Bacía de barbeiro en cerámica de Talavera, Ruiz de Luna, en forma de cuncha de vieira, con orla en amarelo e emblema central en tons verdes e pardos cunha escena de dous lebreis correndo enmarcados por cadansúa árbore.
Baioneta de cubo en ferro. É o modelo AN-IX para tropa de infantería. De liña esvelta e innovadora, era a baioneta máis lixeira, segura e efectiva de todas as Guerras Napoleónicas. Triangular, cunha das súas caras plana e as outras dúas baleiradas; suxeición tradicional de cubo provista dunha abrazadeira de seguridade. Leva o número de serie 77.
Balanza de cambiador para moedas de ouro ou mesmo azafrán. Conserva o estoxo, en madeira, de forma pentagonal apaisada e peche horizontal cos ocos para acubillo dos correspondentes 6 ponderais e do corpo e pratos da propia balanza. A balanza: en ferro o corpo e os pratos en latón, suxeitos con cordón branco aos brazos. Dos ponderais conserva 2, un troncocónico e outro de flan troncopiramidal, coas respectivas medidas (dobrón) e marca de fábrica, en forma de tritón, e botóns superiores de suxeición.
Balanza de cambiador para moedas de ouro. Tamén empregada para pesar azafrán. Conserva o estoxo, en madeira, de forma rectangular e peche horizontal cos ocos, no interior, para acubillo dos correspondentes 7 ponderais e do corpo e pratos da propia balanza. A balanza, en ferro o corpo e os pratos en latón, suxeitos con cordón verde e amarelo aos brazos. Dos ponderais conserva 2, de flan troncopiramidal, coas respectivas medidas (dobrón) e marca de fábrica, en forma de tritón, e botóns superiores de suxeición. Adherida á tapa, por dentro, etiqueta de papel con explicación impresa coas indicacións dos pesos e instrucións para o peso de moedas.
Mancerina de prata. Consérvanse unicamente a salviña en prata, de forma ovalada e perfil mixtilíneo, con motivos xeométricos repuxados, co seu soporte executado cun antepeito de crestería art déco de flores de lis para acomodo da cunca e outro de menor altura e corpo, para o vaso.
Bandexa oval de gran tamaño en prata, gravada con motivos florais incisos e no centro, aditamento posterior, un escudo de armas da familia de Tor, no que aparecen os apelidos: 1º cuartel Garza de Castillón; 2º ,Sarmiento; 3º , Quiroga de la Puebla e no 4º o apelido Losada. Asas labradas nos extremos con decoración vexetal en relevo. Vai marcada no reverso co contraste B da localidade (supoñemos que da cidade de Barcelona). Non leva punzón
Bandexa de comunión en metal (chumbo e níquel) bañado en prata e de forma ovalada, polo obradoiro de pratería xermánico Fleitmann, Witte & Co. Leva a marca do taller (iniciais entre dúas frechas cruzadas) e data de produción.
Bargueño de influencia italiana en madeira policromada imitando un acabado en carei e bronce. Dividido en tres rúas: as laterais contan con catro caixóns cada un, coa súa correspondente pechadura e embelecedor, un palastro de latón; a central, organizado a modo de portada dístila que alberga un arco de medio punto coroado a base de placas voadas e recortadas, sobresae en planta cunha porta con dobre bisagra que dá acceso a cinco caixóns en marquetería. Decorado todo o frontal con fileteado metálico en latón embutido describindo círculos encadeados.
Bargueño en madeira de castiñeiro. Composto de dous corpos: o inferior, un taquillón soporte do escritorio, é un caixón de taboleiros enteirizos ensamblado con cola de miñato con dous caixóns na cara frontal, grandes e con dúas asas de ferro recurvadas, en forma de C invertida; vai apoiado este corpo en dúas zapatas coa súa face tallada en estrías; o contador superior, ensamblado en cola de miñato reforzado con cantoneiras de ferro forxado e bisagras flordelisadas, organízase en once gabetas con tirador central circular en madeira tallada, flanqueado o tirador por placas resalteadas de perfil ovalado e resalte central, e orlado o perímetro cunha grilanda tallada policromada en vermello. Os caixóns arrodean unha lacena central con pechadura. Conta con tapa abatible mediante bisagras e perno de feche superior. A fechadura da tapa vai ornamentada cun palastro de ferro forxado con tracería calada. Nos costados, asas de ferro forxado, curvas e abalaustradas.
Bargueño, contador ou escritorio papeleira de influencia italiana, quizais napolitana, en madeira, en forma de caixa rectangular con embutidos de carei e decoración a base de mascaróns bocachave en bronce dourado. Dividido en tres corpos: os laterais contan con tres caixóns cada un (en total seis), e tiradores en bronce con bocachave; o central consiste nunha porta que sobresae en planta articulada mediante bisagra. Organízase esta fronte en disposición dístila cunha fornela central que acubilla á musa Terpsícore, fundida en bronce; este corpo dá acceso a catro caixóns interiores. Decorado con fileteado metálico en latón describindo círculos encadeados. Apoiado en catro pequenos pés lenticulares. Nos flancos, asas en ferro forxado
Papeleira de influencia ou mesmo procedencia italiana, en marquetería de madeira de piñeiro con laminado de ébano, carei e óso gravado con motivos vexetais e animais e a figura dun cabaleiro á moda do primeiro terzo do XVII que centra a composición. A caixa, ensamblada en inglete, organízase verticalmente en tres corpos: o central, con porta exterior que dá lugar a catro caixóns; os dous corpos laterais contan con tres caixón cada un. Asas laterais en ferro forxado, curvas e abalaustradas, formando unha C invertida.
