Recipiente decorativo en cristal opaco en tons azuis, de perfil ovoide, en forma de bacía. De base circular, ten o borde ondulado e rizado, decorado cunha coroa concéntrica de círculos, todo o perímetro facetado. Soprado en dobrado en quente.
Óleo sobre lenzo, sen marco, coa representación nun interior sagrado da Presentación no Templo/Circuncisión do Neno Xesús, pois ambos temas do relato de San Mateo adoitaban fundirse nunha mesma escena. É copia anónima e monumentalizada do gravado que fixera Valentin Lefebre (1642-1682), publicado por Jacobus van Campen, a partir da obra orixinal de Paolo Veronés: unha escena sobre dúas follas de táboa, conservado in situ, pois son as follas do órgano da igrexa de San Sebastián de Venecia, mais coa particularidade de matizar a copia coa inspiración noutro gravado de Sadeler sobre deseño de Marten de Vos, concretamente, na figura que soporta o cirio a modo de repoussoir.
Pulseira feminina composta por moedas de 10 céntimos de peseta de Alfonso XIII (con data de acuñación de 1910) e unha peseta peruana acuñada en 1880, unidos a unha cadea sinxela mediante argolas e a unha placa lisa trapezoidal de lados curvos cuxo campo leva a inscrición en cursiva, quizais de lectura apotropaica: "¡Qué horror!"
Pulseira en bronce. Consiste nun aro de bronce macizo de sección de tendencia circular na face externa lixeiramente achatada, probabelmente fundida baixo a técnica da cera perdida. Non se aprecia decoración ningunha, pero a peza exixe unha limpeza.
Puñal tipo almarada con empuñadura en madeira tallada e no lateral coa cabeza dunha aguia. Conserva aplicación vítrea para semellar os ollos. Folla moi estreita de tres aristas en ferro.
Punzón tallado en óso de balea con ornamentación xeométrica incisa e pirogravada rematada no extremo non punzante con cabeza pisciforme e, no contrario, alfiliforme. Empregábase para facer buratos no coiro, confeccionar prendas de lá ou para recoller o cabelo das mulleres. Posíbel traballo artesanal mariñeiro orixinario do porto baleeiro de Nantucket.
Punzón tallado en óso de balea alfiliforme coa metade inferior policromada en vermello. Empregábase para facer buratos no coiro, confeccionar prendas de lá ou para recoller o cabelo das mulleres. Posíbel traballo artesanal mariñeiro orixinario do porto baleeiro de Nantucket.
Punzón/pasador tallado en óso de balea con ornamentación xeométrica en relevo, a base de molduras convexas curvas dispostas nun ritmo de 3 a 3 sucesivos (pequenas e grandes agrupadas) separadas por un segmento abalustrado, rematada no extremo non punzante en forma de copa cónica. Empregábase para facer buratos no coiro, confeccionar prendas de lá ou para recoller o cabelo das mulleres, mesmo como pasador de fechadura de cesto. Posíbel traballo artesanal mariñeiro orixinario do porto baleeiro de Nantucket.
Punzón tallado en óso de balea con ornamentación xeométrica, sorte de collarín e a base de molduras convexas moi suaves que lle outorgan un perfil abalaustrado. Remátase na base en forma de landra. No outro extremo, en forma de rosca, de maneira que iría enroscado a outra peza. Empregábase para facer buratos no coiro, confeccionar prendas de lá ou para recoller o cabelo das mulleres. Posíbel traballo artesanal mariñeiro orixinario do porto baleeiro de Nantucket.
Quinqué de vidro con pé circular e astil abalaustrado, ensanchado na parte superior para acoller o depósito, en opalina branca. Tulipa en forma de globo da mesma cor. O chisqueiro e regulador en bronce, da casa Kosmos antes de seren Kosmos Brenner, ollo: neste caso, o selo coa marca orixinaria, KOSMOS, coroada por unha láurea que arrodea o parafuso do regulador. Kosmos Brenner empezou a denominarse así cando, a finais do século XIX, Brökelmann, Jaeger & Co, de Nehein (Alemaña), comprou a marca "Kosmos" a Wild & Wessel, de Berlín. Kosmos foi o nome co que os lampistas alemáns Wild e Wessel sacaron ao mercado un novo queimador ou chisqueiro da su invención para lámpadas de petróleo. A toma de aire era de combustión lateral pero o sistema permitía levar o aire até o centro da lapa.
