Reloxo de Alfredo Delage de caixa alta de péndulo, con calendario mensual, coa caixa de madeira policromada en tons verdes e motivos florais en dourado. A decoración da esfera é unha escena simbólico en folla de lata repuxada, cunha escena relixiosa moi interesante que aclaramos nas notas.
Reloxo mural, "ollo de boi", con mecanismo Morez, feito en París. A súa esfera oval é ondulada, con alma de madeira de piñeiro recuberta por lámina de alabastro nacarado. Vai salpicada no seu campo con ornamentación floral e xeométrica esmaltada con embutidos de nácara. Os números romanos van en cursiva inglesa, dispostos en cartuchos de porcelana orlados con cenefa acantiforme de latón dourado con cadanseu copete floral e de rocalla. As agullas son caladas, con tracería gotizante. Consta de dous orificios para dar corda. O marco, de estilo isabelino, é de perfil ondulado e está tallado en madeira ebonizada. A caixa, con tapa acristalada, é hexagonal, feita en madeira de piñeiro. É de apertura frontal e superior mediante unha bisagra e feche de femia. Conserva a chave para lle dar corda (para uns 8 días) no interior. Sonería sobre gong de péndulo (ben conservado) ás horas e medias.
Reloxo de sobremesa tipo bracket, coa súa caixa en mármore negro, pulido e veteado. Resolto o frontal a modo de fachada de templo dístilo de piastras veteadas en tons grises. Leva decoración embutida, fileteada e nacarada acantiforme nas albanegas e faldón da esfera. Coroado por frontón curvo con acrótera de remate corrida. Vai erguido sobre basamento cadrangular que sobresae en planta, coa mesma decoración de embutidos de nácara no frontal. A esfera, esmaltada en branco, leva a numeración en romanos e orla dourada. Tan só leva o número de serie na maquinaria.
Reloxo de parede José Ramos con péndulo compensador, chamado de grella, de sete variñas en diferentes metais como bronce e zinc; caixa de madeira de castiñeiro decorada con calcomanías.
Reloxo de sobremesa en cristal de forma rectangular apoiado en catro pés de latón en forma de esfinxe, afrontadas ambas, e parte superior con decoración de grilandas tamén do mesmo material. Imitación estilo Imperio.
Reloxo con calendario de caixa alta da casa inglesa de William Dorrel (1784-1810), decorado no frontal cunha chinoiserie de repertorio, o ascenso a un dos cumios sagrados da China, de reflexos dourados e de gran calidade técnica. Consideramos que a caixa é anterior á maquinaria do reloxo, pois responde ao tipo xorxiano, moi semellante aos producidos por un Joseph Davis en Londres, cara os anos 40 do século XVIII. A decoración, en tons ocres sobre fondo negro, a base de superposición de lacas, executada de maneira lenta e delicada para alcanzaren o relevo adecuado, nunha superficia lisa e bruñida. Esfera cadrada con copete semicircular. Hai exemplares deste tipo no Palacio Barones de Valdeolivos (inv. V0166) e no Museo de los Relojes de Jerez.
Reloxo espertador de sobremesa e de corda; con esfera independente para os segundos e para o espertador. Apoiado en dous pés, e na parte superior o timbre. Tapa da maquinaria cun debuxo inciso en forma de estrela de oito puntas.
Reloxo de caixa alta en madeira de castiñeiro. Remate en forma de lanterna con ménsula de cabeza de querubín. O cupulín co que se pecha a lanterna apoia en pilastras festoneadas; cornisa quebrada e plementería calada con cadanseu óculo ovalado. Os nervios do cupulín van decorados con volutas drapeadas. Como guinda de remate, coroa imperial. O basamento vai decorado con placas recortadas tipo compostelán e cornisamento con gallóns en resalte. Incompleto; Consta únicamente da caixa, non ten maquinaria.
Reloxo de parede tipo lanterna en latón dunha soa agulla. Leva na esfera laureada que decora o remate superior a inscrición coa marca de fábrica "Willian Creak London". Apoiado en catro pequenos pés.
Reloxo de peto, tipo saboneta, con coroa ás 3. De esfera de porcelana tipo isabelina con orla e emblema central dourado con decoración fitomórfica de grilandas de roleos; campo nacarado e numeración romana en negro. Segundeiro ás 6. Caixa de prata de tres tapas. A dianteira, con gravado a guilloché e escudo de campo baleiro (para gravar as iniciais do propietario, supoñemos) orlado cun cinto; no interior, numeración en cursiva 26431. A traseira presenta tamén gravado xeométrico a guilloché. No interior, a mesma numeración. O gardapó de metal presenta dous orificios para a toma de corda e posta en hora mediante chave e gravado CYLINDRE. Do que deducimos que o mecanismo é de pontes, con escape de cilindro, espiral Breguet e 8 rubís. Non conserva a chave de corda (pero véxanse as pezas 1452 e seguintes deste inventario). As agullas son pavonadas, tipo pera.
