Xerra para almofía en cerámica branca con asa e decorada con motivos florais (rosas), coa súa correspondente estrutura soporte, en madeira de faia, recurvada, ao xeito dos mobles hixiénicos que facía Thonet (peza 924 do inventario).
Xarrón de Daniel Zuloaga, da súa III Época, no obradoiro de San Juan de los Caballeros, co corpo decorado cunha paisaxe da cidade de Salamanca coa catedral e uns charros no primeiro plano coma protagonistas, segundo aquela preocupación polos tipos e costumes casteláns da xeración do 98. Albíscanse ao fondo a Clerecía e outros edificios. Da etapa na que o grande ceramista e pintor descobre as orzas da zona salmantina de Cantalapiedra (forma ovoide con carena marcada no terzo inferior que se estreita ata a base, que é plana; beizo superior volto de perfil redondeado), que logo él pintaba recuperando técnicas antigas como a da corda seca logo esmaltada e introducindo o estilo art dèco na decoración, baixo a influencia na figuración e na celaxe dun pintor reivindicado por esta saga familiar, El Greco. Para as vistas salmantinas, Daniel Zuloaga traballaba a partir de fotografías do célebre Venancio Gombau.
Xarrón de cerámica, barro esmaltado no galbo con aplicacións estanníferas. Con escudo heráldico dos apelidos "Losada Quiroga Lamela". Pintado en tons verde musgo e ocre.
Floreiro Satsuma de cerámica craquelada e esmaltada, con corpo ovoidal que se estreita a partir dos ombreiros. De colo estreito e boca exvasada, vai decorado con escenas de personaxes xaponeses do Shogunato e motivos florais en relevo en tons granates, dourados e brancos. Fai parella coa peza 404.
Floreiro Satsuma de cerámica craquelada e esmaltada, con corpo ovoidal que se estreita a partir dos ombreiros. De colo estreito e boca exvasada, vai decorado con escenas de personaxes xaponeses do Shogunato e motivos florais en relevo en tons granates, dourados e brancos. Fai parella coa peza 403.
Floreiro Rauenstein en cristal opaco branco (opalina) esmaltado e decorado con motivos florais en relevo de gusto Jugendstil. Fai parella coa peza 406.
Floreiro Rauenstein en cristal opaco branco (opalina) esmaltado e decorado con motivos florais en relevo de gusto Jugendstil. Fai parella coa peza 405.
Floreiro en forma de ánfora, feito en cristal tallado no galbo en punta de diamante con dúas asas en prata ennegrecida con forma de serea alada bicaudada (cola entrelazada de serpe) e ás de dragón sobremontadas cunha cuncha da que nacen cadanseu cisne que adapta a súa forma, dun xeito harmónico, fluído, á xeometría do perfil da asa, de gusto Imperio. Leva marca do prateiro Félix Granda y Buylla (1868-1954) e da súa empresa Talleres de Arte: trátase dun recadro refundido de esquinas redondeadas cun ramallete de flores de cinco pétalos e, ao carón do tallo, as inicias da casa, T A. Todo en relevo. Debaixo do punzón, o contraste de prata 916, de aí a cronoloxía que barallamos. Interesantísimas as asas, pois revelan a pervivencia ou, mellor, a deliberada recuperación do imaxinario medieval propio daquel contexto filomedievalista, historicista e ecléctico, de principios do XX, que o autor chamaba "obxectos de arte retrospectivo", onde interpolaba elementos do pasado nunha gramática estrutural de certa vangarda. Referímonos a dous mitos literarios de fonda tradición, o de Melusina e a Doncela Cisne, aquí reunidos a través desas figuriñas tenantes que proclaman a influencia dunha fonte gravada finisecular. Unha olleada ao repertorio de imaxes de que dispuña o artista para as súas recreacións botará luz sobre o asunto.
Xarrón globular de colo corto, feito en porcelana, con tapadeira con pechadura en bronce. Policromado, representa unha paisaxe xaponesa en tons azuis e fondo branco.
Xerra tauriforme en cerámica pintada e vidrada, de Puente del Arzobispo. O corpo é troncocónico; á altura da cabeza, o bico semella o fociño dun touro. Tiña cornos laterais, hoxe perdidos. Na panza, un touro debuxado ao modo cubista dos debuxos de Picasso, introducida a tipoloxía de xerra de touro con motivo picassiano na cerámica de Puente del Arzobispo por Mauricio Sanguino.
Xerra tauriforme en cerámica pintada e vidrada, de Puente del Arzobispo. O corpo é troncocónico; á altura da cabeza, o bico semella o fociño dun touro. Tiña cornos laterais, hoxe perdidos. Na panza, un touro debuxado ao modo cubista dos debuxos de Picasso, introducida a tipoloxía de xerra de touro con motivo picassiano na cerámica de Puente del Arzobispo por Mauricio Sanguino.
Xerra tauriforme en cerámica pintada e vidrada, de Puente del Arzobispo. O corpo é troncocónico; á altura da cabeza, o bico semella o fociño dun touro. Tiña cornos laterais, hoxe perdidos. Na panza, un touro debuxado ao modo cubista dos debuxos de Picasso, introducida a tipoloxía de xerra de touro con motivo picassiano na cerámica de Puente del Arzobispo por Mauricio Sanguino.
Xoguete de latón con litografía estampada e pintada. Un soldado axeonllado dispara unha ametralladora. Accionabase con manivela e frición. Da casa fundada por Rogelio Sanchís Bernia (1888-1936), "La Isla", de acordo cun modelo alemán dos anos 20.
Xoguete de latón con litografía estampada e pintada. Mickey Mouse nun balancín que se accionaba ao pulsar os extremos a través dun mecanismo de rodas dentadas. Carece da figura do lado oposto, probablemente o Gato Félix, parella habitual da casa fundada por Rogelio Sanchís Bernia (1888-1936), "La Isla". Leva marca de Fábrica coas iniciais do inventor: R S
Yatagán pequeno: machete turco coa folla curva dun só fío en aceiro con gravado cincelado decorativo no anverso e reverso, no arranque da folla. Nunha cara, un cervo e motivo acantiforme. Na outra, unha dama pasea o seu can apoiada nunha espingarda. Punzón estampado nun dos lados, frustro. Mango de madeira con remates de alpaca.