Quinqué en latón dourado, imitando unha factura en bronce, executado a modo de bizarrón, de pé avolutado con decoración acantiforme e astil abalaustrado, ensanchado á altura do depósito. Tulipa voada de media laranxa e tubo en vidro. A chave deste quinqué indica que o queimador é da famosa marca alemá Kosmos Brenner, que empezou a denominarse así cando, a finais do século XIX, Brökelmann, Jaeger & Co, de Neheim (Alemaña), comprou a marca "Kosmos" a Wild & Wessel, de Berlín. Kosmos foi o nome co que os lampistas alemáns Wild e Wessel sacaron ao mercado un novo queimador ou chisqueiro da su invención para lámpadas de petróleo. A toma de aire era de combustión lateral pero o sistema permitía levar o aire até o centro da lapa.
Quinqué de petróleo en calamina, fundido a molde con forma de xarrón, con relevo de sereas de dobre cola e grutescos na macolla; dúas asas e catro pés en forma de garra. O tubo en vidro. A chave deste quinqué indica que o queimador é da famosa marca alemá Kosmos Brenner, que empezou a denominarse así cando, a finais do século XIX, Brökelmann, Jaeger & Co, de Neheim (Alemaña), comprou a marca "Kosmos" a Wild & Wessel, de Berlín. Kosmos foi o nome co que os lampistas alemáns Wild e Wessel sacaron ao mercado un novo queimador ou chisqueiro da su invención para lámpadas de petróleo. A toma de aire era de combustión lateral pero o sistema permitía levar o aire até o centro da lapa.
Lámpada en porcelana branca de Dresden. Sobre un trípode avolutado e de astil abalaustrado imitando as formas dun brote vexetal e ensanchado no depósito, ovoidal, tipo macolla, a modo de corola. Todo él con flores de porcelana superpostas de gusto rococó, distribuídas en cartuchos con decoración de rocalla. Apoiado en tres pés. Carece da tulipa.
Quinqué de pé cadrangular de dos escanos decrecentes e astil en forma de columna de orde composta de marmolina veteada co seu capitel en aliaxe de chumbo fundido en molde; o depósito en cristal tallado co seu chisqueiro en bronce e latón da marca Kosmos Brenner. A tulipa en cristal, lotiforme. A marca alemá Kosmos Brenner empezou a denominarse así cando, a finais do século XIX, Brökelmann, Jaeger & Co, de Neheim (Alemaña), comprou a marca "Kosmos" a Wild & Wessel, de Berlín. Kosmos foi o nome co que os lampistas alemáns Wild e Wessel sacaron ao mercado un novo queimador ou chisqueiro da su invención para lámpadas de petróleo. A toma de aire era de combustión lateral pero o sistema permitía levar o aire até o centro da lapa.
Prato en cerámica alcoreña, serie "Ramito" (a fábrica estivo activa entre 1727 e 1858) en cor branco, esmaltada e vidrada, e decorado con bouquet en cor azul como emblema, orlado por motivos florais na mesma tonalidade.
Moble recibidor en madeira de castiñeiro. Na parte superior co monograma formado polas iniciais en letra inglesa e entrelazadas RAG (Ramón de Andrés García López, finado en 1918); con espello, seis colgadores para sombreiros e dous ocos laterais para colocar paraugas.
Recipiente en cerámica branca ribeteado en dourado e motivos florais, coa inscrición: "Buenas noches". Seis orificios na parte superior en forma circular e outro rectangular na parte inferior.
Óleo sobre lenzo que representa a redención de cativos cristiáns pola Orde Mercedaria, no momento no que San Pedro Nolasco paga o rescate. É posíbel que na marxe esquerda a parella representada sexa a dos doantes. O tipo de iluminación é tenebrista, quizais poidamos buscarlle una influencia italiana pero a partir de pintores españois viaxados a Nápoles, como Jusepe Martínez, quen por certo dedicou unha serie gravada á vida de San Pedro Nolasco.
Rei branco de xadrez, tipo Selenus. De pé circular, o vástago organízase en dous corpos abalaustrados, bulboso o primeiro e en forma de xerra o seguinte, con colar exvasado e remate en forma de landra invertida.
Reixa protectora de cheminea en ferro forxado, de forma rectangular. O panel, en forma de grella cadrangular, vai apoiada en dúas zapatas e leva un copete formado por dúas volutas forxadas afrontadas.
