Óleo que representa a Cháritas romana: a xoven Pero aleita ao seu pai, Cimón, preso na cárcere, condeado a morrer de inanición, isto é, un dos exempla de virtus romana reseñados por Valerio Máximo nos seus Factorum et dictorum memorabilium, logo asimilada pola iconografía cristiá como unha das sete obras de Misericordia (por exemplo por Caravaggio). Marco en madeira dourada con motivos vexetais en relevo. É copia boa dun orixinal de Murillo, que pertencera á colección particular de Godoy, levado ao Pennsylvania Academy of Fine Arts antes do ano 1814, onde desapareceu tralo incendio de 1845. Consérvase dese óleo un debuxo orixinal de Murillo; a obra foi grabada por Tomás López Enguídanos para Calcografía Nacional no 1809 sobre debuxo de José Martínez, un augaforte que serviu de fonte para as copias que se fixeron, como esta de Tor que podemos atribuir ao pintor Mariano "Tito" Vázquez, afeccionado ao mestre sevillano do que fixo varias copias, dúas delas conservadas en Castro Caldelas.
Gravado asinado por Matute que reproduce a Inmaculada Concepción do Prado, de Murillo, rodeada de serafíns e co crecente luar á altura da cintura. Marco en madeira dourada.
Imaxe da Inmaculada Concepción, talvez procedente dun retablo, de madeira policromada en tons dourados e manto azul, coas mans xuntas, pregantes, e pousada sobre a bola do mundo, co crecente luar invertido e a figura da serpe. Leva auréola de doce estrelas de prata.
Litografía pintada e pegada sobre lenzo, réplica dun orixinal de Thure Nikolaus Cederström (1843-1924), "A luz do sol", que figura exposto no Cleveland Museum of Art. Representa a un monxe cartuxo na cela dun convento. Marco en madeira.
Óleo sobre lenzo que representa a imaxe de Nosa Señora de Guadalupe Estremeña, coroada, con veo acampanado que cae sobre os ombreiros, no seu camarín e trono de prata, co manto branco, cruzado por aparatoso colar e bordado de flores (caraveis brancos e vermellos, premonición da Paixón de Cristo) dúas andoriñas, e unha parella de ricos medallóns de acibeches encabuxados que penden de cadanseu lazo negro e branco; porta o cetro dourado con pedras preciosas, de acordo coa sonada descrición do "padre Talavera". Sen dúbida, unha vera effigies. Na parte superior dous anxos descorren as cortinas, en simulado tafetán roxo; na inferior outros dous tanxen instrumentos musicais, baixón e guitarra española, o que axuda a afinar a cronoloxía, pois o baixón foi desprazado da música sacra durante o XVII. Na peaña, a inscrición " NUESTRA Sª DE GUADALUPE". Próxima ao estilo das pinturas de fray Juan de Santa María, autor dos grandes lenzos do claustro do mosteiro de Guadalupe.
Óleo sobre lenzo da Virxe do Carme. Sobre unha nube, vai coroada e leva manto carmelita que abre para amosar o escapulario coa dereita mentres sostén o Neno coa esquerda. Marco en madeira sobre dourado.
Litografía de Legrand co retrato de "EL EXMO. ILMO.S.D. AGUSTIN LORENZO VARELA Y TEMES" bispo de Salamanca e o seu escudo heráldico. Marco en madeira negra. Asinado por C. Legrand (activo até 1858)
Fotografía en branco e negro do retrato ecuestre orixinal de Román Navarro (1854-1928) conservado no Museo de la Academía de Caballería de Valladolid. Marco en madeira tallada.
Cromolitografía coa imaxe de María co Sagrado Corazón (María Cardiófora) atravesado. Adornos de brillantinas. Marco ovalado en madeira de cor negro e, no interior, filete dourado.
Cromolitografía coa imaxe do Sagrado Corazón de Xesús: Cristo cardióforo de tres cuartos, co corazón ardente na esquerda surmontado por unha cruz. Segue o arquetipo iconográfico asentado por Pompeo Batoni. Marco ovalado en madeira de cor negro e no interior filete dourado.
