Cadro en pergamiño no que aparecen representados dous escudos heráldicos dispostos en aspa separados por unha cruz da Orde de Santiago e, arriba, un helmo e brazo armado na parte central. Marco en madeira. As armas correspóndense cos apelidos Taboada, Zúñiga, De Andrés, García e Cuenca, Garza, Valladares e Valcárcel.
Pergamiño realizado e escrito por D. Benxamín de Prado a plumilla: unha felicitación de voda ilustrada con escudos heráldicos da casa de Tor e da solaina do leste, con reminiscencias medievais e diplomáticas (pende un selo a modo de privilexio rodado, neste caso do Rei Alfonso XIII) dedicada a Mª Paz Taboada.
Cadro realizado por Benxamín de Prado a plumilla sobre pergamiño adicado a D.José Taboada de Zúñiga a modo de felicitación de santo. Con gran letra capitular, propia de libro iluminado, e cruz de Santiago.
Gravado que representa en dous paneis dúas escenas literarias ambientadas na Idade Media por identificar. Sobre pan de ouro e cristal. Marco en madeira dourada
Gravado sobre papel do célebre artista Ventura de Ágreda (1754-1786). Trátase dunha fe de hermandade concedida pola Orde franciscana a Francisco Losada Quiroga, a Francisca Bermúdez e ós seus irmáns. Asinada en San Diego de Valladolid, o 3 de marzo de 1789. Marco en madeira e estuco sobredourado con pan de ouro, rematado na parte superior cunha cuncha de vieira de gusto rococó.
Réplica reducida dun bodegón, feito cunha litografía pintada. Obra de Jan Brueghel o Vello (orixinal no Museo do Prado, cunha cronoloxía de principios do século XVII) que representa un xarrón con flores, unha rá e unha pedra bezoar. Marco en madeira.
Óleo sobre táboa de castiñeiro asinado por Cándido Garabal. É unha paisaxe a plein air, retrato da maior das lagoas artificiais do xardín inglés do Pazo de Tor. Albíscase unha barquiña e dous ocupantes, un deles a bogar.
Óleo sobre cobre que representa ao Neno Xesús cos atributos da súa futura Paixón (Arma Christi); cruz, esponxa, lanza e escaleira (non se distingue ben se vai a coroa de espiñas de rigor) que apaña co brazo dereito, portando un balde na outra man, no que irían, de acordo co modismo iconográfico, os demais elementos do martirio, aquí tapados por un paño, imaxinamos que pola impericia do artista á hora de ser minucioso. Camiña cara a esquerda (o que delata unha fonte gravada) sobre un leito de rosas e baixo un amplo cortinón vermello (semella que será un engadido posterior) e fiestra ao fondo en tosca perspectiva, foco de luz da escena. Marco en madeira sobredourado. Posíbel orixe americana, talvez do Ecuador, inspirada na obra gravada de Hieronimus Wierix (1553-1619) co mesmo asunto (In Laboribus a iuventute mea). Na peza de Tor non aparece a usual inscrición latina ao pé. O manto e a cortina efectista conservan o ton vermello consuetidunario. Non obstante, a túnica, dun azul gastado, quixo ser púrpura, pois esa cor viste o Neno noutras representacións semellantes, o que revela o carácter rudimentario, case industrial, e polo tanto, a idiosincrasia mercantil, de consumo a grande escala, deste cobre.
Óleo sobre cartón que representa unha paisaxe de montaña, de certo aire expresionista. A pincelada é solta, empastada na construción das nubes do fondo. Asinado por G. Schlipf. Marco en madeira dourada, labrado con motivos vexetais acantiformes.
Óleo sobre cartón que representa unha paisaxe de certo aire expresionista, de pincelada solta e moi empastada. Asinado por G. Schlipf. Marco en madeira dourada, labrado con motivos vexetais acantiformes.
