Semanario tarxeteiro coa alma de cartón forrada en tea azul e bordado con motivos florais en dourado. Conta con seis departamentos para cada día da semana co nome correspondente bordado en letra inglesa. Fáltalle o martes
Servilleteiro de aliaxe de estaño con baño de prata de forma cilíndrica de corpo lixeiramente cóncavo coa boca e o pé exvasados e diferenciados cunha orla decorativa de boliñas. Leva no corpo decoración incisa xeométrica de escamas e un cartucho na parte central coa inicial gravada J (José?). Fai parella coa peza 1409 deste inventario.
Servilleteiro de aliaxe de estaño con baño de prata de forma cilíndrica de corpo lixeiramente cóncavo coa boca e o pé exvasados e diferenciados cunha orla decorativa de boliñas. Leva no corpo decoración incisa xeométrica de escamas e un cartucho na parte central coa inicial gravada T (Taboada?). Fai parella coa peza 1408 deste inventario.
Sofá tres prazas isabelino en madeira de caoba tallada con motivos vexetais, de palmeta acantiforme nos brazos e divisións en aspa avolutada dos asentos, coroados estes con copetes calados nos extremos e central avenerado; salienta o amplo faldón tallado con motivos fitomórficos e as patas, que son cabriolé, co recorrente ornamento en forma de palma de loureiro, reminiscente do estilo Imperio. A tapicería en cor amarelo (a orixinal era vermella).
Sofá tipo fernandino con certo deixo isabelino en madeira de caoba. De tres prazas, vai apoiado en catro patas en madeira tallada con motivos gallonados. Asento, respaldo e laterais acolchados e tapizados en tea de veludo adamascado en cor verde. O respaldo, de perfil mixtilíneo, vai decorado con cabezas de cisne enfrontadas e unha palmeta no copete. Os repousabrazos, dispostos ao gusto Imperio, van tallados con motivo acantiforme. O faldón, mínimo, moldurado en bocel.
Sofá canapé de tres prazas en madeira de caoba, con apoiabrazos. Apoiado en 8 patas afusadas unidas por travesaños. Asento acolchado en tea adamascada de cor granate. Decoración de rameados sobredourados nos frontais e unha sorte de lira no respaldo (en realidade tipo shieldback), ao estilo Imperio ou Country Chippendale interpretado por Dunchan Phyfe. Da casa Cabezas, en Chantada, réplica do mesmo canapé do cuarto do Bispo. Froito dun encargo de José Taboada Zúñiga.
Sombreiro masculino, de fungo, tipo bombín (bowler hat), coa súa copa circular e ala recortada en feltro negro con cinta e bordes en seda negra. Interior da copa forrada en seda co selo da marca: baixo o emblema da casa (tres medallas celebrativas dos premios recibidos, coroadas polo león e o unicornio, tenantes do escudo do Reino Unido), PRIZE MEDALS AWARDED TO TRESS & CO. LTD. LONDON. GOLD MEDALS PARIS, SYDNEY & CALCUTA. Comercializado por F. de Francisco, en Madrid, onde sería adquirido.
Sombreiro masculino, tipo bombín (bowler hat), coa súa copa circular e ala recortada en feltro negro con cinta e bordes en seda negra. Interior da copa forrada en seda co selo da marca: Lock Hatters London Trade Mark. Comercializado en Santiago de Compostela por FRAGA, proveedor de Alfonso XIII.
Sombreiro masculino tipo chistera en feltro de cor negro, de copa ríxida, alta e cilíndrica, lixeiramente afusada, coa súa cinta de lá na base viveada con fío de grog. De ala recta, recurvada cara arriba nos laterais. Confeccionado en Milán e comercializado por Centro de la Moda, establecemento que estaba situado na rúa compostelá do Vilar.
Sombreiro masculino tipo chistera en feltro atiesado e cor negro, de copa ríxida, alta e cilíndrica, lixeiramente afusada, coa súa cinta de lá na base viveada con fío de grog. De ala recta, recurvada cara arriba nos laterais. Confeccionado en Londres por HAT MANUFACTORY (conserva o membrete heráldico, cos consabidos león e unicornio tenantes do escudo do Reino Unido e nome da casa) e comercializado en Santiago de Compostela por A. Riuso. Pertenceu, supoñemos, a José Taboada, pois as inicias J T están sobrepostas, en latón dourado, no fondo da copa.