Retrato de tintes expresionistas deliberados de Don Pedro de Zúñiga Cornejo, bisavó paterno de Mª Paz, asinado pola pintora Celia Cortés (1915-1995); con hábito santiaguista de capa branca e cruz de Santiago no peito. A rúbrica, no ángulo inferior dereito. Sen marco.
Óleo sobre latón que representa a figura de Cristo, Ecce Homo, semiespido atado cunha corda de mans e colo, con coroa de espiñas, clámide roxa e perizonium, conforme á iconografía asentada no senlleiro gravado de Durero, reinterpretado pola escola madrileña. Recorda a obra de Mateo de Cerezo. Marco en madeira dourada.
Gravado da casa L. Turgis que representa unha escena do Inferno; coa inscrición: "Apartaos de mi malditos al fuego que está aparejado para el diablo y para sus ángeles", lema incluído no Catecismo para os Párrocos do Concilio de Trento. Marco en madeira.
Gravado da casa L. Turgis que representa unha escena do Purgatorio e inscrición:"Nadie entrará en el reino de los cielos si no ha sido purificado de antemano", lema incluido no Catecismo para Párrocos do Concilio de Trento. Marco en madeira.
Fotografía dun escudo que se conserva no teito da iglesia de San Xillao de Tor, nel aparecen os apelidos: Quiroga de la Puebla, Garza de Castillón, Losada e Pardo. Marco en madeira con filete en dourado.
Fotografía a cor do escudo que se conserva no teito da iglesia de San Xillao de Tor. Donde aparecen os apelidos: Quiroga de la Puebla, Garza de Castillón, Losada e Pardo. Marco en madeira con filete dourado
Acuarela, quizais de Benjamín de Prado, que representa un escudo cos apelidos: Quiroga de la Puebla, Losada, Valcárcel e Garza. Marco en madeira sobredourada.
Baixorrelevo do taller madrileño de Arnillas y Matallana, da primeira época, de metal bañado en prata coa imaxe da fachada de Universidade de Salamanca; marco en pel con cenefas en ouro. Apoiado nunha peaña de madeira do seéculo XIX, policromada en verde e roxo.
Fotografía en branco e negro de Fernando Taboada de Andrés, de neno. Marco en madeira con catro aplicacións en bronce nas esquinas. Do estudio fotográfico de Ernesto Schreck Schültz, estabelecido en Ourense en 1922.
Cadro Exvoto que representa ao Señor de Navea, axeonllado, con librea granate e perruca (Francisco Quiroga Losada) ante a Virxe das Ermitas coa inscrición: " Don Frco Joseph Quiroga y Losada Hijo el Señor de Nabea se ofreció a esta Soberana Señora en una gravísima enfermedad en que hubo quatro …"Fai parella co número 72 do inventario.
Benditeira coa imaxe da Inmaculada Concepción na placa, reprodución da Inmaculada de Murillo que está no Prado, en esmalte con marco en estaño repuxado con baño de prata. Pía en vidro azul con motivos vexetais en dourado.
Gravado a cor, deseñado por Philippe Chéry (1759-1838) e litografiado por Jean Baptiste Morret (activo entre 1790-1820) que representa a escena do Calvario: Crucificado, San Xoán, a Virxe María e María Madanela aos pés da cruz. Marco en madeira.
Litografía coloreada (estampación e augatinta) que representa escena familiar de estética romántica nemorosa. Incompleta, pois carece de extremo dereito, trátase dunha obra do gravador Jean-Pierre Marie Jazet (1788-1871), Le Printemps, sobre un deseño do ilustrador Pierre Martinet (1781-18…) que formaba parte dunha serie de catro gravados dedicados ás estacións do ano saídas do prelo parisién de Basset o ano 1817.
