Benvida
As orixes deste pazo están vinculadas á liñaxe dos Garza, no século XIV. Foi habitado pola familia ata 1998, cando a última herdeira, María Paz Taboada de Andrés, doou o edificio e os seus contidos á Deputación Provincial de Lugo baixo dúas condicións: acceso gratuíto á veciñanza de Monforte e respecto escrupuloso á conservación e disposición do mobiliario, das obras de arte e demais enseres.
Situado nunha elevación con vistas ao val de Lemos, levantouse no século XVII pero pasou por varias reformas nos séculos XVIII e XIX que lle conferiron o seu estilo actual, dun barroco anovado coas premisas decorativas dos anos finais do 1800. O pazo conta cun xardín, un singular labirinto de chantos. Debuxa unha planta en forma de U con dous andares visitables. O superior estaba destinado á vivenda da familia, mentres que o inferior albergaba a adega, cortes, fragua e outras dependencias de servizo.
A Deputación de Lugo converteuno en museo público e incorporouno á Rede Museística Provincial. Desde a súa apertura en 2006, ofrecía 17 salas coas obras de arte, mobiliario, armería e coleccións destacadas, como a biblioteca e o arquivo, a Sala de Armas e o Salón de Mediodía, con instrumentos musicais pouco comúns, entre eles un claviórgano Longman & Broderip e un pianoforte Collard & Collard. O ano 2022 o discurso dos feitos amplou a súa mirada. Ata entón, a narrativa cinguíase á idiosincrasia fidalga galega representada nos salóns nobres. Co proxecto “Soterradas: a vida tralos mantelos, da Fortaleza ao Pazo”, desenterráronse as historias que concernían ás vidas das criadas. A cotiandade dunha casa nobre coma esta non se entendería sen os cuartos de servizo doméstico, sen o aseo, o telar ou mesmo sen os mantelos que vestiron decote. Recuperáronse para o acceso público tanto os espazos coma os vestixios materiais daquelas vidas anónimas.
