Molde para fundir proxectís de chumbo, para arcabuz, en forma de tenaces, con 31 cavidades de diverso calibre. Consta de dúas caras, equivalentes ás dúas metades de cada unha das bolas, pregables na súa unión, e asas en madeira para abrir e pechar. Unha vez pechada, orixínanse os condutos polos que se vertía o chumbo líquido.
Molde de obleas con capacidade para facer dúas hostias: consiste nunhas tenaces rematadas en cada un dos brazos por cadansúa prancha rectangular, en forma de espátula. As hostias son igual tamaño, supoñemos que para o celebrante. Circulares con orla concéntrica lisa que enmarca unha cruz latina simple.
Morteiro en bronce con boca exvasada de perfil convexo. De corpo troncocónico invertido con decoración a base de columnas de fuste con anel en medio relevo (8). A man, de sección circular, con bocel central e final e remate de pomo. Lonxitude man 23 cm.
Morteiro en bronce con boca exvasada e de perfil convexo. De corpo troncocónico invertido con decoración exterior a base de mascaróns alternados con estrelas de oito puntas desgastadas en metopado ritmado por columniñas de fuste seccionado. Man de perfil circular con bocel central e remate periforme. Lonxitude da man 15,8.
Morteiro en bronce de boca exvasada e corpo troncocónico invertido decorado con metopado de mascaróns de gusto manierista separados con volutas en resalte. Non conserva a man.
Morteiro en bronce de boca exvasada de perfil convexo e corpo troncocónico invertido decorado con metopado de mascaróns de gusto manierista separados con sereas en resalte. Non conserva a man.
Morteiro en bronce de boca exvasada de perfil convexo, corpo troncocónico invertido seccionado por catro columnas en medio relevo con decoración exterior con catro espigas en relevo. Man de perfil circular animada con aneis incisos, bocel central e remate periforme. Base destacada por moldura de asento. Lonxitude man: 11cm.
Morteiro en bronce de boca exvasada de perfil convexo, corpo troncocónico invertido seccionado por catro columnas en medio relevo con decoración exterior con catro espigas en relevo e man. Man de perfil circular animada con aneis incisos, bocel central e remate periforme. Base destacada por moldura de asento. Lonxitude man: 11cm.
Óleo sobre cobre que representa unha escena de Xesús de Nazaret xunto á Madanela. Marco en madeira. Copia pouco refinada dunha obra do taller de Rubens & Brueghel "NOLI ME TANGERE", que se conserva na Kunsthalle de Bremen, popularizada polo gravado de Frans Van den Wyngaerde, posterior a 1630, replicado con mellor ou peor éxito, coma é o caso.
Produto artesanal mariñeiro, propio dos embarcados en Nantucket, cazadores de baleas. Durante a singradura, tallaban este tipo de pezas, punzóns, agullas, caixas para agullas, dedaleiras e alfineteiros con destino ás súas irmás e mulleres. Algúns punzóns servirían para recoller o cabelo ou mesmo como pechadura dos cestos. As agullas, para coser en lá roupa de crianza.
Augaforte en papel, tinta negra, asinado e datado por Agustín Lhardy Garrigues (1847-1917) no extremo inferior dereito e a lápis no cartón que lle serve de marco. Trátase dunha paisaxe fluvial de vexetación vizosa reflectida na auga, animada pola presenza dunha barca e dous ocupantes.
Palmatoria en prata. O candeeiro é pé circular, moi exvasado, dunha soa luz. A asa, leva unha cruz e un cáliz calados no corpo e remata a súa contorna nun trilobulado rebaixado.
Antuca de dez variñas, tea de cor verde distribuída en dez panos e empuñadura de prata coa inscrición "María". Complemento do traxe, do protocolo do vestir vitoriano, e para preservar a pel branca que connotaba o status social da propietaria. Pertenceu á nai de María Paz Taboada, María de Andrés García.
Antuca de oito variñas, tea de cor gris nacarado distribuida en oito panos con empuñadura de metal con baño de prata labrada formando follas e a cabeza dun ave (periquito). Complemento do traxe , do protocolo do vestir vitoriano, e para preservar a pel branca que connotaba o status social da propietaria.
Antuca de dez variñas en tea de cor negra en outros tantos panos e coa empuñadura de prata e inscrición coas iniciais PC (Pura Cuenca). Complemento do traxe, do protocolo de vestir vitoriano, e para preservar a pel branca que connotaba o status social da propietaria.
Paraugueiro en madeira de piñeiro con tres ocos para os paraugas, co frontal con debuxos incisos en forma de grilanda de reminiscencias pompeianas e con depósito en cinc. Remátase o corpo cun tímpano de volutas que flanquean un copete de palmeta. Nos extremos, cadansúa acrótera. Para apoio dos paraugas, unha varanda curva apoiada nun balaústre composto por dúas seccións troncónicas, moi afusadas, unidas por unha moldura lenticular.
Pasador militar en prata coa inscrición en maiúsculas MELILLA, distinción epigráfica da demarcación territorial das guerras do RIFF (1909-1927) de acordo co Real Decreto do 29 de xuño de 1916. Acompañaba, especificándoa xeográficamente, á condecoración da Medalla Militar de Marruecos (peza 1350 deste inventario). Propia tanto de xefes e oficiais, como é o caso (en prata) coma das clases e tropa (en cobre) do Corpo de Seguridade do Exército español.
Gravado que representa a un xinete montando a cabalo. Marco de madeira. Augaforte de Francisco Muntaner Moner (1743-1805) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). Orixinalmente tería sido un retrato ecuestre de Godoy, logo alterado. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Gravado a cor que representa a un xinete montando a cabalo no transo de saudar co chapeu. Marco en madeira. É un augaforte de Manuel Esquivel de Sotomayor (1777-1842) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitacion ou l'art de l'Equitacion reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Peaña baixa de planta cadrangular en madeira de castiñeiro con repisa voada perfilada cun filete e pé de antepeito sobre arco moi apaisado. Nun dos laterais, debuxado a plumilla por D. Benxamín de Prado, o escudo de armas do apelido Taboada-Zuñiga.
Pebeteiro en bronce en forma de copa de ampla boca, moi exvasada, astil de corpo cilíndrico e pé circular, moito máis pequeno. Mango no mesmo material calado no extremo.