Óleo sobre lenzo da Virxe do Carme. Sobre unha nube, vai coroada e leva manto carmelita que abre para amosar o escapulario coa dereita mentres sostén o Neno coa esquerda. Marco en madeira sobre dourado.
Óleo sobre cobre coa imaxe-busto de San Ignacio de Loyola como fundator da Orde Xesuítica, presentando a igrexa do Xesús sobre un libro (Regulae Societatis Iesu) xunto co monograma desa Orde (IHS, co Neno Xesús e o orbe sobre a ETA) no centro dunha gloria de raios, de acordo coa fisonomía asentada de cara ao proceso de beatificación e canonización; é imaxe arquetípica do emblema e da retratística do fundador da Sociedade, vera effigies difundida a través da súa máscara mortuoria, posto que nunca foi retratado en vida. O retrato propiamente dito é calco do célebre de Alonso Sánchez Coello (1585) que coñecemos por copias posteriores. A peza de Tor responde ao acervo de innumerábeis imaxes que seguiron á canonización do 1622, encamiñadas non tanto ao fomento da súa elevación aos altares, canto á exaltación da súa memoria, á súa glorificación e, por estensión, á propagación da imaxe da Compañía de Xesús. Marco en madeira.
Óleo sobre lenzo que representa a Fuxida a Exipto da Sagrada Familia. A Virxe, acomodada sobre o burro nunha xamúa, vai toucada cun sombreiro da ala ancha, típico da aristocracia europea do século XVII; un anxo serve de palafreneiro, de acordo coa tradición; a pé vai san Xosé. Con marco en madeira sobredourado. Copia libre a partir dun gravado de Martin de Vos moi recorrente. Inclúe un capítulo iconográfico habitual nestas representacións: unha estatua decapitada, no extremo dereito da composición, alude ao episodio da Caída dos Ídolos recollido nos Evanxeos Apócrifos.
Agnusdéi inserto nun relicario en forma de custodia de sol en madeira de caoba e ébano sobre pé octogonal con reliquias de varios santos. O corpo tamén é octogonal e serve de estoxo ao disco, ovoide neste caso, coa imaxe dun Agnus Dei feito en cera do Cirio Pascual: o cordeiro pousa sobre o libro dos sete selos do Apocalipse, vai nimbado e leva o lábaro, imaxe arquetípica. Apenas é lexíbel a inscrición de rigor: "Ecce agnus Dei qui tollit pecata mundi". O nome do Papa que o consagrou e máis o seu correspondente emblema heráldico están moi desgastados para a súa correcta identificación; no reverso, imaxe moi desgastada, probabelmente da Virxe María. As oito reliquias van dispostas ao seu redor de xeito radial, acomodadas nos seus correspondentes nichos e co titulus identificativo. Son as seguintes: Santa Cunegunda, San Marcos, San Basilio, Veo de Santa Clara, San Sebastián, San Narciso, San Lourenzo, San Lino.
Albarda que se coloca enriba da suadeira que levaban os cabalos ou mulos ao lombo para suxeitar antigamente as liteiras, en coiro con catro aplicacións nas esquinas en metal repuxado con forma de flor e bañado en prata.
Alfombra decorada orixinariamente con motivos florais en tons azuis, granates e ocres. Hoxe un vestixio dunha gloria pasada. Feita nos talleres da Real Fábrica de Tapices, esta alfombra pertenceu aos ancestros de dona María de Andrés e figura nas fotografías da casa que tiña na rúa da Senra nº 5 (Santiago de Compostela) don Melitón de Cuenca San Juan.
Arca de madeira tropical cos taboleiros lateirais enteirizos, dunha soa peza, apoiado en catro pés troncopiramidais coa súa cara frontal estriada. O moble conta con dúas pechaduras de ferro na fachada. Os pernos de feche parten da tapa. Nos flancos, asas fundidas en ferro.
Arca en madeira de castiñeiro apoiado en catro zapatas. De corpo rectangular con tapa abisagrada. Conserva a pechadura en ferro forxado co seu perno e bocachave.
Espingarda ou arcabuz de caza de pedernal ou chispa e avancarga; con canón longo en ferro en parte recuberto con láminas gravadas de bronce e latón, culata en madeira, ferro e outros metais e apliques de coral, rematada en flecos de coiro.
Armario para gardar as pezas de caza menor en madeira de castiñeiro policromada; no seu interior con catro baldas ou estantes. Vai apoiado en catro patas. De forma rectangular, con porta e co lado esquerdo rebaixado en curva. A escena representada é de carácter cómico: un garda real inglés bebe a morro dunha botella baixo a mirada censora doutro garda. Albíscase á dereita unha arquitectura cupulada semellante á catedral de Saint Paul.
