Abano pregable montado á inglesa con 35 variñas de madeira recubertas con lámina de carei e dúas gardas. O país, en papel policromado con motivos xaponeses: sakura…
Abano pregable de 14 variñas e dúas gardas. Talladas en marfil con incrustacións de motivos florais. País en pluma de avestruz negras unidas por fío, coma os aanos de baralla.
Óleo sobre lenzo, sen marco, no que se representa a San Francisco abrazando a Xesús crucificado, co seu brazo dereito desprendido, desencravado para abrazar e recibir ao santo, de acordo cun tema iconográfico bernardiano de orixe gótica (Christus Amplexus) difundido polos franciscanos a raíz da produción gravada de Hieronimus Wierix no prelo de Sadeler. San Francisco apoia un pé sobre unha bola que simboliza o mundo. A lectura é o desprendemento das riquezas mundanas para abrazar o cristianismo. Copia libre dun orixinal de Murillo "San Francisco abrazando al Crucificado", conservado no Museo de Bellas Artes de Sevilla que o anónimo autor debeu de coñecer de segunda man, a través dunha estampa.
Agnusdéi inserto nun relicario en forma de custodia de sol en madeira de caoba e ébano sobre pé octogonal con reliquias de varios santos. O corpo tamén é octogonal e serve de estoxo ao disco, ovoide neste caso, coa imaxe dun Agnus Dei feito en cera do Cirio Pascual: o cordeiro pousa sobre o libro dos sete selos do Apocalipse, vai nimbado e leva o lábaro, imaxe arquetípica. Apenas é lexíbel a inscrición de rigor: "Ecce agnus Dei qui tollit pecata mundi". O nome do Papa que o consagrou e máis o seu correspondente emblema heráldico están moi desgastados para a súa correcta identificación; no reverso, imaxe moi desgastada, probabelmente da Virxe María. As oito reliquias van dispostas ao seu redor de xeito radial, acomodadas nos seus correspondentes nichos e co titulus identificativo. Son as seguintes: Santa Cunegunda, San Marcos, San Basilio, Veo de Santa Clara, San Sebastián, San Narciso, San Lourenzo, San Lino.
Agnusdei. O estoxo, en metal dourado, tipo patena, circular, en forma de medallón, acubilla unha dobre fiestra de vidro, transparente no anverso e reverso; o cerco é liso agás nos extremos maiores, onde leva pinxantes de dobre voluta flanqueando un pequeno pináculo. Na parte superior, unha argola, do que se deduce que se levaría pendurado do colo. Ábrese mediante bisagra. O agnusdei, case completo, leva no anverso a imaxe do Año Pascual, en nidio relevo. Disponse non deitado, senón a catro patas, de perfil, pasante e virando a cabeza nimbada cara a cruz e o lábaro farpado, ondeante, coa cruz grega no seu campo. Pousa sobre o que semella o escudo papal. Órlao a inscrición en exergo: ECCE AGNUS DEI QUI TOLLIT P.M. (PECCATA MUNDI). No reverso, unha Adoración dos Reis de nocións quattrocentistas (atención ás trabes do presebe, recordan a solucións dun Jacopo Bellini ou mesmo dun Botticelli). Órlao a inscrición, en exergo, e entre cabezas de querubín: PONT (IFEX) MAX (IMUS) [roto] XIII. O fragmento onde iría o nome do papa falta. Podería corresponderse co pontificado de Inocencio XIII, de aí a cronoloxía conxeturada. Posíbelmente formou parte dun colar de traxe de vistas de La Alberca.
Agnusdei en cera de cirio pascual con reliquias incrustadas. Vai en medallón ovalado de dúas caras con marco de prata de cerco liso e decoración incisa en spicatum no rebordo. Leva argola superior para levar pendurado. No anverso o Año Pascual, apenas visíbel, cun par de reliquias coa correspondente filacteria identificatoria impresa con letra do XVIII (Santa Eufemia e Santa Cunegunda?). No reverso, intúese o perfil de Cristo. Posíbelmente formou parte dun colar de traxe de vistas de La Alberca.
Agnusdei relicario en cera de cirio pascual con reliquias embutidas e adornos florais en fío metálico, tanto no anverso coma no reverso. Vai en medallón ovalado de dúas caras con marco de prata de cerco liso e fiestras de cristal de roca ovoides e lixeiramente convexas. No anverso, apenas visíbel, o Agnus Dei, recostado sobre o Libro dos Sete Selos, cruz e lábaro farpado. Na parte inferior, unha filacteria en papel con caligrafía en latín do XVIII (anos 70) dá conta da reliquia do veo de María: ex velo B. m.v. (do veo da Bendita María Virxe). No reverso, ao modo dos relicarios xardín, e dispostas en aspa, catro reliquias cos tituli en papel identificadores, baixo a mesma caligrafía setecentista: Santa Lucía, virxe; San Brais bispo, Santa Inés, virxe; San Vítor, mártir.
Óleo sobre lenzo, retrato ovalado de dona Águeda López Vieites, muller de Diego de Andrés García, nai entón de Ramón de Andrés García-López, bisavoa polo tanto de María Paz Taboada. Executado por Román Navarro a partir dunha fotografía daquela muller conservada no arquivo fotográfico do Pazo de Tor. Dedúcese que o retrato foi froito dun encargo levado a cabo no taller coruñés a través do intercambio postal. O marco, en madeira e estuco dourados, é ovalado con decoración de contas esféricas e entramado xeométrico. A modelo sitúase de tres cuartos e lixeiro perfil, o que, aínda sen proclamar fondura sicolóxica, aporta naturalidade, soportada tamén na veracidade do debuxo, na pincelada, moi fluída, e no tratamento lumínico.
Agulla alfiliforme tallada en óso de balea con ollo para enliñar lá para faceren roupa de crianza. Posíbel traballo artesanal mariñeiro orixinario do porto baleeiro de Nantucket.
Albarda que se coloca enriba da suadeira que levaban os cabalos ou mulos ao lombo para suxeitar antigamente as liteiras, en coiro con catro aplicacións nas esquinas en metal repuxado con forma de flor e bañado en prata.
Albarelo empregado coma floreiro. En cerámica branca, é de corpo cilíndrico, con lixeira convexidade no fuste. Presenta bocel no beizo, boca exvasada e escocia no pé. No corpo, escudo heráldico en tons azul cobalto, coidamos que pertencente á congregación do Císter ou Regular Observancia de San Bernardo: cuartelado, unha banda xaquelada de dobre serie de escaques, sementado de dúas flores de lis, unha no cantón destro do xefe, outra na siniestra, brazo de monxe con cogula branca empuñando báculo abacial, movente do flanco siniestro da punta. No xefe, a mitra a modo de timbre. Cerco ornamentado con volutas e cuncha de rocalla na punta. Semella da serie talaverá coñecida como "monástica" ou "heráldica". Véxanse as notas.
Base de alfineteiro, en forma de coroa calada e tallada en óso de balea. Iría enroscada á peza nº 1333 do inventario, pois formaban unha unidade desmontable: caixa de dedal e alfineteiro. Posíbel traballo artesanal mariñeiro orixinario do porto baleeiro de Nantucket.
Alfombra realizada en tear con liño e lá con motivos xeométricos en tons negros, branco , azul e verde. Na parte central un floreiro e o nome das autoras: "Clara Cardenosa e Sebastiana García". Rematada en flecos. Quizais provinte do taller de "El Bodón", na provincia de Salamanca, pois facían alí alfombras artesanais deste tipo.