Óleo sobre lenzo que representa a imaxe da María Madalena penitente. Marco en madeira. Parece versión naïf da Madanela Penitente do ano 1802 de Joaquín Campos e conservada no Museo de Belas Artes de Murcia, pero, supoñemos, será copia directa, contemporaneizada do gravado do mesmo tema de Abraham Bloemaert, en todo caso, fonte primaria do cadro de Joaquín Campos e deste do Pazo de Tor.
Retrato fotográfico circular, tipo tondo, de Mª Paz Taboada. Marco en latón dourado, repuxado, decorado con cenefa de grilandas e pequenas esferas e un lazo no copete.
Fotografía coloreada de Mª Paz Taboada, toucada con mantilla, con sapo e pendentes dourados, asinada por Ksado. Marco ovalado en madeira sobredourada con orla superior de grilanda de rosas.
Fotografía en branco e nego de Mª Purificación de Andrés e Cuenca. Marco en madeira con aplicacións en bronce nas esquinas. Do estudio fotográfico de Ernesto Schreck Schültz, estabelecido en Ourense en 1922.
Figura ecuestre de Napoleón Bonaparte en calamina (estaño, zinc e chumbo) con faciana en resina (imitando, polo tanto, o marfil e as figuras crisoelefantinas), de gusto Art Déco, vestido como nos seus retratos da Batalla de Waterloo, co tradicional bicornio. Base rectangular en madeira. Quizais inspirado nos gravados de P. Blanchard sobre o monumento ecuestre de Émile de Nieuwerkerke e, en calquera caso, na estatuaria napoleónica alentada durante o II Imperio de Napoléon III.
Óleo sobre táboa que representa a un neno durmindo. Marco en madeira de cor negro con filete dourado na parte interior. Nel aparece a dedicatoria asinada polo artista Joaquín Agrasot Juan: "A mi hijo Ricardo de 50 días" Agrasot. O neno naceu o 19 de xuño de 1875, polo que a táboa foi pintada cara o 8 de agosto dese ano.
Gravado sobre papel do capuchiño Padre José Carabantes, orixinario de Carabantes (Soria) e falecido na vila de Monforte de Lemos, o ano 1694, onde está enterrado. A iconografía alude á súa labor evanxelizadora no Caribe, onde aprendeu a lingua dos indíxenas. Mesmo escribiu unha gramática para outros misioneiros.
Cadro oval de lados maiores rectos, en baixorrelevo de alabastro tallado, dunha figura feminina sentada sobre un tronco, de medio lado e cos cabelos ao vento, viste túnica vaporosa. Trátase dunha alegoría da Primavera coroada por Eros, ao xeito da plástica florentina da segunda metade do XV, á que claramente imita. Ambas figuras adaptan a postura á curvatura do cartucho no que se desenvolve a escena. Leva un fondo de veludo verde. Marco en madeira. Obra do escultor salmantino Enrique Orejudo Alonso.
Litografía da casa fundada por L. Turgis asinado por Koch que representa aos persoeiros implicados na guerra de Oriente. Marco en madeira. Os personaxes, até un total de 18, levan número arábigo que remite á lenda identificativa, na parte baixa do gravado, en cursiva. Son os seguintes: Napoleón III; Mariscal de San Arnaud; Hamlín; Parceval-Deschenes; Príncipe Bonaparte Napoleón ; a raíña María Vitoria, sentada, co cetro, e cun coxín coma repousapés; duque de Cambridge; señor Raglán; Dundas; Charles Napier; Medjid-Khan Abdul; Omer-Pacha; schamil; Kara-Fátima; Nicolás Emperador; Gortschakoff; Menschikoff; Paskewitch. Salientable o vestiario: uniformes do exército, os atributos da raíña, epicentro da composición, as armas digámoslle locais, como a lanza que porta Kara; o mobiliario, cunha gran mesa que distribúe aos persoeiros ao seu redor, e as bandeiras que pechan o fondo da composición.
Reprodución reducida do retrato que lle fixera Juan Echevarría a Valle-Inclán o ano 1922 (gardado no Reina Sofía), en branco e negro e cunha adicatoria asinada polo fillo do escritor, Carlos Luis del Valle-Inclán. Marco en madeira con filete dourado.