Crucifixo tallado en pedra pómez. No anverso, a inscrición en capitais: NIEVA. Podería ser unha reliquia-souvenir do Santuario de Nieva alusiva á lenda do pastor e o crucifixo de lousa que recibiu da Virxe.
Crucifixo tallado en pedra pómez. No anverso, a inscrición en capitais: NIEVA. Podería ser unha reliquia-souvenir do Santuario de Nieva alusiva á lenda do pastor e o crucifixo de lousa que recibiu da Virxe.
Cruz grega procesional en bronce dourado, con cadrón central e lingüeta inferior de unión á macolla. De dúas caras. No cadrón do anverso, a imaxe de Xesús Crucificado. No do reverso, a imaxe de María co Neno en brazos, de gusto miguelanxelesco. As figuras están labradas de acordo co canon romanista, fundidas en molde e dispostas un par de séculos despois. A cruz, que consideramos gótica, presenta os brazos dentados, con plafóns ovalados que animan o perfil do seu corpo e dos remates. Nos extremos, tres piñas. No cadrante central, catro piñas en aspa. Ademais, van decorados os brazos con debuxos incisos de figuras xeométricas.
Cruz latina simple e escadrada de madeira e decorada con punteados de bronce sobredourado que debuxan rameados e iniciais en cursiva inglesa, de maneira que se albisca no patibulum SAL VE, mentres que ao longo do stipes, lese CRUX PRETIOSA, ou sexa, as primeiras palabras dun oficio relixioso medieval logo popularizado.
Relicario téxtil en forma de cruz latina floronada de lis, bordada e con pasamanerías en dourado. Alberga nos nichos reliquias dos seguintes santos protexidas por cristal de mica: S.Felix, S.Apolonio mártir, S.Victor mártir, S.Constancio mártir, Sta Bárbara e S.Ponciano.
Cruz latina simple, escadrada, en madeira de oliveira e con incrustacións de losanges en marquetería e adornos (ráfagas, das cales perdeu dúas) en nácara; imaxe sobreposta de Cristo, de tres cravos, en bronce sobre nácara. No reverso da cruz, catorce discos en nácara alusivos ás estacións do Vía Crucis, coa inscrición STA (Terra Santa) e o correspondente número romano. Este tipo de cruces procede dos Santos Lugares, de onde chegaron a Occidente como obxectos de recordo de peregrinación. Un dos factores de riqueza dos cristiáns en Palestina foi a industria ou artesanía de rosarios, cruces e toda clase de recordos relixiosos dos Santos Lugares, fabricados con madeira de oliveira, nácara e outras materias, recordos propiciados polos franciscanos da Obra Pía de Xerusalén, institución benéfico-piadosa destinada á conservación, acrecentamento e restauración dos Santuarios de Terra Santa. Esta cruz responde ao exercicio piadoso de Vía Crucis, costume iniciada en Xerusalén da man dos franciscanos, recompensada dende o principio cun gran número de indulxencias. O Vía Crucis evocaba mediante catorce estacións ou etapas, o camiño percorrido por Cristo durante a Paixón. En 1773 o papa Clemente XIV concedeu as mesmas indulxencias ao rezo do Vía Crucis na casa, sempre que o devoto sostivese entre as súas mans unha cruz. De aí a multiplicación da produción de cruces adornadas con círculos de nácara alusivas ás estacións. Acrecentouse así mesmo a exportación ao Occidente.
Crucifixo en bronce cun astil columnario de orde toscana sobre plinto en forma de campá e basamento cadrado. O Cristo é de tres cravos co perizonium anudado á esquerda. Os brazos da cruz, flordelisados e calados.
Cruz en madeira de oliveira (alma) decorada con placas de nácara gravadas con motivos relixiosos nos cadrantes: cruz de Xerusalén potenzada á dereita, emblema franciscano da Paz e o Ben (brazo de Cristo e de San Francisco) á esquerda, abaixo a Virxe María, arriba, un serafín. Cun crucificado de tres cravos, sobreposto e en nácara, acompañado de catro ráfagas en nácara e o titulus de rigor: INRI (Iesus Nazarenus Rex Iudeorum); no reverso presenta catorce discos circulares de nácara coa inscrición incisa: STA (Terra Santa) e o número romano correspondente á estación do Vía Crucis. Este tipo de cruces procede dos Santos Lugares, de onde chegaron a Occidente como obxectos de recordo de peregrinación. Un dos factores de riqueza dos cristiáns en Palestina foi a industria ou artesanía de rosarios, cruces e toda clase de recordos relixiosos dos Santos Lugares, fabricados con madeira de oliveira, nácara e outras materias, recordos propiciados polos franciscanos da Obra Pía de Xerusalén, institución benéfico-piadosa destinada á conservación, acrecentamento e restauración dos Santuarios de Terra Santa. Esta cruz responde ao exercicio piadoso de Vía Crucis, costume iniciada en Xerusalén da man dos franciscanos, recompensada dende o principio cun gran número de indulxencias. O Vía Crucis evocaba mediante catorce estacións ou etapas, o camiño percorrido por Cristo durante a Paixón. En 1773 o papa Clemente XIV concedeu as mesmas indulxencias ao rezo do Vía Crucis na casa, sempre que o devoto sostivese entre as súas mans unha cruz. De aí a multiplicación da produción de cruces adornadas con círculos de nácara alusivas ás estacións. Acrecentouse así mesmo a exportación ao Occidente.
