Imaxe de Santo Antón de Padua co neno no colo en madeira policromada. Aos seus pés dúas cabezas de querubín. Vai aureolado e o cordón da orde que cinxe o hábito franciscano é un postizo real.
Imaxe da Inmaculada Concepción en madeira policromada apoiada sobre tres cabezas de querubín e unha media lúa cos cornos cara arriba. Leva coroa en prata con 12 estrelas, túnica branca e manto azul, de acordo co canon iconográfico difundido a través das estampas da obra de Murillo.
Imaxe de San Xoán Bautista en madeira policromada. Con cruz da que pende a cartela co lema ECCE AGNUS DEI, e o correspondente año como atributo principal. Érguese directamente sobre a peaña, tallada e policromada no mesmo vulto.
Imaxe de bastidor policromada da Virxe do Carmo co Neno. Feita en madeira con brazos articulados, con vestido e manto en raso de seda natural bordado á man. Pendentes en prata e pedrería de estrás. Vai toucada con coroa imperial de follalata e conserva os escapularios orixinais. Figura en fotos da capela, do arquivo do Pazo, como imaxe que preside o retablo, anterior ao San Francisco aloumiñando ao lobo tallado por Rodríguez Osorio.
Insignia en metal dourado. O anverso consiste nun escudo coroado coa imperial. A bordura do escudo remata no xefe en dúas volutas das que nace a coroa; o campo, nun óvalo orlado con palmas flameantes, vai relevado un calvario (cruz sobre montículo). Tres bezantes cruzados por aspas incisas (emblemas das chagas de Cristo?) dispóñense a ambos lados e xusto debaixo da imaxe. A falta de máis datos e referencias, presupoñemos sexa un recordo de Terra Santa. O reverso, plano, conserva o prendedor para o levar nun ollal.
Insignia de somatén de don José Taboada Zúñiga, nomeado cabo de distrito de Vedra da 8ª Rexión en xullo de 1924, con carné nº 11725. Consiste nun escudo de España fundido a molde en latón dourado orlado de coroa de laurel cinxida por faixas epigrafiadas nas que se le o lema: PAZ PAZ Y SIEMPRE PAZ. O escudo vai prendido nunha escarapela en algodón coas cores da bandeira española. Corresponde a insignia ás producidas por HIJO DE B. CASTELLS na súa fábrica de Barcelona.
Insignia bordada de corpo ovalado, en algodón e seda, do "Real Cuerpo de Capellanes de Honor de Su Majestad". Consiste nunha estrela de seis puntas rematadas en globos dourados (aquí finxidos con apliques metálicos esféricos cosidos), sobre campo branco e fileteada de ouro. Da mesma tonalidade son as flores de lis, tamén bordadas, que separan as puntas da estrela e a coroa real, á que vai unida na parte superior. No centro da condecoración, a figura bordada da raíña Isabel II portando o cetro, orlada coa inscrición: LA REINA A SUS CAPELLANES DE HONOR-. Iría cosida á capa negra do capelán de honor, que levaría colgada do colo, con cintas de seda, a venera, ou insignia, segundo a categoría correspondente, en metal. Quizais esta pertenceu a José María Varela. No seu retrato loce a insignia bordada na capa.
Monograma en latón e prata feito a molde coas iniciais M Z (correspondentes a Martín de Zúñiga, irmán de Pedro de Zúñiga y Cornejo) entrelazadas, en letra inglesa, cos brazos da M flordelisados e os da Z rematados en motivo acantiforme. No reverso, o monograma presenta catro cravos cos que se axustaría a algunha peza de coiro de gornición de cabalería, talvez unha coleira, coma a que de feito está exposta na sala de Gornicionería.
Organillo de dez melodías, en madeira de piñeiro. Na parte frontal coa inscrición "Pianos mundial Casa Viena, Oviedo" decorada con motivos florais arquetípicos do modernismo. O cilindro acomódase sobre dúas piastras de fuste abalaustrado.
Armonio da casa barcelonesa Alberdi, en madeira de piñeiro, con dous pedais e tres rexistros, a saber: Sordina/Expresión/Trémolo. Correspóndese á segunda etapa da casa fundada en 1897 polo mestre organeiro Lope Alberdi Recalde (Gauteguiz de Arteaga, 1869-Barcelona, 1948), cando dirixía a produción o seu fillo, o compositor e tamén organeiro, Antonio Alberdi Aguirrezábal (Durango, 1803-Bilbao, 1966). No frontal do instrumento, nunha placa rectangular en metal con letra impresa e en cursiva, reza "Alberdi", denominación definitiva empregada tras a morte do fundador, talvez xa a a partir de 1930, de acordo cos catálogos publicitarios editados pola empresa.