Óleo que representa a imaxe de Xesús Divino Pastor. Marco en madeira dourada. É copia libre, un tanto naïf, do lenzo que pintou Juan Sánchez Cotán (1560-1627) e que se conserva no Museo do Mosteiro da Concepción, en Granada. No de Tor, o autor invertiu a pose do neno e suprimiu os instrumentos da Paixón que figuran aos pés no orixinal, o que delata o emprego dunha fonte gravada.
Óleo sobre cobre do Martirio de San Lourenzo, copia do orixinal de Tiziano a partir do célebre gravado de Cornelis Cort, talvez provinte do Virreinato de Nova España.
Retrato oval de don José Francisco Losada y Quiroga, bispo de Mondoñedo (1761-1779). Óleo sobre lenzo, posíbel copia de Salgado sobre dun orixinal gravado do século XVIII. Marco en madeira e estuco sobredourado con adornos de rocalla e escudo episcopal con capelo, borlas e armas dos Losada Quiroga.
Plaqueta en bronce coa imaxe de San Diego de Alcalá portando a cruz, coas rosas no hábito, e dando esmola a un neno, de acordo coa iconografía habitual. Talvez copia dalgunha estampa devocional. Atopamos unha plaqueta idéntica, quizais a que serviu de molde, no Museo Lázaro Galdiano, con data, segundo o catálogo, do século XVII.
Cadro en cristal con gravado litográfico devocional a cor sobre metal prateado, orlado dun entrelazado xeométrico e de grilandas. Nun tondo, San Xosé, coa vara florida como atributo, co neno Xesús no colo, coa bordura do marco orlada de grilandas de azucenas. Marco liso en madeira de castiñeiro.
Icona lenticular, en papel plisado, litografía pintada baixo vidro. Do lado esquerdo, o Sagrado Corazón de Xesús, e no dereito, o de María. Marco en madeira.
Cadro coa fotografía a cor con retrato dun suposto orixinal de Dionisio Fierros de D. Francisco Taboada e Losada. Marco ovalado en metal con baño de ouro do s.XIX.
Óleo sobre lenzo de Agustín Lorenzo Varela de Temes, bispo de Salamanca. Marco en madeira dourada. Asinado por Garabal (Cándido?) na parte inferior dereita. Feito, como a maioría dos retratos deste bispo, a partir do gravado litográfico de Carlos Legrand, activo até 1858 (peza 494 deste inventario)
Retrato oval ao óleo de don Melitón de Cuenca y San Juan. Asinado por Dionisio Fierros. Marco de madeira dourada con decoración en estuco de rocalla, cintas drapeadas e espellos convexos nas esquinas.
Retrato de D. José Francisco Losada e Quiroga ao óleo sobre lenzo (Bispo de Mondoñedo). Probábel copia de José Salgado dun orixinal gravado calcográfico anterior, do XVIII. Difire do retrato anónimo do mesmo prelado conservado no Reitorado da Universidade de Santiago. Marco en madeira dourada na parte superior con escudo cardealicio coas armas propias da liñaxe Losada Quiroga. Decoración da parte superior e laterais do marco a golpe de rocalla. Presenta un pentimenti no crucifixo de acibeche que lle pende do colo.
Retrato ovalado ao óleo sobre cobre dun cabaleiro sen identificar, quizaiss marido de Dolores Araújo Jimeno, vestido á moda de mediados do século XIX. Marco en madeira dourada. Fai parella co nº 1144
Retrato ovalado ao óleo sobre lenzo de don José María de Prado y Losada, párroco que foi de San Xoán e San Xulián de Tor. Marco en madeira dourada non orixinal, pois habería de ser ovalado. Asinado por José Salgado.
Retrato ao óleo sobre lenzo de Francisca Javiera Losada Quiroga, de acordo cos testemuños orais. Marco en madeira dourada. Asinado e datado por José Salgado, a protagonista garda, sen embargo, moito parecido con Mercedes Enríquez, da que se conservan fotografías e cartes de visite no despacho do pazo. Loce o sonado colar da Torre da Candaira con pendentes a xogo, segundo apreciación de Álvaro Taboada Zúñiga.