Bandexa de escribanía, de planta cadrilonga coas esquinas redondeadas, en metal branco bañado en prata. Apoiada en catro patas aladas, con copete de venera, en forma de garra.
Bandexa para escribanía de planta rectangular coas esquinas cortadas en chafrán. No plano, conta cos tres ocos para acomod do tinteiro, salvadeira e portaplumas. Vai apoiada en catro pés en forma de garra, e un pequeno orificio na parte traseira para colocar a pluma.
Portaplumas en porcelana de cor rosa, corpo cilíndrico percorrido con motivos florais a pincel. Borde superior en bronce. Da casa de Amable Dubourget, fabricante parisino de escribanías.
Tinteiro en porcelana de cor rosa, co seu corpo cilíndrico decorado con motivos florais a pincel. Tapadeira en bronce repuxado e coa inscrición: "Encrier-A.D Paris""A POMPE"(Tinteiro-A.D-París-bomba) que dá conta do sistema para manter a tinta (Véxase notas). Da casa de Amable Dubourget, fabricante parisino de escribanías.
Salvadeira en porcelana de cor rosa, corpo cilíndrico, coa tapa e pé lixeiramente exvasados. O corpo vai decorado cunha cenefa de grilandas florais feitas a pincel. A tapa en bronce con pequenos buracos. Da casa de Amable Dubourget, fabricante parisino de escribanías.
Bandexa de escribanía en madeira con tres ocos redondos que serven para colocar o tinteiro, o portaplumas e a salvadeira; soporte en bronce para colocar tres plumas. Da casa de Amable Dubourget, fabricante parisino de escribanías.
Escritorio papeleira en madeira de castiñeiro. A caixa resólvese con taboleiros enteiros ensamblados en cola de miñato con reforzos de bisagra de ferro forxado flordelisada e cantoneiras do mesmo. Tapa abatible por bisagra con perno, pechadura e palastro en ferro forxado ornamentado con dúas bandas laterais de tres puntas de ferro forxado de cabeza circular. O frente do contador organizado en nove gabetas superpostas organizados en columna, con tirador circular tallado en madeira. O caixón inferior da columna esquerda e máis curto que a caixoneira. O moble vai apoiado en catro pés circulares de perfil abombado. Nos flancos, asas de ferro forxado recurvadas con embelecedor.
Moble buró escritorio en madeira de castiñeiro con dous corpos: o inferior consta de cinco caixóns; o superior, retranqueado e con tapa frontal abatible, con seis pequenos caixóns no interior, pintados en tons verdes e algún deles con secreters.
Cartela en madeira de castiñeiro tallada e policromada. De forma rectangular cos ángulos recurvados e saíntes en alongada voluta. Coroada no lado superior cunha peita cefálica toucada cunha cuncha de vieira. A altura da gorxa, unha gorgueira disposta en abano con decoración xeométrica. A cartela acolle un escudo heráldico, feito a pincel, probablemente por Benjamín de Prado. Con helmo no xefe e partido, leva os seguintes apelidos: Garza de Castillón, Pardo e Sarmiento.
Escudo de armas de Mª Paz Taboada tallado en madeira de castiñeiro con catro cuarteis: 1º o apelido Taboada, 2º Zúñiga, 3º Andrés e 4º Cuenca. O xefe timbrado por helmo con plumóns mirando cara o lado dereito. Na parte inferior esquerda coa firma do autor, Eduardo Rodríguez Osorio.
Espello tremó con marco en madeira e estuco, de perfil curvo e sobredourado. Rematado na parte superior cunha tarxa vexetal a modo de copete flanqueada por motivos acantiformes. Daquel momento isabelino no que se recuperaron motivos decorativos do rococó cortesán.
Espello tremó de canto biselado con marco de madeira dourada e na parte superior copete en forma de peita, frontón partido por palmeta central, de gusto neobarroco.
Espello tremó de gusto historicista, con marco de madeira de caoba tallada formando grilandas con rosas na parte superior. Na parte inferior xardineira tamén en caoba con seis azulexos vidrados e esmaltados na parte frontal e un en cada lateral, apoiada en seis pés. Os azulexos probabelmente sexan da casa Mintons, de Staffordshire (fundada en 1793). O deseño dos azulexos corresponde a un modelo producido por esa casa entre os anos 1905 e 1908, de acordo coa estética modernista herdeira das Arts & Crafts neste caso, de aí a cronoloxía barallada para o espello. Seguen eses azulexos un deseño do célebre William de Morgan do ano 1872-1882, producido no 1898, dos que se conservan exemplares no Victoria & Albert Museum.