Litografía con marco en madeira dourado, de M. Weber a partir dunha pintura orixinal do artista alemán Wilhelm Lindenschmit titulada "La Súplica". Foi incluída no número 191 da revista "La Ilustración Artística", o 24 de agosto de 1885. Editada por Montaner y Simón en Barcelona entre os anos 1882 e 1916, testemuño semanal da cultura e gustos da Belle Époque. A litografía é recreación frívola do mito causante da guerra de Troia, pois a mazá que sostén a Venus era a da Discordia, que o neno, un Cupido sen ás, intenta coller desesperado.
Lámpada en aliaxe de estaño, tipo Argand. Consta dun pé de base circular con moldura en escocia e un vástago con depósito cilíndrico para o queroseno e un outro lateral para unha lapa con tubo de cheminea de vidro. Pertence ao modelo desenvolvido por Pillischer. Apareceron estas lámpadas cara o ano 1859 en sustitución das de aceite reprobadas por Edgar Allan Poe.
Lámpada de petróleo con depósito en cristal de cor caramelo , chisqueiro en bronce patentado V.M. Tulipa panzuda de colo estreito e alongado en cristal.
Lámpada de pé apoiada nun trípode avolutado. O astil inferior, octogonal, vai labrado con motivos acantiformes, grutescos de gusto historicista. Este astil desemboca nun fuste entorchado no se que asenta a pantalla. Hexagonal e feita en pergamiño, cada unha das caras vai cosida á seguinte, es están formadas por fragmentos de partituras musicais de canto chan orixinais dun libro coral do século XVIII, relativo a un oficio de Defuntos.
Lámpada de teito con pantalla en alabastro en forma de cunca, suxeita por tres cordóns e apliques en bronce. Réplica do arquetipo ideado por Émile Gallé.
Lámpada de sobremesa en cristal tallado, con decoración xeométrica, en forma de estrela. De cor granate e dividido en dous corpos encaixables. O superior, unha mampara en forma de landra. O inferior ou astil, en forma de pedestal tronconónico con moldura de bocel no colo, moito máis estreito. O pé circular e exvasado.
Lámpada de sobremesa, antigo quinqué de gas adaptado á luz eléctrica, co pé e chisqueiro en bronce, o depósito de globo en porcelana decorada con flores e bolboretas en relevo esmaltado. Pantalla do século XX en tons ocres e cenefa con motivos florais.
Lámpada tipo farol, de corpo cúbico e de vidro esmerilado con armazón en bronce. Os paneis de vidro son rectangulares rematados en forma de arco. Nas esquinas superiores, a modo de unión da plementería de vidro, catro anxos coas ás depregadas. O cabio do farol vai calado.
Lámpada de teito en cristal con relevo de cor laranxa. Parte superior en ferro e suxeita tamén con cadeas de ferro o teito. Antigamente esta lámpada era de gas.
Lámpada de sobremesa en bronce con pé circular sobre basamento escalonado, vástago en forma de columna de fuste acanalado e capitel estrangulado. A pantalla en tea azul.
Lámpada de sobremesa en bronce con pé circular sobre basamento escalonado, vástago en forma de columna de fuste acanalado e capitel estrangulado. A pantalla en tea azul.
Lámpada de teito, pantalla de vidro opalino rosa decorado con motivos florais e tres andoriñas, de evidente inspiración na estampa xaponesa, rematada na parte superior e inferior en bronce e con soporte para seis lámpadas, brazos calados dos que penden lágrimas de cristal.
Lámpada de teito coa súa tulipa en cristal opalino, de forma globular labrada con relevos xeométricos e vexetais. O resto da estrutura consiste nun corpo que recolle a tulipa en chapa de bronce repuxado con grilandas. Colga a través de seis cadeas decoradas con esferas de vidro unidas á copa superior, tamén en chapa.
Lámpada de teito tipo farol, coa tulipa en cristal labrado con motivos xeométricos e vexetais, de cor caramelo. O resto da estrutura, en chapa de bronce repuxado. Orixinalmente de gas, posteriormente adaptada á luz eléctrica. Suxeita con tres cadeas ao teito.
Lámpada de teito de gas adaptada a electricidade con depósito en ferro fundido; tulipa en cristal e pantalla en plástico duro con follas e flores secas. Suxeita por tres cadeas ao teito.
Lámpada de teito con cinco brazos en bronce, con catro candeas para cada brazo e lágrimas prismáticas, facetadas, de cristal. Antigamente era de candeas e foi adaptada posteriormente á electricidade.
Lámpada votiva de aceite, de teito, fundida en bronce, co seu prato en forma de campá invertida coroado por unha crestería calada, flordelisada. Vai suxeita con tres cadeas de elos calados. Conta con tres soportes de perfil acantiforme sobrepostos ao perfil do corpo para cadansúa candea.