Medallón relicario dunha soa cara, co seu marco en metal dourado, de cerco liso. Conta con argola superior para o pendurar, quizais nunha brazaleira. O anverso é unha ventá ovalada cuberta cun vidro transaparente, ovoidal, lixeiramente convexo e biselado. Acubilla unha estampa pintada coa imaxe de Santa Tareixa de Ávila, na súa cela, vestida co hábito carmelita, cunha mesa cuberta con mantel vermello rematado en flocaduras douradas. Sobre a mesa descansa un libro, un tinteiro, unha pluma e unha candea. No extremo superior esquerdo, a pomba do Espírito Santo arrodeada dun halo refulxente, dourado. A santa, con idéntica auréola refulxente de luces douradas, dirixe a súa mirada cara a aparición celestial. O reverso é liso.
Medallón relicario dunha soa cara, co seu marco ovalado en metal dourado, con cerco de pedras de Francia verdes, tallados e facetados, a modo de esmeraldas, engastadas en engarce tipo garra a un tímido bocel corrido. A fiestra é de cristal de roca lixeiramente convexo. No interior, nunha superficie de tea cor grana, unha reliquia, flor de latón hexapétala e a filacteria en papel identificatoria en caracteres tipográficos do 700: San Lois Gonzaga (S. Alois. Gon.) O reverso é liso, pero leva gravado o número de serie en arábigos: 218. Conta con argola superior para seren pendurado, talvez nunha brazaleira, xunto con outros relicarios.
Medallón relicario de forma ovalada en prata dourada. De marco liso e argola superior para levar pendurado, quizais formando un conxunto de relicarios e amuletos nunha brazaleira. No anverso, unha fiestra ovoidal en cristal de roca lixeiramente convexa, transparenta un bordado sobre liño con fío de metal prateado e fíos vermellos e verdes que debuxan un corazón de cerco metálico en argolas, arrodeado con motivos florais con preponderancia no copete superior. No campo do corazón, unha cruz carmelitana. No reverso, gravados os emblemas da Paixón de Cristo.
Medallón relicario dunha soa cara, co seu marco ovalado en prata, de perfil mixtilíneo, con argola superior para o pendurar. A fiestra é de cristal de roca lixeiramente convexo. Transparenta un rosetón calado confeccionado en liño e papel co seu centro cadrilobulado. Ao seu redor, organízanse radialmente as reliquias contidas, dispostas a modo de relicario de xardín e cos seus correspondentes títulos, escritos en tinta vermella sobre papel, en caligrafía do setecentos, até un total de 18 reliquias, entre as que dastacan o Leite de Nosa Señora, Pelos de Santo Cristo, Sábana Santa, etc. O reverso, cunha fiestra ovalada de cristal de roca, convexo, é liso, transparenta a base na que se asenta o relicario.
Mesa labrada en madeira de castiñeiro e ferro, tallada a bisel con debuxos xeométricos e florais (xirasoles, hexapétalas, escamas, trísceles) de carácter apotropaico. Vai erguida sobre catro pés en forma de estípite e tres chambranas. Amplo faldón con dous caixóns. Quizais do oficial de carpentaría Pedro Vastero, pois delata o mesmo estilo que a peza 11 deste inventario.
Mesa encartable de centro en madeira de castiñeiro con dúas ás pregables e dous caixóns laterais (un a cada lado) e oito patas en madeira torneada e aneis lenticulares (dúas delas abatibles).
Mesa tipo buffet en madeira de nogueira para bargueño, de catro patas, as anteriores rectas e as frontais de lira, unidas por cabia inferior floriforme policromada en negro nos plementos.
Mesa comedor estensible en dúas fases, en madeira de caoba, de planta ovoidal, con lixeiro faldón na cintura e apoiada en seis patas abalaustradas, bulbosas no imóscapo e estranguladas cabo dos pés, que van sobre cadansúa roda.
Mesa estensible de dúas ás abisagradas, en madeira de castiñeiro; con seis patas lisas con chambrana torneada, dúas delas abatibles. O corpo conta con dous caixóns laterais.
Mesa velador en madeira de castiñeiro que se sostén nun soporte central rematado con tres pequenas patas avolutadas (soporte e patas pintadas en negro).
Mesa de xogos co taboleiro do xadrez debuxado e nos extremos motivos vexetais de roleos, que se sostén nun soporte central rematado en tres pequenas patas avolutadas.
