Peto cefálico en cerámica de Cesures coa forma dunha caricatura de crego, atribuíbel ao ceramista Antonio Fabeiro quizais seguindo un deseño de Castelao.
Peto en madeira policromada, adicado a Santo Antonio de Padua. A parte superior é unha fornela con dúas pequenas portas que pechan a imaxe pintada dun Santo Antonio. A inferior, policromía que imita o mármore.
Piano forte de madeira de caoba da casa inglesa Collard & Collard, de cara o ano 1836-37, con teclado de marfil e apoiado en catro patas de madeira torneada rematadas con rodas. Conserva no interior as instrucións impresas para a súa correcta afinación.
Piano organizado da casa inglesa Longman & Broderip en madeira de caoba, teclado laminado en marfil. Na parte inferior enreixado con arame de bronce e feltro verde. Os dous pedais en ferro. No frontal, orla oval de grilanda floral, cartucho decorativo da marca de marquetería. Fileteados de marquetería fina no corpo frontal e laterais.
Cadro costumista ó óleo pintado sobre táboa de castiñeiro que representa a unha muller fiando con traxe típico galego, asinado por Cándido Garabal. Sen marco.
Cadro costumista pintado ó óleo sobre táboa de castiñeiro que representa a un home con bastón e con traxe rexional galego, asinado por Cándido Garabal. Sen marco.
Óleo sobre lenzo, retrato de don José Taboada de Zúñiga. Asinado e datado na parte inferior dereita polo autor, Enrique Navarro. Marco en madeira dourada
Óleo sobre lenzo, retrato de dona Mª de Andrés e Cuenca. Asinado e datado na parte inferior esquerda polo autor, Enrique Navarro. Marco en madeira dourada.
Retrato ao óleo sobre lenzo de dona María de Andrés García-Cuenca, nai de María Paz Taboada. Asinado por A. Cazalilla e datado no reverso: 1946. Sen enmarcar. Fai parella coa peza 1465. Dona María retrátase sentada sobre unha butaca isabelina (unha das que figuran no Salón Norte) en torpe escorzo, parece que tapizada en veludo vermello. Viste traxe negro, de festa, intuímos que en seda, con escote imperio e colo pico pola gasa de manga curta que se lle soprepón. Na man dereita, un abano pregable semiaberto. A outra, repousa sobre o brazo esquerdo da butaca. Loce sinxelos pendentes de perla e pulseira dourada no brazo esquerdo. O fondo da composición resólvese ao modo clásico, cunha columna (supoñemos que inventada) no lado esquerdo, e ampla cortina en cor azul que fecha o fondo en diagonal. O estilo, pretensioso, con apetencia por un retrato de aparato sen técnica, é dun naïf non deliberado. Resulta perturbador, moi interesante.
Retrato ao óleo sobre lenzo de don José Taboada Zúñiga, pai de María Paz Tabaoda. Asinado por A. Cazalilla e datado no reverso: 1946. Sen enmarcar. Fai parella coa peza 1464. O señor con sorriso prácido apenas bosquexado, aparece erguido, retratado de tres cuartos; loce bigote xa branco e viste abrigo negro cruzado, garabata e camisa branca. Apoia a man dereita nun pretil. A esquerda sostén as luvas brancas e sombreiro de copa, quizais un dos conservados no recibidor do Pazo. O pretil semella invención ambiental, para acadar unha perspectiva resolta de maneira tosca. Ao fondo, á dereita, asoma de perfil unha das armaduras do Salón de Armas. O estilo, pretensioso, con apetencia por un retrato de aparato sen técnica, é dun naïf non deliberado. Resulta perturbador, moi interesante.
Óleo sobre lenzo anónimo de grandes dimensións coa representación de San Xosé, en agarimosa pose, co Neno Xesús -este sostén un crucifixo- nos seus brazos. Arriba, cara eles, a pomba do Espírito Santo. Todo nunha apoteose celestial, entre nubeiros, anxos e cabezas de querubín. Un dos anxiños, no primeiro plano, esgrime a vara florida, atributo de San Xosé, mentres que outro estende unha filacteria que reza o seguinte: "Salus nostra in manu tua est". Istó é, a nosa salvación está na túa man, unha cita extractada do Xénese alusiva a Xosé coma patriarca e á redención da humanidade mercé ao sacrificio na cruz. Posíbelmente composto a partir dunha estampa. Marco en madeira dourada.
Pipa de cana alongada en madeira, vástago en ferro e boquilla en caucho. A cazoleta, en forma de campá invertida e alongada, co seu tubo de enmangue inferior, vai en porcelana, o que suxire unha probábel procedencia centroeuropea. A cana, moi basta, non é a orixinal. A cazoleta carece da tapa metálica abisagrada que tiña orixinalmente, mais si conserva parte dos adornos florais orixinais en esmalte dourado, o que podería confirmar unha orixe alemá ou mesmo tirolesa.
Placa calcográfica en cobre gravada co escudo de armas dos apelidos: Quiroga, Losada, Valcárcel e Pardo. Firmada na parte inferior dereita por: " Rivera" e na esquerda co número "a. 72", posíbel cronoloxía.
Ponderal de vasos aniñados en aliaxe de cobre. De corpo troncocónico invertido, con tapa abisagrada e peche de broche. Contén as cinco pesas de tamaño decrecente no interior. Encaixan unhas coas outras. Inclúe a maior, denominada gardador, que pesa como as demais xuntas, e a menor, maciza, chamada disco. Na tapa figura o número 8 e a marca de fábrica, en forma de tritón. Os vasos levan a súa correspondente medida en onzas, agás o disco, por suposto.
Portaplumas en prata de copo cilíndrico, con cenefas de láureas dispotas en grilanda. Tapa lixeiramente exvasada, en forma de media laranxa moi rebaixada, con tres buracos para asento das plumas e asideiro troncocónico invertido de base recurvada.Marcada co león rampante cordobés. Do prateiro cordobés Castejón, marcada polo contraste Torre (véxase a peza 473)
Portarretrato en madeira coa fotografía en branco e negro de D. Fernando Taboada. Leva apliques nas catro esquinas dunha flor en bronce sobre madeira máis escura.