Cruz da categoría de Encomenda da Real Orde Americana de Isabel la Católica, en metal dourado e esmaltado. Consiste nunha venera en forma de cruz de malta coa lapa dos brazos esmaltada en vermello. En alternancia con eles, ráfagas bruñidas de cinco facetas. A diferenza da Gran Cruz, non leva coroa de laurel no centro, senón no remate, mais si a lenda: A LA LEALTAD ACRISOLADA. No escudo central, as dúas columnas de Hércules co éntase percorrido coa filacteria e a inscrición PLUS ULTRA e mailos orbes coroados coa imperial. No reverso, en orla branca e letras douradas: POR ISABEL LA CATÓLICA. No escudo central, as iniciais en cursiva inglesa de Isabel e Fernando coroadas por unha imperial. Conserva a cinta de cordón coas cores da Orde, branco e amarelo, dispostos para o grao de Gran Cruz.
Estampa a cor que representa ao pretendente ao trono pola facción carlista, don Carlos VII de Borbón, duque de Madrid. De pé, con boina roxa e uniforme militar azul, recórtase a figura sobre una paisaxe. Acompañado polo seu can, un gran danés chamado León. Marco en madeira dourada.
Gravado que representa a D. Juan José de Austria, fillo de Felipe IV, litografía de Agapito López de San Román (1801-7) a partir do retrato orixinal do pintor Juan Carreño de Miranda, baixo a dirección de José de Madrazo, no Real Establecimiento Litográfico de Madrid. Trátase dun dos exemplares daquel proxecto ambicioso desenvolvido por Madrazo, a chamada Colección litográfica de los cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, que pretendía difundir as obras da colección real existentes no Museo aberto en 1819 que logo sería o Prado. Marco en madeira.
Figura en madeira de nogueira tallada de don Quixote da Mancha, executada de acordo co arquetipo iconográfico debuxado por Gustave Doré e gravado por Pisan na edición de Collier (1898). Apoiado nunha adarga, leva a man esquerda ao peito, como declamando, talvez defendendo a pureza de Dulcinea. Asinada na base polo taller de artesanía OURO.
Fotografía en branco e negro dun orixinal feito a carboncillo de D. Pedro de Zúñiga (1823-1892), fillo de Cayetano de Zúñiga y Linares e Petra Cornejo de Paz y Rascón. Foi o pai de María Paz Zúñiga Laporta. De busto, viste o hábito da Orde de Santiago. Marco en madeira dourada.
Espabiadora en prata, de ollos circulares con decoración na súa cara externa de brotes vexetais, un tramo recto con volutas superiores e resaltes inferiores e parafuso liso no eixo. Na caixa, punzón de prateiro e contraste inseridos nun cartucho trapezoidal de ángulos superiores recurvados: MLD MRAND (cunha A sobre a D). Identificámolos co prateiro de San Lúcar de Barrameda Lucrecio Delgado Meneses e o contraste Juan Pérez de Grandallana-Harniza.
Felicitación das Pascuas do ano 1953 asinada por Benjamín de Prado Díaz dedicada a don José Taboada de Zúñiga e Familia. En pergamiño. A cuberta, de perfil trapezoidal, presenta un cartucho de marcos recortados en cores azuis e pardos cun copete de flor de lis rosada, repetida na base da cartela. No interior, o texto de felicitación. A páxina do interior, cosida, tamén en pergamiño, presenta un elaborado frontispicio de gusto manierista:
Retrato en fotografía en branco e negro, posíbel ampliación dunha carte de visite, de don Ramón Bermúdez de Castro y Rascón (falecido en 1910), vizconde de Revilla de Barajas. Sostendo o sombreiro de copa nunha man, con amplo abrigo, e traxe cruzado de tres pezas. Con marco en madeira, rectangular de ángulos recurvados, sobredourado e con adornos florais en estuco na parte superior flanqueando un copete con xarrón de flores, no mesmo material.