Mesa de comedor ou refectorio en madeira de castiñeiro, tallada con motivos xeométricos e floróns tetrapétalos de valor apotropaico. No amplo faldón, triple caixoneira con cartucho central de perfil convexo e tiradores de ferro en forma de perno. Vai apoiada en catro patas molduradas, en forma de estípite e unidas con chambrana.
Mesa de xogos de caoba estilo Carlos IV con tapa abatible. Aberta, dispón dun pano para xogar ás cartas e, pechada, dun taboleiro de xadrez en marquetería na parte central. Apoiada en catro patas afusadas e decorada no faldón cun rameado de marquetería en tons marróns.
Mesa de xogos con tapa abatible. Aberta, un taboleiro de xogo de cartas en madeira de caoba con incrustacións de marquetería que forman rosas dos ventos. Caixón frontal. Apoiada en catro patas afusadas, unha delas abatible (que se abre para suxeitar o taboleiro cando a tapa está aberta)
Mesa de xogos en madeira de caoba con tapa abatible. Aberta, torna en taboleiro de xogo de cartas en madeira de caoba con embutidos de marquetería que debuxan o leitmotiv da rosas dos ventos. Caixón frontal. Apoiada en catro patas afusadas, unha delas abatible (que se abre para suxeitar o taboleiro cando a tapa está aberta)
Mesa de xogos co taboleiro do xadrez debuxado con fileteado de buxo e nos extremos motivos vexetais, sostida nun trípode con vástago central en forma de balaústre e pés avolutados.
Mesa de nogueira e cerdeira, apoiada en catro patas, as frontais de orde columnario toscano sobre pedestais cadrangulares, e as traseiras, piastras lisas de igual orde e baseamento.
Mesa de xogos co taboleiro do xadrez debuxado cun fileteado de buxo; nos extremos, motivos vexetais acantiformes. Sostido o taboleiro sobre un trípode con vástago central abalaustrado sobre tres pés avolutados.
Mesa de noite en madeira de castiñeiro, coas súas esquinas cortadas en chafrán. Porta no frontal resalteada cun cadrón: dá paso á lacena interior, que conta cun estante e caixón. Repisa en mármore gris veteado con antepeito no fondo.
Mesa de noite con taboleiro en madeira de marquetería, cunha flor tetrapétala enmarcada por un losange. A corola, en nácara. O cerco da mesa decórase con marquetería perimetral de motivos xeométricos. Apoiada en catro patas en madeira torneada, lenticulares, en madeira de cerdeira, con chambrana e fiadores de ferro forxado. Probabelmente fora o soporte dun contador ou bargueño.
Mesa de noite con taboleiro en marquetería de marfil e óso, e motivo decorativo no emblema central dun paxaro, quizais un melro, tamén en marfil, acompañado por trísceles de catro aspas no mesmo material. Catro patas en madeira torneada de cerdeira, de perfil lenticular, con fiadores de perfil eseado en ferro forxado. Probabelmente fora o soporte dun contador ou bargueño.
Mesa de noite en madeira de castiñeiro. Na parte inferior lacena cunha balda, na superior un caixón e tiradores en metal branco. Parte de arriba en mármore branco.
Mesa comedor en madeira de castiñeiro tallada, con triple caixoneira e tiradores en ferro. Falda da mesa con decoración xeométrica. Vai apoiada en catro patas molduradas a modo de balaústres e unidas en chambrana.
Mesa tipo buffet que serve de soporte ao bargueño. En madeira de catro pés de lira, de perfil avolutado en forma de C os dianteiros, e unidos cunha cabia inferior tallada en forma de flor pintada en negro.
Mesa de noite en madeira de castiñeiro con peita superior, pequeño estante e rematado en copete. Meseta en mármore branco. Consta dun caixón e porta decorada con motivos xeométricos en marquetería. Tiradores en bronce. Apoiada en catro pés afusados.
Mesa de noite en madeira de castiñeiro con peita superior, pequeño estante e rematado en copete. Meseta en mármore branco. Consta dun caixón e porta decorada con motivos xeométricos en marquetería. Tiradores en bronce. Apoiada en catro pés afusados.
Mesa de despacho en madeira de caoba, coa parte central oca e catro caixóns a cada lateral e unha parte central. Por outro lado, unha lacena en cada lateral cun caixón na parte superior e na central tamén oco cun caixón na parte superior.