Espello con marco en madeira bañada en pan de ouro, adornos con motivos vexetais e florais na parte superior e nas dúas esquinas inferiores, dese gusto romántico que recuperou a estética do rococó.
Espello con marco en madeira. Na parte interior un ribete en bronce. Orixinariamente tiña nas catro esquinas un remate en mármore a modo de cantoneira.
Espello con marco en madeira. Na parte interior un ribete en bronce. Orixinariamente tiña nas catro esquinas un remate en mármore a modo de cantoneira.
Cornucopia tallada en madeira dourada de perfil mixtilíneo e motivos de rocalla e volutas en forma de C en estuco coroado cun copete con pinxante fitomórfico. Á parte da lúa do espello fáltalle o azogue e o marco presenta algunha falta.
Espello de toucador con pé representando a unha figura feminina, quizais unha xitana (Esmeralda?), suxeitando dous cubos nos laterais e salpicada de esmaltes en azul, verde e roxo. Na parte traseira, ocos en disposición de abano para colocar útiles de manicura.
Espello de toucador en metal bañado en prata e espello en cristal biselado de forma circular coas iniciais "M.M"(Mª Paz e Miguel Ángel), apoiado en dous pequenos pés en forma de bola.
Espora de prata, con marcaxe e punzón de prateiro: inicial P baixo coroa real e, nun cartucho rectangular, as iniciais TRI. As cadeas de unión coa bota van rematadas con cadanseu mascarón de león.
Espora de prata, con marcaxe e punzón de prateiro: inicial P baixo coroa real e, nun cartucho rectangular, as iniciais TRI. As cadeas de unión coa bota van rematadas con cadanseu mascarón de león.
Moble esquineiro; a parte inferior cunha lacena con dúas portas e aplicacións en madeira tallada, repisa en mármol e parte superior tres estantes con barrotes.
Lámina a cor que representa a un cabalo de raza cartuxana chamado Amor, reprodución dun óleo orixinal de Manuel de Luque (1919-2005). Marco en madeira.
Lámina a cor que representa unha egua branca de raza irlandesa chamada Paddy's Sister , reprodución dun óleo orixinal de Manuel de Luque (1919-2005). Marco en madeira.
Lámina a cor que representa a un cabalo chamado Vigo, de cor negro e branco de raza inglesa, reprodución dun óleo orixinal de Manuel de Luque (1919-2005). Marco en madeira.
Lámina a cor que representa a unha egua chamada Rahalima de cor marrón de raza árabe, reprodución dun óleo orixinal de Manuel de Luque (1919-2005). Marco en madeira.
Libraría con tres estantes ou baldas. Na parte inferior, dúas pequenas lacenas con chave. Na parte media, seis compartimentos para devocionarios. Na parte superior, unha cruz potenzada en dourado e seis soportes para poñer os rosarios.
Gardagullas en madeira de faia. Trátase dun estoxo cilíndrico, rematado nos seus extremos en forma curva. Vai decorado con tres aristas concéntricas inseridas na parte alta e baixa. Nos remates, leva un verniz máis oscuro. A tapa, que abrangue o terzo superior, vai encaixada no propio corpo do estoxo. No interior, cinco agullas de coser en ferro.
Estoxo en latón dourado para chisqueiro de gas. De forma ovoidal de lados alongados, presenta decoración repuxada a molde de volutas en forma de C e motivos florais. A tapa ábrese mediante bisagra.
Estufa tipo salamandra do fabricante de orixe mallorquina Joan Mas Bagá (con tenda en Valencia e Barcelona) para leña ou carbón en ferro de fundición, esmaltada en verde. Boca de carga dunha porta e visor de mica.
Facheiro en bronce con pé troncopiramidal apoiado en garras. Nas caras do basamento, imaxes repuxadas do Sagrado Corazón de Xesús, de María e de Xesús Novo portando a cruz. Vástago acanalado, abalaustrado, con estrangulamento na macolla e molduras gallonadas no sumóscapo e remate. Conta con pratiño de cristal voado para recoller a cera. Semellante aos producidos por Meneses.
Facheiro en bronce con pé triangular rematado en gadoupas coas imaxes do Sagrado Corazón de Xesús, de María e de Xesús Mozo portando a cruz. Vástago acanalado con estrangulamento na macolla.