Medallón ovalado en baixorrelevo feito en escaiola, co seu propio marco. Vai policromado ao bronce, cunha escena de batalla medieval. Representa o enfrentamento de San Lois (Lois IX de Francia) cos sarracenos. É réplica de molde dos bronces producidos a partir dos orixinais do escultor e medallista francés Justin Mathieu (1796-1864), de quen se conserva no British Museum un debuxo autógrafo seu coa mesma escena, e máis reproducións en bronce, como este de Tor, en coleccións privadas ou en museos como o V&A Museum. Justin Mathieu especializouse neste tipo de representacións históricas e relixiosas que evocaban, con certo entusiasmo de corte romántico, a grandeur medieval da patria francesa, neste caso, coa figura do santo rei como protagonista. Con este tipo de pezas, herdeiras da tradición de relevos eborarios e placas broncíneas realizadas entre 1500 e 1600, participou o artista nos Salons entre 1846 e 1864. Esta en cuestión, de evidente carácter decorativo dada a súa pequena escala, é do ano 1849 e estivo na Grande Exposición celebrada en Londres o ano 1851, coa que gañou a Terceira Medalla de 1ª clase. Levaba o seguinte título: "Une croisade du temps de Saint Louis", obra nacida co propósito de seren replicada en diversos materiais (escaiola, por suposto) cunha capa de prata que dignificaba o resultado a través da entón novidosa técnica da electrolise.
Relicario con certificación papal do pontificado de Gregorio XVI sobre da veracidade das reliquias que contén na fornela superior, relativas á un resto da columna da flaxelación, unha pedra do Santo Sepulcro, o palio de San Xosé Esposo e un óso de San Cosme. Marco de madeira.
Relicario con certificación papal do pontificado de Gregorio XVI sobre da veracidade das reliquias que contén na fornela superior, relativas a San Francisco Xabier e Santa Eulalia. Marco de madeira.
Relicario bordado, con brocados en seda e fío metálico dourado, en forma de flor de lis. O bordado debuxa un entramado que replica, cosido en meticuloso fío helicoidal, o perfil da flor de lis. O centro resérvase para unha fiestra circular con tapa de vidro fixa como protección dunha litografía pintada dun Anxo da Garda ou Custodio.
Relicario bordado de forma circular, en seda e fío de metal dourado que debuxa arabescos en voluta e óvalos de cordonciño nun entramado enriquecido con pedras de Francia e lentexoulas. Acubilla catro reliquias con cadansúa filacteria en papel co título identificador, ilexibles. O centro resérvase para un óvalo que contén unha estampa coloreada na que se figura un Anxo da Garda cun cativo ante unha cruz, que identificamos como a Alma Cristiá.
Relicario en forma de lágrima feito en feltro verde orlado con fío de metal e ornamentado con taxoulas de folladelata floriformes. Contén unha reliquia de Santa Tereixa de Xesús, identificada con titulus en papel con letra impresa: S. Teresa. Vai coroado por un lazo prendido por unha flor hexapétala en metal dourado.
Relicario fundido en prata en forma de corazón con fiestra de vidro no anverso. Contén cera, quizais dun agnusdei. No reverso, decoración incisa dun ramallete floral tetrapétalo.
Relicario en forma de corazón fundido en aliaxe de estaño. Ábrese por bisagra lateral. No anverso, leva decoración inscisa de ramallete floral: margarida e flor de lis. O cerco, de perfil ondulado. Rematado en coroa. Ao abrilo, reliquias encabuxadas e unidas nun entramado de fío métalica. Todas elas identificadas pola cartela correspondente en letra impresa do século XVIII. No compartimento dereito, figura ademais das reliquias, a imaxe da Virxe do Socorro? tallada en madeira. Posíbelmente formou parte dun colar de traxe de vistas de La Alberca. Véxase a peza 1417. O reverso, cunha cruz latina incisa encravada nun corazón atravesado por unha frecha.
Medalla de perfil octogonal, tipo patena, cos lados maiores máis longos. Consiste nun marco de prata de perfil que acubilla unha dobre fiestra de vidro onde se dispoñen, no anverso: esmaltadas en negro sobre fondo douro os instrumentos da Paixón de Cristo e o Santo Rostro de Xaén; no reverso, gravado de factura popular e pintado, a imaxe dunha santa pregante, enmarcada por cortinas descorridas, ao modo dun conopeo, que identificamos con Rita, polo hábito agostiño que viste.