Retrato fotográfico de don Ramón Taboada e Losada. Marco en madeira. É unha ampliación de mediados do século XX feita no obradoiro ourensán de Pacheco, supoñemos que a partir dun daguerrotipo orixinal de mediados do século XIX, quizais do estudo compostelán de Cisneros.
Retrato en fotografía en branco e negro, posíbel ampliación dunha carte de visite, de Dona Teresa de Zúñiga y Cornejo (nacida en 1831 e falecida en 1912, enterrada en Salamanca nun luxoso panteón), vizcondesa de Garcigrande, coñecida como "La Corneja". Vestida á moda vitoriana -intúese o xustillo- de finais do XIX, salienta o amplo colar de perlas e o peiteado en bandós. Con marco rectangular de ángulos recurvados en madeira sobredourado e adornos florais en estuco na parte superior flanqueando un copete con xarrón de flores, no mesmo material.
Óleo sobre cobre dun Ecce Homo de busto, o rostro de Cristo, mira ao ceo. Vai coroado de espiñas. Excelente calidade cromática, pois reflite a faciana dun home a piques de morrer, e tratamento de luces. Marco en madeira dourada con cenefa verde. Recorda á escola de Morales.
Litografía con marco en madeira que completa a colección do pazo das catro estampas que colgan no corredor daquela serie dirixida por José Madrazo: Colección litográfica de cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, editada polo Real Establecimiento Litográfico en Madrid. Vai rubricada por R. Amerigo, ou sexa, Ramón Amerigó y Morales (1807-1884). Representa o Enterro de Santo Estevo, e vén sendo a litografía da pintura orixinal que fixera Juan de Juanes para o retablo da igrexa dese santo en Valencia. Ocupaba a estampa o tomo III daquela colección de Madrazo.
Óleo sobre lenzo que representa a entrada trunfal de Xesús en Xerusalén (Domingo de Ramos) con marco en madeira sobredourado. É copia dun gravado de Philipp Andreas Kilian, gravador alemán do XVIII, incluído nunha Biblia ilustrada editada no ano 1758, que segue (pois así o cita o propio Kilian nas fontes das que partiu para as súas pranchas calcográficas) ao artista francés do XVII Nicola Vleughels. Un gravado gardado no British Museum e, polo tanto, esta obra de Tor, confirmarían a atribución do deseño orixinal a Vleughels, pois no museo inglés presentan ese gravado como posible, non segura, obra súa.
Salvadeira en bronce dourado de corpo octogonal, boca e pé lixeiramente exvasados e moldurados. Non conserva a tapa coas correspondentes perforacións. O borde conta con catro buratos para as plumas.
Bandexa de escribanía en prata de forma rectangular e apoiada en catro pequenos pés de forma troncopiramidal co seu frente decorado cun ramallete de flores repuxado. Antepeito corrido perimetral, calado en losange, a modo de celosía, ritmado no remate por pináculos de bola (cinco nos lados maiores e tres nos menores) unidos por grilandas. Na base, os tres ocos para disposición do tinteiro, da salvadeira e do portaplumas. Marcada co inconfundíbel león rampante cordobés. Do prateiro cordobés Castejón (CAST), marcada polo contraste TORRE baixo a cifra 36, relativa ao ano e para mellor certeza cronolóxica.
Salvadeira en bronce de corpo cilíndrico, co pé e moldura superior lixeiramente exvasados perfilados con arista, con tapa en forma de media laranxa apuntada coroada cunha landra.
Portaplumas en bronce de corpo cilíndrico con tinteiro con tapa de media laranxa apuntada con campaíña. Con decoración a base de cenefas de cordonciño.
Tinteiro en bronce de corpo cilíndrico con lixeiro éntase, pé e moldura superior exvasados, remarcados con cenefa de cordonciño. A tapa, de media laranxa rebaixada e apuntada rematada cunha landra.
Salvadeira de corpo poligonal de lados facetados sobre pé circular moldurado, en metal bañado en prata. Tapa en forma de cupulín coroado por unha aguia.
Portaplumas con base cadrada decorada na parte frontal e traseira con cadanseu floreiro e rematado por un putto mensaxeiro que sostén un atado e apoia, en contraposto, sobre un libro pechado. Conta con catro ocos para colocar as plumas.
Portaplumas de tres ocos en metal bañado en prata de corpo poligonal de lados cóncavos sobre pé circular moldurado. Tapa en forma de cupulín coroado por unha aguia.