Sombreiro masculino tipo Salacot, ou casco de médula, como se lle chama, feito en cortiza forrada en tea de cor beixe. Lixeiro e de bomba en forma de campá, con viseiras na parte frontal e posterior, co seu casquete adornado cun botón, e os orificios de rigor para a aireación. Conserva tamén a banda ou puggaree.
Sombreiro de vestir de señora, tipo canotier, en palla trenzada, ala curta e copa plana. Leva un lazo de seda negro que cingue a copa. Os tallos de palla están trenzados de tal xeito que forman picos ao alternar a súa dirección.
Antuca con cuberta formada por oito panos de seda negra e oito variñas metálicas con remates de aluminio prateado. Mango de aluminio tallado, espiraliforme, con motivos decorativos nos bordes da espiral da empuñadura. Conteira de metal prateado.
Antuca de forma cónica, de dez baleas de metal dourado terminadas en puntas cilíndricas con remate esférico. A cuberta é de tafetán de seda de cor gris perla. Empuñadura forrada en plástico da mesma cor. Conteira de metal prateado.
Antuca con dez baleas de metal dourado terminadas en puntas cilíndricas con remate esférico, panos de tea de cor crema e empuñadura forrada en plástico. Regatón de metal.
Antuca con dez baleas de metal dourado rematadas en puntas cilíndricas con coroa esférica; panos de tea de cor crema e empuñadura forrada en plástico. Enganchada á empuñadura, unha borla. Regatón de metal.
Antuca chinesa feita en papel e baleas en bambú decorada con debuxos de acios de uvas de cor fucsia e verde e un paxaro que identificamos cun martiño pescador.
Antuca de oito variñas e oito panos en algodón fino de cor beixe. Puño en madeira cyberta de prata fundida e cincelada con motivos decorativos xeométricos, ondulados, e arquería con cadansúa flor de lis.
Óleo sobre táboa que representa o Sono de San Xosé. Asinado por M. Landeira, ou sexa, Manuel Landeira Bolaño (1736-1790), pintor, gravador e decorador que fora pincelista da cidade de Santiago e do que apenas hai obras.
Soporte de forma rectangular donde está apoiada a liteira, en madeira tapizada con tea de damasco de seda natural de cor vermello.(A tea de damasco pertence ao século XVIII).
Óleo sobre lenzo con marco en madeira de castiñeiro, liso, orixinal. Representa a San Huberto de acordo coa iconografía ordinaria que o canonizou como patrón dos cazadores, de aí os atributos: arco, frechas e corno de caza pendurado do colo. Axeonllado, con manto e túnica, xunta as mans en actitude pregante cara o ceo, ante a visión do cervo crucífero e refulxente, tal e como relata a súa haxiografía. Acompáñao o can lebreiro. Vai asinado na parte inferior dereita polo autor, Cándido Garabal (1858-1950) xunto á data de execución. Arriba, o titulus do santo "St. Huberto"
Gravado en branco e negro de Francisco Muntaner de Santa Bárbara, Virxe e Mártir. Viste túnica longa e amplo manto; de rostro xuvenil e expresión doce, enmarcada por cabeleira ondulada, mira ao espectador, como interpelándoo. Vai nimbada e con coroa real. Ademais, como atributos, palma e torre. Marco en madeira con orla formando relevo en dourado.
Gravado que representa unha escena de Sta. Margarida sometendo ao dragón. Marco en madeira. Litografiado por Gaspar Sensi e Baldachi a partir dun orixinal de Tiziano que conserva o Museo do Prado,baixo a dirección de José de Madrazo, no Real Establecimiento Litográfico de Madrid. Trátase dun dos exemplares daquel proxecto desenvolvido por Madrazo, a chamada Colección litográfica de los cuadros del rey de España el señor don Fernando VII, que pretendía difundir a colección real existente no Museo aberto en 1819 que logo sería o Prado.
Óleo sobre lenzo que representa a pasaxe do Antigo Testamento referida á "Susana e os Vellos" probable orixinal do miniaturista asentado en Burdeos, Juan de Parada, quen seguiu o gravado de J.F. Beaubarlet da obra do pintor Joseph-Marie Vien (1716-1809)
Souvenir: miniatura das táboas de lei tallada en madeira de pau de santo polo taller Anido. A madeira, segundo se aclara no papel impreso, procedía do cadeirado de coro de Sobrado dos Monxes.
Tapete en forma circular con anacos de damasco de diferentes cores e veludos. Rematado con cintas de pasamanería en dourado e nos bordes flocadura con borlas en granate e beixe.