Reloxo de peto tipo lepine, de dúas tapas abisagradas. Unha anterior que se abre presionando a coroa, situada como é de rigor, ás 12, e gardapó. Da casa francesa Olivier, Lyon, con número de serie 556 en cursiva. Semellante aos producidos por Breguet naquela época. De aceiro dourado e esfera en esmalte branco, con orificio de corda ás 2 e numeración en arábigos dispostos en cursiva. A agulla das horas, tipo pomme évidée calada. A dos minutos, de folla estilizada. Non conserva a chave de corda (pero véxanse as pezas 1452 e seguintes deste inventario).
Reloxo de peto tipo lepine, orixinalmente de dúas tapas abisagradas. Unha anterior que se abría presionando a coroa (non conservada in situ, pero véxase a peza 1457), situada como é de rigor, ás 12, e gardapó. Da casa francesa "Jean Frazy et Fils", epigrafiados ás 6 e con número de serie 14974 en cursiva no interior. De aceiro dourado e esfera en esmalte branco, con orificio de corda ás 2 e numeración en arábigos dispostos en cursiva. A agulla das horas, tipo pomme évidée calada. Perdeu a dos minutos. Non conserva a chave de corda (pero véxanse as pezas 1452 e seguintes deste inventario).
Reloxo de caixa alta en madeira de castiñeiro. Estilo Xurxo III. Na parte do reloxo so ten a esfera coa numeración. Incompleto, pola falta de maquinaria.
Retablo rococó en madeira de nogueira policromada. De tres rúas, dous pisos e ático de rosca curva. O banco retranqueado en planta, con preponderancia da rúa central e co ritmo marcado por cabezas de querubín que agroman de tarxas acantiformes. O primeiro piso organízase por columnas lixeiramente panzudas de orde composta, cos fustes decorados por cintas drapeadas e grilandas.
Retrato ao óleo de D. Fernando de Zúñiga e Laporta a partir dunha fotografía (o retratado faleceu en Alacante, solteiro, o 10 de febreiro de 1895). Asinado por Tito Vázquez (1870-1952). Marco en madeira pintada en negro.
Óleo sobre lenzo que representa a Sagrada Familia: a Virxe descubre ao Neno, durmido. San Xosé, apoiado sobre os cóbados, semella dormir, nun xesto iconográfico melancólico. A esquerda, un anxo asiste á escena. Marco en madeira con cenefa en dourado. Asinada por Agrasot, é copia dun orixinal de José Vergara Gimeno, gardado no Museo de Belas Artes de Valencia. Este de Agrasot foi Premio de Terceira Clase, Medalla de Bronce, na exposición Agrícola Industrial y Artística, celebrada en Alacante, en outubro de 1860, baixo os auspicios da Sociedad Económica de Amigos del País de Alicante. No certame premiaron a súa destreza na copia do orixinal do pintor académico, fundador da Academia de San Carlos.
Salvadeira en louza de Sargadelos de cor branco. Da III Época, o seu corpo é octogonal, todo él estampado en azul cobalto cunha paisaxe da serie imaxinaria, tipo Góndola.
Salvadeira en louza de Sargadelos de cor branco. Da III Época, o seu corpo é octogonal, todo él estampado en azul cobalto cunha paisaxe da serie imaxinaria, tipo Góndola.
Salvadeira en prata de corpo cilíndrico, de boca e pé exvasados. Leva cenefas repuxadas de láureas dispostas en grilanda nas divisións do corpo. A tapa superior con buracos que debuxan unha flor hexapétala. Na mesma tapa, o punzón cordobés: león rampante con cola eseada nun cartucho ovoide. Do prateiro cordobés Castejón, marcada polo contraste Torre (véxase a peza 473)
Salvilla da espabiadora en prata. Non ten punzón nen marcas. De planta cadrilonga e decoración de sogueado no bordo perimetral. Conta con dous soportes para acomodo da tesoira.
Óleo sobre lenzo enrollábel, a modo de estandarte, probabelmente de uso devocional e de orixe novohispana, coa imaxe de San Domingos de Guzmán. Con caixa de madeira na parte superior, para acoller o lenzo unha vez enrolado, e listón tornado inferior de cor verde con motivos dourados, apto para aquel fin. Leva hábito da Orde Dominicana, báculo coa cruz dos dominicos, rosario, libro da Orde, e aos pés, o can sobre un orbe coa tea acesa, ou sexa, os atributos propios da súa iconografía máis habitual.
