Cadeira en madeira de caoba, coa pá dividida en tres montantes planos, de menor lonxitude que os laterais. O asento, trapezoidal, de reixiña. Presenta unha cintura lisa de decoración e catro patas afusadas. Deseño propio de mobiliario de oficina, non de ceador, propio dos anos 20-30, inspirado en modelos ingleses e americanos, producidos en serie, funcionais.
Biombo de tres follas articuladas por bisagra en madeira de piñeiro revestida con verniz escuro. En realidade, trátase dun tríptico armado con simples bastidores rematados con copete de volutas afrontadas o central, e con motivos floriformes, tamén afrontadas e debuxando un losange calado na súa unión, os laterais. Os plementos son lenzos e van pintados no seu anverso ao óleo, con pinturas de paisaxe e arquitectura que poetizan as propias dos xardíns da Alhambra e o Generalife, supoñemos que a raíz da visión pictórica dun Sorolla e da súa serie granadina. O da esquerda, por exemplo, ofrécenos o Mirador da Lindaraja empolicanda sobre o seu xardín, coa característica fonte e mailo ciprés, semellante, salvando as distancias na execución, ao encadre da mesma estampa do mestre valenciano. O asunto do lenzo central... podería tratarse da Torre de Comares. No seguinte quizais esteamos ante un recanto dos xardíns do Generalife. No reverso os lenzos van asegurados ao marco mediante bastidor de piñeiro. As escenas dos paneis extremos van enmarcadas cun trampantollo de arco de ferradura pintado. Sen asinar, os motivos decorativos dos copetes suxiren unha cronoloxía de comezos do XX.
Insignia en metal dourado. O anverso consiste nun escudo coroado coa imperial. A bordura do escudo remata no xefe en dúas volutas das que nace a coroa; o campo, nun óvalo orlado con palmas flameantes, vai relevado un calvario (cruz sobre montículo). Tres bezantes cruzados por aspas incisas (emblemas das chagas de Cristo?) dispóñense a ambos lados e xusto debaixo da imaxe. A falta de máis datos e referencias, presupoñemos sexa un recordo de Terra Santa. O reverso, plano, conserva o prendedor para o levar nun ollal.
Recipiente decorativo en cristal opaco en tons azuis, de perfil ovoide, en forma de bacía. De base circular, ten o borde ondulado e rizado, decorado cunha coroa concéntrica de círculos, todo o perímetro facetado. Soprado en dobrado en quente.
Lámpada en porcelana branca de Dresden. Sobre un trípode avolutado e de astil abalaustrado imitando as formas dun brote vexetal e ensanchado no depósito, ovoidal, tipo macolla, a modo de corola. Todo él con flores de porcelana superpostas de gusto rococó, distribuídas en cartuchos con decoración de rocalla. Apoiado en tres pés. Carece da tulipa.
Sombreiro masculino tipo Salacot, ou casco de médula, como se lle chama, feito en cortiza forrada en tea de cor beixe. Lixeiro e de bomba en forma de campá, con viseiras na parte frontal e posterior, co seu casquete adornado cun botón, e os orificios de rigor para a aireación. Conserva tamén a banda ou puggaree.