con motivos vexetais en relevo. É copia boa dun orixinal de Murillo, que pertencera á colección particular de Godoy, levado ao Pennsylvania Academy of Fine Arts antes do ano 1814, onde desapareceu tralo incendio de 1845. Consérvase dese óleo un debuxo orixinal de Murillo; a obra foi grabada por Tomás López Enguídanos para Calcografía Nacional no 1809 sobre debuxo de José Martínez, un augaforte que serviu de fonte para as copias que se fixeron, como esta de Tor que podemos atribuir ao pintor Mariano "Tito" Vázquez, afeccionado ao mestre sevillano do que fixo varias copias, dúas delas conservadas en Castro Caldelas.
Imaxe da Inmaculada Concepción, talvez procedente dun retablo, de madeira policromada en tons dourados e manto azul, coas mans xuntas, pregantes, e pousada sobre a bola do mundo, co crecente luar invertido e a figura da serpe. Leva auréola de doce estrelas de prata.
Cromolitografía coa imaxe do Sagrado Corazón de Xesús: Cristo cardióforo de tres cuartos, co corazón ardente na esquerda surmontado por unha cruz. Segue o arquetipo iconográfico asentado por Pompeo Batoni. Marco ovalado en madeira de cor negro e no interior filete dourado.
Óleo sobre latón que representa a figura de Cristo, Ecce Homo, semiespido atado cunha corda de mans e colo, con coroa de espiñas, clámide roxa e perizonium, conforme á iconografía asentada no senlleiro gravado de Durero, reinterpretado pola escola madrileña. Recorda a obra de Mateo de Cerezo. Marco en madeira dourada.
Gravado a cor, deseñado por Philippe Chéry (1759-1838) e litografiado por Jean Baptiste Morret (activo entre 1790-1820) que representa a escena do Calvario: Crucificado, San Xoán, a Virxe María e María Madanela aos pés da cruz. Marco en madeira.
Gravado que representa un reloxo cristián, devocionario da Paixón, ou Horario da Paixón, litografía do XIX presente nos devocionarios daquela época: entre a noite e o día ten repartida a Paixón de Noso Señor Xesucristo e as dores da Virxe. Marco en madeira.
Estampa sobre bordado que representa a imaxe de Santo Antonio de Padua, litografiado e bordado en fíos de seda e de ouro, sobre cartón. Marco en madeira.
Bordado que representa a imaxe de San Xosé coa vara florida sostendo no colo ao neno Xesús e mailo Sagrado Corazón, en fíos de seda sobre cartón.Marco en madeira sobredourada
Gravado coa imaxe de San Roque, a modo de estampiña devocional. Representa o seu tránsito. Baixo a iconografía habitual: no interior da cela de Vhogera, sentado sobre un banco, encadeado, vestido de peregrino, con chapeu no que loce a cruz aspada formada polas chaves de San Pedro propia dos romeiros, escraviña, o bordón e o can aos pés. O hábito deixa ver a característia chaga (e non bubón) pestilente na perna. Dous anxos na parte superior descobren unha filacteria con inscrición latina. Marco en madeira.
Estampa sobre bordado que representa a imaxe de San Roque baixo a iconografía habitual, nun bosque, vestido de peregrino e acompañado do célebre can. Litografiado e bordado en fíos de seda sobre alma de cartón. Marco en madeira.
Gravado litográfico que representa a Santa Rita. Viste hábito de monxa agostiña; unha palma e un crucifixo como atributos; sitúase baixo un conopeo con dúas cortinas abertas e dous nenos, un deles axeonllado, en actitude orante. Bordado todo en sedas de cores.
Óleo sobre lenzo que representa a Virxe das Dores coas mans xuntas e un puñal atravesándolle o corazón. Marco en madeira sobredourada. Copia inspirada no modelo iconográfico divulgado polo obradoiro de Guido Reni.
Cadro en relevo en alabastro policromado que representa a Virxe do Carme co Neno. Vai tocada con coroa imperial en dourado e estrás verde, a imitación das esmeraldas. Á parte do manto pardo, proprio da Orde, amosa coa man dereita un ramo de azucenas. O Neno perdeu a coroa que levaba. Porta os escapularios de rigor. Érguese sobre cabezas de querubín e, axeonlladas aos lados, dúas parellas de santos carmelitas. Arriba, un rachamento de gloria. Marco en madeira.
Altar portátil en forma de retablo en madeira policromada con fornela flanqueada por pilastras acanaladas coa imaxe do que podería ser un San Pascual Bailón, co hábito da súa Orde e na súa iconografía máis característica, pois din que no seu momento portaba unha custodia. Na parte superior unha escena da Sagrada Familia.
Aparador en madeira de nogueira con dúas lacenas na parte baixa, dobre caixoneira e repisa en mármore branco. A parte superior, que é retranqueada en planta e está flanqueada por aletóns recortados, a modo de retablo barroco, conta con dúas estanterías. Remata nun tímpano partido e recortado centrado por un copete de froitas talladas, acios, uvas e marmelos.
Sabre de oficial composto de puño en madeira e gardaman de tres gabiáns con folla curva dun só fío, vaíña en pel con apliques en metal repuxado bañado en ouro. Decoración figurativa dunha ménade danzante e da alegoría da Prudencia.
Espadín de cruz con remate en landra con mango de madeira e lamia de dobre fío de dúas mesas con dobre acanaladura. Vaina en coiro e apliques en bronce, un escudo Cruz de San Xurxo na parte superior e empuñadura tamén en bronce cunha cruz gravada na parte central.
Trabuco de pedernal ou chispa e avancarga. Canón curto e acampanado. Na platina coa marca de fábrica:"TOWER" e unha coroa coas iniciais gravadas:{"G.R".-I-GILL( B)}
Espadín de cinxir da Garda Civil, con filo dunha mesa. Empuñadura en bronce repuxado con gabiáns rectos con ornamentación vexetal e botón con forma de flor. Presenta unha concha volta en bronce onde figuran as iniciais, apenas visibles, a cada lado do escudo G.C. no medio o escudo que se supón da garda civil.