Prato con pé en louza branca decorado na parte central co escudo de armas coroado da Orde dominicana e a inscrición a pincel que reza "San Esteban de Salamanca" en cor azul, fileteado na mesma cor no borde.
Óleo sobre lenzo dun San Francisco Xabier representado de medio corpo, co hábito xesuítico, cun bordón con espiga de metal no que pousa unha pomba (Espírito Santo). Marco en madeira pintada de cor verde e con remates dourados. Na parte superior un copete de rocalla en forma de cuncha.
Imaxe do arcanxo San Gabriel, tallada en madeira policromada; con hábito e túnica en tons gris, cruzado cunha estola de cor granate e negra, conformeá súa iconografía frecuente no capítulo da Anunciación.
Óleo sobre lenzo que representa a San Martiño partindo a súa capa cun pobre. Represántanse de cintura cara arriba, casi de busto. O pobre en forzado perfil. O santo, de faccións pouco naturalistas, ao igual que o seu compañeiro, vai vestido de militar romano con certa vocación arqueolóxica na súa verosimilitude. Podería delatar unha fonte gravada. A espada corta a escena en escorzada diagonal. Salientábel o fondo, dun intenso azul verdoso encadrábel na segunda metade do XVII, desaparecido o ansiado azul ultramariño dos obradoiros de pintura daquel tempo. De dimensións semellantes ás do San Paulo do dormitorio principal, co que, acaso, formou grupo xunto con outros (quizais o típico apostolado, malia a que San Martiño non o foi) de acordo coa tradición iconográfica das series dos apóstolos compostas por un Hendrick Goltzius. Carece do marco.
Gravado do Bautismo de Cristo sobre o orixinal de Juan Fernández de Navarrete "o Mudo" conservado no Prado por Juan Antonio López baixo a dirección de José de Madrazo, no Real Establecimiento Litográfico de Madrid. Trátase dun dos exemplares daquel proxecto ambicioso desenvolvido por Madrazo, a chamada Colección litográfica de los cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, que pretendía difundir as obras da colección real existentes no Museo aberto en 1819 que logo sería o Prado. Marco en madeira.
Óleo sobre lenzo que representa a Santa Sabela, Raíña de Hungría, ou, quizais, a Santa Sabela de Portugal, súa sobriña. Con marco en madeira orixinal. Viste pel de armiño, xeneroso colar de perlas, ao modo dalgunhas santas giordanescas, e porta unha roca para fiar na esquerda, atributos alusivos á súa condición rexia e ao seu desempeño (exemplum) feminino de axuda aos máis febles. A man dereita pousa sobre a cabeza dunha rapaza (da que destaca un belo pendente de perla barroca), nun conseguido escorzo escénico que delata un repoussoir de orixe gravada, todo elo consonte á haxiografía das dúas Sabelas: a acción refire o momento de sandar a unha moza doente, ou de acoller a unha orfa, en relación cunha ou outra das sete obras de Misericordia. Asume o arquetipo reniniano das madonnas para a representación da santidade feminina, coa mirada cara o ceo, en éxtase. A construción do rostro, colo e ombreiros remite á propia do mestre italiano. Podería ser calco reaproveitado para a iconografía desta santa, e invertido (de colo para arriba, non así as mans) da célebre Lucrecia do artista italiano.
Acuarela dunha rúa do pobo de Santillana del Mar. Marco en pasta. Asinado por Carlos Pombo xunto á data da obra. Carlos Pombo y Escalante, tal era o seu nome completo, natural de Santander, fora alumno do pintor Antonio Gomar e era sobriño de Antonio Menéndez Pidal. Participara na Exposición Internacional de Belas Artes de 1892, presidido o xurado por Federico de Madrazo, cunha paisaxe.
Sela de montar en coiro. Consiste nunha armazón de coiro de forma convexa rechea de crin de cabalo ou palla (?). O asento, en veludo vermello animado por un entramado en escama. Leva na base do pomo e nos faldóns laterais unha cuberta decorativa, un bordado de tea de algodón en tons vermellos e amarelos, nunha composición simétrica na que se debuxa unha orla de flores octopétalas e de lis que parten de cadanseu vaso, dispostos estes nas esquinas. Conserva as argolas para encinchar o cabalo. Supoñemos que foi sela de muller, para montar á xineta.
Selo de lacre de prata, cadrangular e heráldico, fundido ao molde, coas armas dos Feijoo: un escudo tipo francés moderno coroado coa condal e, no campo, unha espada de prata en alto encabada de ouro, acompañada de seis bezantes de ouro colocados en dous paus de a tres a cada lado. O mango, tallado en marfil, de posíbel orixe holandesa, está formado por dúas mans estreitadas en sinal de acordo, rematadas en forma de capitel globulado.