Óleo sobre lenzo de José Mª Prado e Losada, de busto, frontal, co seu cerco pictórico ovalado. Vestido con sotana, exerceu a capelanía do Pazo de Tor. Pintado e asinado por José Salgado Rodríguez (Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1836-ca. 1889), de maneira voluntariosa, con debuxo solvente máis sen alcanzar a mestría do seu mestre, Cancela del Río, e moito menos a de Dionisio Fierros. Marco en madeira dourada.
Óleo sobre lenzo atribuíbel a Garabal que representa de busto a José María Varela, coengo de Santiago. De mans cruzadas e mirada penetrante, peitea canas que asoman baixo o capelo. Viste hábito, capa e loce as insignias (bordada na capa e venera colgada do colo con cinta de seda azul celeste e branca) de capelán de honor da Súa Maxestade. Recórtase sobre un fondo neutro en tons pardos. Marco en madeira dourada.
Retrato ao óleo sobre lenzo que representa a Mª Paz Taboada de Andrés. Asinado e datado na parte inferior esquerda polo autor, Enrique Navarro. Marco en madeira dourada.
Óleo sobre lenzo que representa a Miguel Ángel Quesada co uniforme de coronel. Asinado no ángulo inferior esquerdo por A.Lorenzo Abella (Amparo) pintora monfortina falecida o ano 2017 aos 97 anos. Marco en madeira dourada.
Caixa de agullas de coser para noiva/esposa/irmá de mariñeiro feita en óso de balea. En forma de peixe, consta de dúas partes: base e tapa ou remate superior extraíble. Decorado con pequenos discos de latón lacados en negro e, no anverso, cun pirogravado enmarcado que contén a silueta dunha muller vestida á moda de mediados do XIX (intúese un miriñaque) no que semella un escenario teatral. Posíbel traballo artesanal mariñeiro do porto baleeiro de Nantucket.
Caixa ovoidal tallada en óso de balea, con decoración incisa en forma de escama de peixe e en relevo, lobulada. No interior, na base, os sucos da rosca, onde iría enroscada a peza nº 1334 do inventario coa que formar caixa de dedal e alfineteiro. Posíbel traballo artesanal mariñeiro do porto baleeiro de Nantucket.
Caixa de agullas de forma cónica con escocia á altura do colo e rematado en forma de landra. Tallado a man en óso de balea, inclúe un pequeno oco para enfiar a corda á que iría atado ao cesto do que formaría parte. Posíbel traballo artesanal mariñeiro orixinario do porto baleeiro de Nantucket.
Caixa de agullas de forma cónica con escocia á altura do colo e rematado en forma de landra. Tallado a man en óso de balea, inclúe un pequeno oco para enfiar a corda á que iría atado ao cesto do que formaría parte. Posíbel traballo artesanal mariñeiro orixinario do porto baleeiro de Nantucket.
Caixa garda correspondencia de parede, en cartón lacado en cor negro con motivos xaponeses en ocre. Destaca a decoración inspirada na estampa xaponesa: sakura, Koi e ave fénix.
Caixa de escritorio en madeira de caoba con cantoneiras e reforzos do ensamblaxe en metal dourado e tiradores laterais embutidos, no mesmo material e en forma de U. Bocachave no frontal. Ao abrilo, presenta un taboleiro inclinado de escritorio, a modo de atril, pregable e cuberto con pano de veludo verde que se usaba para escribir. Inclúe dous ocos para gardar papel, plumas… e un caixón no flanco dereito extraíble para o mesmo.
Caixa para gardar mistos de Limoges, en porcelana, no anverso unha paisaxe inglesa con cazador do raposo. No lateral, rosetóns florais hexapétalos en dourado.
Caixa con ornamentación gotizante de filigrana en prata sobredourada. Ten forma de estrela de oito puntas e vai apoiada en catro pequenos pés. O perímetro vai decorado cun cordonciño.
Caixa pastilleiro en porcelana policromada, arremedo popular da serie Fauna de Alcora. A tampa é a figura dun pequeno camello recostado. A base vai policromada na cara exterior cun ramallete de peonías rosadas, na interior, cun de rosas e margaridas. O peche e bisagra de unión, en metal con baño de prata.
Caixa de mistos en latón dourado, de tapa abisagrada, ondulada no extremo de peche. Esmaltada a tapa cunha escena picante de toilette (dúas coristas no vestiario) no anverso; no reverso, unha muller, con paraugas, de perfil mira o horizonte nun exterior natural, cunha cerca ao fondo. O vento levanta lixeiramente a saia que viste, á moda de finais do XIX. No interior da tapa, sobre un fondo azul, o emblema do que podería ser un club de polo: unha ferradura de cabalo coroada por un chapeu de ala curta e cruzada en aspa por dous paus semellantes aos de golf. Nos lados menores, inciso: PARIS e H.H. DEPOSE.
Caixiña, quizais pastilleiro ou portaviático, en vidro, de cor verde botella, circular, con tapa abisagrada en metal con baño de prata e peche de lazo. O anverso da tapa decorado cunha escena pintada en esmalte branco, a imitación dun camafeo antigo: un cativo ataviado cunha especie de subucula (camisola cinxida por un cinto) pasea por un sendeiro no lance de apañar unha pola coa destra: talvez representación do Neno Xesús? As medidas encaixan coas caixas para gardar a Forma propias do viático.
Caixa pregable, totalmente desmontábel por sistema de bisagra en todas as frontes, e transportábel, en forma de casa co seu tellado a dúas augas. Conta con dúas asas superiores de forma cadrilonga. Feita en estaño con cuberta de prata, os flancos, fachadas laterais da casa, van decorados con cadanseu rosetón: unha flor gravada por incisión cos seus oito pétalos calados. As fachadas, anterior e posterior, rectangulares cun paramento de vidro transparente. A bisagra das asas, situada á altura do piñón, leva decorados os parafusos de xiro cunha flor hexapétala gravada. As tapas (tellado) ornamentadas cunha cenefa gravada cun entrelazado xeométrico. Puido ter un uso litúrxico en relación coa Eucaristía, para transportar o viático.
Caixa en madeira policromada con motivos vexetais en tons negros e dourados que nacen dunha peaña tallada en madeira; o borde da parte frontal en pan de ouro.
Caixa de toucador en porcelana bávara de fondo branco e decorada con motivos florais (pequenos ramalletes de rosas) e filetiños de ouro de raizame rococó.
Caixa de toucador en porcelana bávara de fondo branco e decorada con motivos florais (pequenos ramalletes de rosas) e filetiños de ouro de raizame rococó.
Caixa cadrada de orixe cantonesa, estoxo orixinal dun mantón de Manila; madeira lacada en negro decorada cuna escena cotiá no emblema e motivos decorativos vexetais, todos eles en dourado.
Cáliz esmoleiro en prata. No pé reza a seguinte inscrición: "ES DEL SEÑOR DE TOR". Atención á marca do prateiro que precede ao astil: punzón da Corte (Madrid) e iniciais Ivº DOR, correspondentes a Juan de Orea, activo ata a súa morte, o ano 1693.
Cama napolitana de campaña con pavillón, en madeira pulimentada de pau de santo e incrustacións con apliques de arabesco en bronce dourado no cabeceiro. Como emblema heráldico, un tríscele dextroso de flores de lis, quizais relativos ao apelido Varela.
Cama con dosel en madeira de cerdeira con barrotiños torneados e catro pés rematados en rodas. O dosel en tea de damasco de seda azul e flecos. Cabeceiro tamén de barrotiño torneado con decoración de volutas de resonancias barrocas flanqueando unha sorte de edículo rematado en tímpano curvo.