Óleo sobre cobre que representa ao Neno Xesús cos atributos da súa futura Paixón (Arma Christi); cruz, esponxa, lanza e escaleira (non se distingue ben se vai a coroa de espiñas de rigor) que apaña co brazo dereito, portando un balde na outra man, no que irían, de acordo co modismo iconográfico, os demais elementos do martirio, aquí tapados por un paño, imaxinamos que pola impericia do artista á hora de ser minucioso. Camiña cara a esquerda (o que delata unha fonte gravada) sobre un leito de rosas e baixo un amplo cortinón vermello (semella que será un engadido posterior) e fiestra ao fondo en tosca perspectiva, foco de luz da escena. Marco en madeira sobredourado. Posíbel orixe americana, talvez do Ecuador, inspirada na obra gravada de Hieronimus Wierix (1553-1619) co mesmo asunto (In Laboribus a iuventute mea). Na peza de Tor non aparece a usual inscrición latina ao pé. O manto e a cortina efectista conservan o ton vermello consuetidunario. Non obstante, a túnica, dun azul gastado, quixo ser púrpura, pois esa cor viste o Neno noutras representacións semellantes, o que revela o carácter rudimentario, case industrial, e polo tanto, a idiosincrasia mercantil, de consumo a grande escala, deste cobre.
Lámpada de aceite de pé circular e astil abalaustrado. O astil superior de parafuso regulable en altura. Co depósito esférico e dunha soa lapa. Conta cunha cadea con tapador de lapa e asa superior de perfil mixtilíneo.
Lámpada de aceite en bronce, de pé circular e astil abalaustrado. O depósito conta con tres chisqueiros. Sobre este corpo, unha abrazadeira móbil de arco sirve de fixación a unha pantalla plana, de forma pentagonal, o que aumenta o adorno da peza amais de dirixir a luz. Conta tamén cunha cadea con tapadeira para as lapas.
Candeeiro en bronce de pé cadrado e astil abalaustrado con estrangulacións. Basamento troncocónico con aristas concéntricas incisas. Dunha soa luz, presenta no remate repisa exvasada que serve de base a un pratiño en cristal tallado e voado para recoller a cera.
Candeeiro en bronce de pé cadrado e astil abalaustrado con estrangulacións. Basamento troncocónico con aristas concéntricas incisas. Dunha soa luz, presenta no remate repisa exvasada que serve de base a un pratiño en cristal tallado e voado para recoller a cera.
Lámpada de aceite en bronce de catro lapas. De pé circular co borde recurvado e astil abalaustrado. Vástago superior en parafuso para a súa regulación en altura. Conta con dous brazos calados, un deles con pantalla ovalada para dirixir e reflectir a luz. Remata nunha asa tamén calada en forma de coroa real.
Óleo sobre lenzo que representa a entrada trunfal de Xesús en Xerusalén (Domingo de Ramos) con marco en madeira sobredourado. É copia dun gravado de Philipp Andreas Kilian, gravador alemán do XVIII, incluído nunha Biblia ilustrada editada no ano 1758, que segue (pois así o cita o propio Kilian nas fontes das que partiu para as súas pranchas calcográficas) ao artista francés do XVII Nicola Vleughels. Un gravado gardado no British Museum e, polo tanto, esta obra de Tor, confirmarían a atribución do deseño orixinal a Vleughels, pois no museo inglés presentan ese gravado como posible, non segura, obra súa.
Cartela en madeira de castiñeiro tallada e policromada. De forma rectangular cos ángulos recurvados e saíntes en alongada voluta. Coroada no lado superior cunha peita cefálica toucada cunha cuncha de vieira. A altura da gorxa, unha gorgueira disposta en abano con decoración xeométrica. A cartela acolle un escudo heráldico, feito a pincel, probablemente por Benjamín de Prado. Con helmo no xefe e partido, leva os seguintes apelidos: Garza de Castillón, Pardo e Sarmiento.
Lámpada votiva de aceite, de teito, fundida en bronce, co seu prato en forma de campá invertida coroado por unha crestería calada, flordelisada. Vai suxeita con tres cadeas de elos calados. Conta con tres soportes de perfil acantiforme sobrepostos ao perfil do corpo para cadansúa candea.
Libro coas cubertas de vaqueta. Antigamente era un libro de contas sen estrear, adaptado posteriormente (S. XX) por D. Benjamín de Prado como libro de sinaturas para uso de Mª Paz Taboada. Na cuberta aparece representado o escudo heráldico que ostentaba a familia en tempos de Francisco Garza Quiroga tras o seu matrimonio con Inés Sarmiento Valladares, cuxas heráldicas figuran no escudo de mármore da fachada do pazo.
Mesa de comedor ou refectorio en madeira de castiñeiro, tallada con motivos xeométricos e floróns tetrapétalos de valor apotropaico. No amplo faldón, triple caixoneira con cartucho central de perfil convexo e tiradores de ferro en forma de perno. Vai apoiada en catro patas molduradas, en forma de estípite e unidas con chambrana.
Mesa arrimadeira "decorativa ou consola" en madeira coa parte superior en mármol en tons granate e gris e con caixón central.Apoiada en catro patas de cor negro.
Óleo sobre cobre que representa unha escena de Xesús de Nazaret xunto á Madanela. Marco en madeira. Copia pouco refinada dunha obra do taller de Rubens & Brueghel "NOLI ME TANGERE", que se conserva na Kunsthalle de Bremen, popularizada polo gravado de Frans Van den Wyngaerde, posterior a 1630, replicado con mellor ou peor éxito, coma é o caso.