Papeleira de viaxe, contador ou bargueño. O corpo principal e unha caixa de taboleiros enteirizos en madeira de castiñeiro ensamblados en inglete con reforzos de bisagras en ferro forxado flordelisadas. Con tapa abatible mediante bisagras con seis vieiras ornamentais en ferro forxado (3 de cada lado) e dúas asas nos flancos, de ferro forxado, curvas e abalaustradas. A pechadura, con embelecedor de palastro con tracería calada en tornapuntas e feltro vermello. No seu interior, a parte frontal consta de sete caixóns en marquetería formando debuxos de forma xeométrica. Conta con secreto. Vai apoiado en catro pequenos pés
Barómetro en madeira con depósito en vidro para o mercurio. Parte superior coa lenda das diferentes medicións e sinatura do autor, o suizo Enrique Luard (Lausana, 1785-?), orfebre, fotógrafo e reloxeiro afincado na Coruña a partir de 1806.
Báscula de precisión de bronce para pesar moedas de prata e de ouro con decoración floral repuxada no pé. Trátase dun vástago oco, con mola no interior, que nace dun pé exvasado e moldurado, e remata na repisa, plana, onde colocar a moeda.
Bastón co vástago de madeira e empuñadura curva coa cabeza tallada dun can en marfil cos ollos en pasta de vidro. Probablemente para uso nalgún acto no serán, cando era preceptivo aquel material na empuñadura. Salienta o regatón, tamén en marfil.
Bastón co vástago en madeira de bambú con empuñadura, tallada no mesmo corpo, en forma de cabeza de cisne, con baño diferenciado de verniz e pasta de vidro nos ollos.
Bastón co vástago en madeira con dous apliques en metal bañado en ouro nas virolas. Entre elas, unha placa rectangular metálica, esmaltada en negro, con flores de lis prateadas en cadansúa esquina.
Bastón tipo Makila con pomo de corno e coiro entrelazado e apliques en bronce. Corpo en madeira e bronce e regatón rematado en pincho con rosca. No outro extremo, tamén en bronce, leva a inscrición "Inacio-1932".
Benditeira en porcelana branca con motivos en dourado, na placa, octogonal de lados curvos con vértices rematados en esferas douradas, o Sagrado Corazón de Xesús atravesado por unha espada. A pía, con ribetes dourados.
Benditeira en cerámica de biscuit. Na placa, coa figura dun Neno Xesús que sostén unha coroa de flores. Coroa o conxunto un ramallete de azucenas, flores que tamén ornamentan a pía.
Berce tipo balancín en madeira de castiñeiro, estilo Carlos IV, con cabeceiro a modo de peita curva con embutidos de marquetería en buxo que debuxan unha rosa dos ventos, estrela central de seis puntas. Os flancos, organizados por unha sucesión de seis vans delimitados por barrotiños planos de perfil eseado unidos na base. Fronte e pé de tres arcos de acordo coa mesma organización dos laterais. Apoiado sobre dous balancíns en forma de media lúa moi rebaixada. Os catro ángulos rematados por cadansúa acrótera ovoidal.
Biombo de tres follas articuladas por bisagra en madeira de piñeiro revestida con verniz escuro. En realidade, trátase dun tríptico armado con simples bastidores rematados con copete de volutas afrontadas o central, e con motivos floriformes, tamén afrontadas e debuxando un losange calado na súa unión, os laterais. Os plementos son lenzos e van pintados no seu anverso ao óleo, con pinturas de paisaxe e arquitectura que poetizan as propias dos xardíns da Alhambra e o Generalife, supoñemos que a raíz da visión pictórica dun Sorolla e da súa serie granadina. O da esquerda, por exemplo, ofrécenos o Mirador da Lindaraja empolicanda sobre o seu xardín, coa característica fonte e mailo ciprés, semellante, salvando as distancias na execución, ao encadre da mesma estampa do mestre valenciano. O asunto do lenzo central... podería tratarse da Torre de Comares. No seguinte quizais esteamos ante un recanto dos xardíns do Generalife. No reverso os lenzos van asegurados ao marco mediante bastidor de piñeiro. As escenas dos paneis extremos van enmarcadas cun trampantollo de arco de ferradura pintado. Sen asinar, os motivos decorativos dos copetes suxiren unha cronoloxía de comezos do XX.
Bolsa de corporais reutilizada como tapete. Tecida en seda natural adamascada con motivos florais en tons ocres, granates e verdes; ribeteada en pasamanería de fío de ouro.
Bolsa de corporais en seda natural adamascada de cor vermella con motivos florais e vexetais en fío de ouro, e ribeteado con pasamanería da mesma finta dourada.