Mesa de billar francés, de carambola, da casa Henri Prestable, fundada en 1864. Vai apoiada en catro pés troncocónicos invertidos e facetados. O taboleiro é de lousa, nunha soa peza, tapizado en pano verde. O orixinal era vermello. Leva nas bandas cadansúa decoración de losange en marfil, os marcadores en realidade. Perdeu os posíbeis cinceiros, quizais de aluminio ou peltre, nos laterais.
Mesa arrimadeira "decorativa ou consola" en madeira coa parte superior en mármol en tons granate e gris e con caixón central.Apoiada en catro patas de cor negro.
Mesa velador en madeira de caoba con forma de media lúa, réplica do modelo Thonet nº 43. Pé derivado en tres pés formando volutas e pináculo central no vástago de unión.
Metate de pedra de gran coa súa man en mármore do Incio. Labrado nun só bloque, o metate consiste nunha pedra cadrilonga co seu plano de superficie cóncavo, barquiforme; vai apoiado en tres pés troncocónicos integrados no mesmo corpo, dous na parte dianteira e un, máis groso, coas arestas en chafrán, na traseira. Este pé protexía ao encargado de moer a semente de cacao da calor do braseiro que se colocaba debaixo do metate para facilitar o labor. A man, en forma de rolete de amasar, vai labrado nunha única peza de mármore veteado en tons azuis e grises, procedente das canteiras do Incio. De corpo cilíndrico, vai seccionado nos extremos para a disposición das asas de remate, de forma ovoidal. Sen dúbida, un muíño de cacao "á braza" para o consumo privado, non industrial.
A diferenza dos metates mesoamericanos, feitos en pedra volcánica ou mesmo en coral branco, o de Tor é de granito, de mármore do Incio a súa man, o que leva a pensar que ben puido ser construído na propia Galiza, consonte á incorporación definitiva dun consumo chocolateiro frecuente na dieta das elites fidalgas. Pazos como o de Raíndo e San Fiz, e tamén as grandes fundacións monásticas (caso do mosteiro de Corias, en Asturias, no que se documentou a adquisición dun destes muíños de man no 1737) contaban nas súas despensas con abundantes libras de semente de cacao ao longo da segunda metade do XVIII.
Metate é vocábulo que provén do náhuatl metlatl. Foi e segue a ser un utensilio de cociña empregado en diversas culturas de Mesoamérica dende tempos prehispánicos, acaído para moer millo, cacao… polo xeral para facer tortas, se ben tamén se empregaban para moer a terra e preparar o barro para faceren obxectos de cerámica.
A presenza neste pazo dunha outra man de mármore crebada das mesmas características e dimensións insiste no uso frecuente e de autoconsumo deste metate. O chocolate bebíase rebaixado en leite, azucrado, cunha boa dose de canela ou vainilla, servido en noces de coco e, xa no XIX, en xícaras ou cuncas de louza.
Palanganeiro en madeira de faia con espello na parte superior e almofía en louza branca. Nos laterais dous saintes para colgar toallas, do tipo que producía Thonet (vid. Nº 924)
Moeda de 10 céntimos do ano 1959 acuñada na ceca de Madrid. No reverso, a cifra do valor en arábigos, 10, suliñada pola fracción de moeda, "Céntimos", arrodeada por unha láurea de follas de oliveira e olivas de obvia estética fascista. No anverso, o busto, no seu perfil dereito, do xeneral golpista e ditador Francisco Franco, de acordo co retrato que fora modelado por Benlliure e orlado coa lenda: "Francisco Franco Caudillo de España por la G. de Dios 1959". O canto é estriado.
Macuquina de prata de 8 reais acuñada en 1766, baixo o reinado de Carlos III. No anverso: cruz potenzada con castelos e leóns; a saída dos cuarteis está pechada cunha dobre liña curva; á esquerda, P; por riba, 8; á dereita V; debaixo 766. Reverso: Columnas sobre ondas de mar cruzadas por dúas liñas horizontais que forman nove cuarteis nos que se distribúe a seguinte inscrición: P - 8 - V / [PL]V - SVL - TR[A] / [V] - 766 - P.
Canto liso. V é a marca do ensaiador, José de Vargas y Flores. P, a ceca do Potosí.